Ciclo de curtametraxes ‘O pequeno é fermoso’ Imprimir
Luns, 27 Abril 2009 09:53
O Concello de Verín organiza, co apoio da Axencia Audiovisual Galega Cinemas Dixitais, o ciclo de curtametraxes ‘O pequeno é fermoso’, durante os meses de abril e maio.

Na xornada de hoxe, a partir das 20.15 horas, na Casa da Cultura proxectaranse A revolta dos mouses, de David Alejandro, e O pintor dos ceos, de Jorge Morais. A primeira das curtametraxes, animada en 3 D, mostra un enfrontamento entre os lapis e os ratos de computador, simbolizando a loita entre a tradición e os medios dixitais no mundo das artes visuais. Mentres que a segunda, tamén en animación en 3 D, transmite a convivencia de dous galegos, o pintor e o seu compañeiro Amadeo, que nos transportarán a unha Galicia salvaxe, un mundo pictórico, fantástico e asolado por monstruosos acantilados e agonizantes treboadas.