Os expositores da Feira de Nadal de Verín dan un notable á organización do evento Imprimir
Martes, 13 Decembro 2022 12:10

 Esta mañá, o concelleiro da área de Transporte, Feiras e Hostalería,  Manuel Lorenzo, e a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, realizaron un balance “positivo” dos resultados da Feira de Nadal de Verín celebrada entre os días 9 e 12 de decembro na Praza García Barbón. Baseándonos no cuestionario realizado polo Concello de Verín aos expositores participantes, o resultado é que os mesmos dan un aprobado as vendas; sendo salientable tamén a valoración xeral da organización que obtivo un notable, e os sobresalientes no que se refire á limpeza do recinto ou a ubicación da feira.

As enquisas realizadas preguntaban aos expositores por unha serie de cuestións vinculadas a feira, puntuando de 1 a 10, sobre os seguintes asuntos (nota media): a organización (7,72), as ventas (5), os stands (8,63), a ubicación (9,54), a animación musical (6,54), a limpeza (9,54) o horario (8,18) e actividades complementarias (6,09).

Segundo salientou Manuel Lourenzo, «a pesar de que as condicións meteorolóxicas non foron as ideais durante a fin de semana, podemos dicir que a feira cumpriu as expectativas tanto na calidade dos produtos ofertados polos expositores presentes como na elección das actividades infantís programadas».

Pola súa banda, Emilia Somoza quixo destacar a gran acollida que tivo o concerto didáctico infantil do sábado 10 de decembro «no que participaron preto dun cento de persoas»; así como os obradoiros de adobíos de Nadal «que nas horas de máis afluencia da feira tiveron o aforo completo» e a multitudinaria resposta da cativada na visita de Papa Noel o domingo 11.

Sorteo da cesta de produtos premio a mellor stand

Este ano, a persoa premiada no tradicional sorteo celebrado o domingo na carpa de feira con dúas cestas de produtos típicos de nadal cedida polos expositores foi Verena García Vázquez, e o premio a mellor stand foi outorgado ao expositor Galifornia Dreaming (Sonia Angélica Rodríguez).