Editada en Verín unha colección de postais sobre o Entroido Imprimir
Mércores, 18 Febreiro 2009 10:05
O Concello de Verín editou unha colección de 24 tarxetas postais sobre o Entroido, pensadas para invitar á participación nos festexos dun xeito orixinal. Támen aos que nos visitan durante as festas terán nesas postais un recordo do Entroido de Verín plasmada desde unha perspectiva artística.
As postais editadas recollen as obras que actualmente se  poden contemplar  na exposición Entroidarte, que ata o día 28, Sábado de Piñata, acolle a Casa do Escudo, na que participan dúas ducias de artistas das comarcas de Verín e Chaves. As tarxetas estarán á venda ata o último día do ciclo do Entroido verinense, e retiraranse a partir dese día das canles de comercialización, para non interferir na venda de souvenirs postais que as librarías, bazares e estancos locais teñen ao público durante todo o ano, con fotos de Verín e dalgunha das súas máscaras. Os obxectos de recordo editados agora pódense adquirir individualmente, polo prezo de 0,30 euros, ou a colección completa, por 5 euros. Ademais da Oficina de Turismo de Verín, e do Centro de Información Museística, as librarías Az, Dasairas e Monterrey, o bazar Cortés, a tenda  Artesanía Valle de las Aguas, o Parador de Monterrey e a cafetería Fidel´s colaboran na venda das postais.

As tarxetas editáronse no formato normalizado de 10 x 15 cm e de cada unha imprimíronse 150 exemplares. Para o deseño e a xestión da colección utilizáronse recursos humanos do Concello, e un fotógrafo e unha imprenta verinense serviron como soporte técnico a esta iniciativa municipal.

Entroidarte é a única exposición de artes plásticas existente en Galicia sobre o tema Entroido. Que unha mostra destas características sirva para unha iniciativa de difusión postal dunha manifestación de cultural tradicional, tamén é único. Por eses motivos, e pola existencia de coleccionistas de tarxetas portais, os organizadores esperan que a edición sexa ben acollida.