Máis de 600 nenos e nenas recibiron ao Ratiño Pérez no Auditorio de Verín Imprimir
Mércores, 30 Novembro 2022 18:56

 Esta mañá, máis de 600 nenos e nenas procedentes dos centros educativos da comarca recibiron no Auditorio Municipal de Verín ao Ratiño Pérez. Os seus anfitrións foron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o concelleiro de Feiras, Manuel Lorenzo e polo xerente da Fundación Dentalnova, Antonio Xusto quen lle deu unha calorosa benvida e entregáronlle unha medalla de honra en agradecemento ao seu «encomiable labor ilusionando, ano tras ano, aos máis pequenos da casa».

Logo do éxito da caseta do Ratiño Pérez do ano pasado, a Fundación Dentalnova quixo convencelo para que visitase a vila neste Nadal. Así, proponse máis dun mes de actividades ao redor da súa figura buscando converter estas accións nun verdadeiro atractivo para o lecer da comarca. Así, volverase instalar a Casiña do Ratiño Pérez na Praza da Mercé, onde as crianzas terán a oportunidade de visitar e retratarse xunto ao Sr. Pérez.

O proxecto está vertebrado pola publicación do libro "O Ratiño Pérez", editado pola Fundación Dentalnova, no que se conta a súa vinculación co doutor Antonio. É unha historia baseada nunha idea orixinal de Edelmiro Mateo, ilustrada por María Isabel Álvarez Trujillo e cos textos de Antonia Blanes Hermida. Un conto centrado en Verín e nos seus elementos máis característicos.

O conxunto da iniciativa xorde da colaboración de entidades públicas e privadas que apostan por un proxecto no que se mestura o ocio e a concienciación sobre a necesidade de coidar da nosa saude bucal.