A Biblioteca de Verín renderá unha homenaxe ao escritor Domingo Villar nas IV Xornadas de Novela Negra Imprimir
Venres, 27 Maio 2022 08:54

 Os vindeiros 3 e 4 de xuño, a Biblioteca de Verín celebrará as IV Xornadas de Novela Negra “Personaxes de Novela”, evento no cal participarán escritores e escritoras de primeiro nivel como Arantza Portabales, Xaquín F. Leiceaga e Alejandro Corral; así como un elenco de profesionais, que normalmente aparecen nas novelas deste xénero literario, como o ex Comisario de Vilagarcía, Enrique León, o Comandante da Garda Civil Secc. Homicidios da U.C.O., Víctor Souto, dous médicos forenses Iria del Río e Fernando Serrulla, un xornalista Rafa Cid, director do Centro Territorial de RTVE Galicia, e o Xuíz Vázquez Taín (coordinador e director do evento).



Dado o prematuro pasamento do escritor vigués Domingo Villar, quen colaborou activamente ao longo destes anos no evento da Biblioteca de Verín, (foi o primeiro escritor que participou nas I Xornadas de Novela Negra no 2014), desde a organización decidiuse render unha homenaxe a súa persoa na inauguración do evento. A mesma correrá a cargo de Lorena Carnero e Daniel Carnero, voluntarios da Biblioteca de Verín.

Segundo explicaron desde a organización das xornadas, Villar estará presente no escenario de tódalas conferencias cunha gran imaxe, cedida para o evento pola recoñecida xornalista e fotógrafa Victoria R. Ramos, redactora e editora, de medios online, ligada na actualidade a Zenda, entidade creada por Arturo Peréz Reverte.

A Biblioteca de Verín, quere transmitir deste xeito todo o cariño, respecto e admiración á memoria de Domingo Villar e así mesmo as condolencias á familia do escritor vigués, amigos e escritores e escritoras que nestas semanas choran a perda do gran baluarte da escrita galega contemporánea.