O Concello de Verín aproba a OPE extraordinaria para estabilizar o emprego laboral temporal de longa duración Imprimir
Venres, 13 Maio 2022 12:52

 O  Concello  celebrou esta mañá a Mesa Xeral de Negociación para aprobar a Oferta de Emprego Público extraordinaria, en aplicación da  Lei 20/2021 de medidas urxentes para redución da temporalidade no emprego. Grazas ao acordo aprobado hoxe na casa do concello, entre o  Concello e os sindicatos participantes (CIG, CCOO e CSIF), todos aqueles postos ocupados por traballadores temporais que reúnan os requisitos esixidos pola lei van adquirir ben mediante un sistema de méritos ou ben por concurso-oposición a súa praza fixa.

O  Concello de Verín conta cun persoal actual de funcionarios, persoal laboral fixo, e persoal temporal, indefinidos e subrogados que se sitúan en 200 traballadores. Por outra banda, tamén é o concello da provincia onde máis emprego estable se  consolidará -a finais do 2024 ten que rematar este proceso- cun total de 89 prazas (todo iso sen contar cos case 70 traballadores subrogados por este goberno municipal desde o ano 2015  que non se inclúen neste proceso de estabilización).

Esto é posible grazas a decisión tomada no seu día polo grupo de goberno, encabezado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, da remunicipalización progresiva de servizos, tales como a limpeza edificios, aparcadoiro subterráneo, limpeza viaria, Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), servizo de dependencia, e o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos ( RSU). Grazas a iso, posibilitouse a creación dun emprego público e con garantías para os seus traballadores, que agora non se someten ao proceso de estabilización xa que segundo sentenza do  Tribunal Supremo, establécese a fijeza no propio ámbito, unha fixeza funcional e non adquirida incondicionalmente.

Segundo explicou a  concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez Delgado: «Na historia deste Concello non houbo un proceso de consolidación de tanta envergadura como o que se aproba hoxe, por tanto, hoxe felicito aos sindicatos, os 3 representativos da Mesa xeral: CIG, CCOO e CSIF e ao goberno que represento por chegar a este gran acordo que se traduce en emprego estable».

Por outra banda, Rodríguez Delgado quixo «felicitar a todos os  trabadores "temporais" que van poder optar á súa praza fixa, e transmítolles calma e ánimo para afrontar este proceso».

Así pois, serán case 40 postos de traballo diferentes que pertencen a todas as áreas municipais, (conservatorio, servizos sociais, artes e oficios, deportes, vías e obras, parques e xardíns, limpeza viaria e de edificios e axuda domicilio) e un total de 89 prazas a cubrir. A publicación da convocatoria destes procesos selectivos deberá producirse antes do 31 de decembro do 2022 e a resolución dos procesos antes do 31 de decembro do 2024.