O Entroido marca un ano máis a axenda do FIC Vía XIV Imprimir
Xoves, 01 Setembro 2022 08:31

O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, acolleu esta tarde a actividade paralela Entroido: outras miradas. Ao igual que en anos anteriores, a temática do Entroido é un dos piares fundamentais da programación paralela do FIC e, nesta ocasión, faino a través de narrativas menos convencionais.

Dunha banda, dentro desta acción proxectouse unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor é o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións arredor desta celebración. Son pezas de diferentes entroidos do mundo, coa finalidade de comprobar como dialogan estas tradicións en latitudes tan diversas.


As pezas que puideron verse no Auditorio de Verín foron:

Nan Lakou Karnaval
de Kaveh Nabatian (HT, 2014, 9?)

Viaxe polo entroido haitiano vivido por unha muller nova, na fronteira entre o documental, o poema visual e a alucinación. Anxos da morte e grupos de homes cubertos de xarope negro enfróntanse a un xigante con ollos de lume, ao ritmo da música ‘rara’ e ‘raboday’ haitiana.

Pasaia
de Grossmann (FR, 2021, 23?)
Galería de monstros, desfiles musicais, abismo dun espazo e dun tempo mistificados, gran circo estacional convulso, esta exploración fílmica mergúllanos nun mundo moi afastado, onde a mitoloxía vasca se tece en paisaxes atemporais. Os costumes e as crenzas conflúen nun ritual ancestral.

Malanka
de Paul-Louis Léger e Pascal Messaoudi (FR, 2018, 13´)
Nalgún lugar nos outeiros de Ucrania, preto da fronteira con Romanía, Gigi está a celebrar Malanka, unha festa pagá na que os osos son os heroes.

A sesión finalizou cunha curta filmada nos anos 70 en Laza:

Peliqueiros
do Equipo Lupa (GZ, 1973, 35’)

A filmación do entroido ourensán mantense coma un motivo case que constante nas distintas iniciativas cinematográficas da década, mais será a visita do grupo Lupa ao entroido de Laza e os seus célebres peliqueiros a que de comezo ao rexistro desta singular festividade.

Euloxio Ruibal, director desta curta, participou esta tarde na actividade celebrada no Auditorio de Verín.

Carrilano KaoS

Doutra banda, representouse a performance Carrilano KaoS de Álvaro Rúa, con Gaita en DÓ e con técnicas extendidas, na que colaboraron o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.

Trátase dun proxecto artístico construído a partir do estudo das técnicas estendidas para gaita galega que centra o discurso da obra no entroido e no sentido esconxurador dos ritos que se celebran no mesmo

O son, a ambientación e a iluminación desta perfomance, que se representou no Auditorio de Verín, foron coidadas ao máximo. Un total de 10 actores profesionais acompañaron a Álvaro Isaac Rúa sobre o escenario para interpretar esta orixinal peza creativa.