Verín acolle o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da USC: "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento” Imprimir
Martes, 09 Marzo 2021 15:24

 O Concello de Verín acollerá os próximo días 25, 26 de 27 de marzo o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela, que leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento", grazas a un acordo de colaboración entre a USC e este ente municipal. Esta iniciativa está dirixida a persoas de máis de 50 anos.


O programa distribúese ao longo de tres xornadas nas que se inclúen seminarios sobre temáticas diversas, e sesións prácticas, que serán impartidas por docentes da USC; entre as materias que se abordarán neste ciclo figuran o Dereito e a Criminoloxía a Educación ou Historia e o Patrimonio. As clases  impartiranse no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín. (Rúa Irmáns la Salle).

 

A presentación oficial do programa, que tivo lugar esta mañá na Casa da Cultura de Verín, contou coa presenza de Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde de Verín, e de Alexandre Sotelino Losada, doutor en Ciencias da Educación, profesor do Dpto de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do equipo organizador das xornadas.

 

Na súa intervención, Diego Lourenzo Moura recordou que para a celebración deste evento elaborouse un estrito plan para garantir a protección das persoas participantes de potenciais contaxios de Covid-19 e destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para achegar os coñecemento académicos máis actualizados ao ámbito local. «Desde o Concello de Verín entendemos que democratizar o coñecemento, e facer que todas as persoas interesadas polo saber poidan acceder ao mesmo sen restricións, é esencial para a creación de conciencia democrática e ademais tamén para o exercicio dos dereitos das persoas e dos pobos».

 

Pola súa banda, Alexandre Sotelino explicou que o principal obxectivo deste programa e sacar dos campus os diferentes avances en diferentes ámbitos de investigación para levalos ás persoas que se mostren interesadas en adquirir estes coñecementos. «Todas as universidades teñen tres funcións: a primeira e investigar, a segunda a docente e a terceira é a transferencia. De nada nos sirve investigar se ese coñecemento non vai en prol da sociedade».

 

Todas aquelas persoas -maiores de 50 anos- interesadas en inscribirse neste programa poden facelo, de maneira gratuíta, a través das seguintes vías:

 

Inscrición telefónica:

Os horarios (de luns a venres) nos que poden chamar e os números aos que terán que chamar (pedindo que

os poñan con Cultura) son os seguintes:

Desde ás 7:45 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h, 988 410 000, 988 410 001 ou 988 410 334.

 

Inscrición presencial:

Luns a Venres. Casa do Concello de Verín, Negociado de Cultura (1º andar).

Desde ás 7 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h.

 

 

Programa completo

 

25/03/2021

11:00-12:30 h

Seminario: Introdución á Criminoloxía e Política Criminal.

16:30-18:00 h

Actividade interactivas de resolución de casos prácticos e análise de “pegadas dactilares”.

Dna. Ana Moure Soengas. Graduada en Ciencias Políticas e Criminoloxía. Docente do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC

 

26/03/2021

11:00-12:30

Seminario: “Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Verín”.

16:30-18:00h

Visita ao Museo Claustro Mercenario.

Dna. Carolina Casal Chico. Dra. en Arte Medieval. Docente do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC

 

27/03/2021

11:00-12:30

Seminario: Cultura Folclore e educación: Construíndo a Identidade Persoal desde a Tradición.

D. Alexandre Sotelino Losada. Dr. en Ciencias da Educación. Docente do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e no Programa Universitario de maiores, IV Ciclo da USC

16:30-18:00h

Obradoiro A Cociña Musical: O uso dos recursos cotiás na creación artística. Dna. Sandra González Sousa. Monitora e Dinamizadora Cultural.

Dna. Cristina Calle Rodríguez. Monitora e Dinamizadora Cultural.