O Concello de Verín empeza a instalar as sombrillas doadas aos hostaleiros da vila Imprimir
Venres, 09 Xullo 2021 12:50

 O  Concello de Verín pon en marcha unha das últimas medidas de apoio destinadas ao sector da hostalería, anunciada o pasado mes de marzo, e comeza a instalar as sombrillas doadas a bares e restaurantes. Ademais, devandito mobiliario urbano servirá para regular de maneira definitiva o espazo que cada un deles destina á súa terraza na vía pública, contribuíndo á reordenación e humanización da vila.

Nesta primeira actuación instalaranse un total de trinta sombrillas, das cales dezasete foron xa situadas esta mañá nos establecementos da Praza Maior; o resto, farano en diferentes puntos da vila. «Emprazaranse, paulatinamente, un total de cento vinte sombrillas, así como as correspondentes mesas necesarias para cada terraza», anunciou Gerardo Seoane.

Para a localización do mobiliario urbano, os técnicos municipais deseñaron e marcaron sobre a vía pública o espazo de ocupación de cada establecemento que será delimitado por valos de madeira, así como con macetas ornamentais. Así mesmo, as sombrillas terán a súa base ancorada ao chan o que facilitará aos traballadores retiralas facilmente á hora do peche.

Para poder recibir este material, será necesario que a persoa titular do establecemento dispoña da oportuna licenza de ocupación da vía pública.

Con esta medida preténdese, ademais de adecuar definitivamente o espazo correspondente en cada unha das licenzas dos hostaleiros, «apoiar a un dos sectores máis castigados pola pandemia e facilitar o control que as autoridades sanitarias esixen. Non soamente os axudamos con mobiliario, senón que tamén creamos unha imaxe de uniformidade en toda a vila, contribuíndo a  reordenación e humanización da nosa vila», explicou o alcalde.