Exposición ‘Emigrantes pola Arte’ |
Mércores, 01 Xullo 2009 10:38 |
‘Emigrantes pola Arte’ é un grupo de emigrantes e fillos de emigrantes do municipio de Monterrei, en formación e aberto a todo aquel-aquela que teñan algo que mostrar. Este grupo os meses de verán realizarán exposicións artísticas por diversos lugares da provincia de Ourense. Durante este verán comezarán a súa andaina por Verín do 1 ao 14 de xullo, na Casa do Escudo. A continuación visitarán Albarellos, Mixos, Flariz, Medeiros, Villaza e Sandín. Tamén exporán, fundamentalmente cerámica, en Vilanova dos Infantes do 1 ao 29 de agosto.
María José Sánchez. Nova pintora bilbaína, de pais oriúndos do municipio de Monterrei. Na súa obra destacan excesivamente os bodegóns e retratos paisaxísticos. Óleos dotados de gran realismo e cotidianidade, traducidos ao lenzo cunha gran técnica impresionista: pinceladas grosas que resaltan ceos, xardíns, patios andaluces ou rostros infantís. As aldeas e o medio rural son tamén para esta artista fonte de inspiración. Brigitte Seoane. Nova pintora nacida en Hannover (Alemaña), moi arraigada a Galicia e con orixes familiares no municipio de Monterrei. Ten no mundo da feminidade o seu principal motivo de inspiración artística. Mulleres sensuais, evocadoras actrices de Hollywood dos 50 en plena década dourada, cabareteras parisienses de principios de século pasado cunha enorme carga erótica; son exemplo claro dunha obra chea de colorido, sensualidade e inspiración. participou en varias exposicións colectivas en Hannover. No 2008 expuxo en Flariz. José Rodríguez. Nacido en Flariz e residente actualmente en Santa Pola (Alacante). Os seus inicios van ligados á produción pictórica. De clara influencia mariñeira e mediterránea. Co tempo, este mestre retirado inclinarase facía a cerámica: cruces celtas, baixos relevos exipcios, gregos. As súas representacións están plenas dun carácter misterioso e histórico. A perspectiva do autor sempre se inclina cara a unha procura pedagóxica da súa obra. Participou nas exposicións colectivas ‘Creativa’ de Santa Pola, desde o ano 2006 ao 2009, con obras de cerámica e pintura. No municipio de Monterrei, expuxo en Flariz no 2007, en Albarellos no 2008; e en Flariz, conxuntamente con Rosa Losada e Brigitte Seoane, no 2008.
|