O Museo de Verín chega aos 33.000 visitantes preparando a renovación das súas coleccións Imprimir
Venres, 30 Decembro 2022 18:09

 Logo de cinco anos de funcionamento, o Museo do Claustro Mercedario ven de acadar a cifra de 33.000 visitantes. Nado coa función de servir de atractor turístico e divulgador da comarca de Verín, durante este periodo  as súas instalacións levan desenvolto máis de 250 actividades, entre exposicións, mostras, cursos de divulgación ambiental e actividades relacionadas coa cultura do viño na DO Monterrei.

Ante estas cifras, e coa intención de ampliar a súa vocación de dinamizador cultural, o Museo de Verín aborda agora unha ambiciosa ampliación e renovación das súas coleccións, con novos elementos expositivos vinculados co patrimonio, o viño e os atractivos da comarca de Monterrei. Mentres  adecúa os seus novos espazos expositivos, as instalacións do Claustro permanecerán pechadas ao público.

O Museo de Verín aborda así a preparación das novas instalacións no edificio modernista do arquitecto Vázquez Gulías, os antiguos almacéns Recaredo Romero, sito na rúa Luis Espada.

A maior dispoñibilidade de espazos permitirá ampliar e diversificar os elementos divulgativos adicados á cultura do viño de Monterrei, concretamente na antiga adega anexa ao novo museo, así como dúas salas de exposición na primeira e segunda planta, e equipamentos para a conservación e investigación, coa acollida de importantes fondos permanentes.