Concurso ‘Cigarrón de Verín’ Imprimir
Mércores, 11 Marzo 2009 12:19
No marco da Feira do Lázaro e o Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’, os días 28 e 29 de marzo, realizarase a segunda edición do concurso Cigarrón de Verín, co fin de converterse nun referente gastronómico e relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.

Para participar en devandito concurso, de carácter libre e que se celebrará no Pavillón de Deportes da localidade, será obrigatorio o cumprimento das seguintes bases: o número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nunha das tres categorías existentes -prato principal, maridaxe e sobremesa-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei. No concurso poden participar alumnos/as de escolas de hostalería, profesionais da restauración ou afeccionados, que deben remitir un fax (988-411900) ou correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , achegando a súa inscrición e receita antes do 20 de marzo, ás 15 horas.

Elaboración, degustación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán algúns dos criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -na categoría de prato principal e cun valor de 600 euros, patrocinado polo Concello de Verín-, Cigarrón Doce -na de sobremesas, e cuxo valor ascende aos 300 euros, por AEVER (Asociación de Empresarios/as de Verín)- e Denominación D.O. Monterrei -ao mellor maridaxe, dotado con 400 euros, apadriñado pola D.O. Monterrei-.