Realizados os traballos de analíticas en Caldeliñas para a declaración de augas mineiro-medicinais Imprimir
Luns, 22 Decembro 2008 17:24

O Concello de Verín iniciou, fai uns meses, os trámites para solicitar a declaración das augas do Balneario de Caldeliñas como minero-medicinais e termais, co fin de demandar con posterioridade o seu aproveitamento. Aínda que xa contaba coa declaración de utilidade pública dende o ano 1859, estes trámites son necesarios para establecer, legalmente, a categoría de balneario; unha situación que agora non é posible e constitúe unha das maiores obstáculos para os diferentes  potenciais inversores que nos últimos meses visitaron o manantial.

Por este motivo, xa se realizaron os traballos para presentar a primeira analítica esixida pola Xunta de Galicia que, xunto coa documentación aportada polo Concello de Verín sobre as declaracións históricas das augas e ata das súas instalacións -grazas á colaboración de diferentes organizacións, institucións académicas e organismos nacionais relacionados co sector-, debería ser suficiente para conseguir a declaración definitiva e, con posterioridade, o inicio dos tramítes para a solicitude de aproveitamento. O Concello está agora á espera dos resultados para remitir á Xunta, pero somos optimistas porque xa se aceptou desde a Delegación Provincial a simplificación de proceso, unha vez que se nos pediu realizar unha única mostra, tras haber probado a declaración histórica da utilidade pública das augas. A pesar do esforzo na recuperación de  documentos dos tres últimos séculos, esto queda compensado coa disminución de custos e de tempo no proceso, pois de outro modo, o proceso conlevaría 12 analíticas.

O Balneario de Caldeliñas, nome que procede de “caldas”, debido á temperatura das súas augas, acolleu unha das primeiras estancias termales da parte sur da provincia de Ourense. Con todo, a actividade de Caldeliñas como estancia termal e a de Verín como vila balnearia foise desvanecendo dende os anos 60, década na que se pecharon as estancias termales do municipio, aínda que a súa imaxe nacional e internacional mantívose grazas ao volume de vendas que as tres plantas envasadoras teñen nos cinco continentes.

As augas do manantial de Caldeliñas teñen unha temperatura comprobada de 24ºC, que podería superarse con máis perforacións, un caudal de 83 litros/minuto e posúe as seguintes características: bicarbonatada-sódica, litínica, fluorada, salina e alcalina. No ano 1817, Caldeliñas estaba administrado polo Concello de Verín, a quen neses momentos a quen neses momentos compételle a declaración das augas de ben de utilidade pública, facéndoo no ano 1859. Posteriormente, cando estas competencias pasaron ao Goberno Central, Caldeliñas foi contemplada na compilación de augas recoñecidas a nivel nacional, realizada a través da Real Orde de 1868. Este recoñecemento ratifícase na lista de establecementos con augas minero-medicinais recoñecidas de utilidade pública na Gaceta de Madrid (antiga denominación do actual BOE) do 16 de Abril de 1869. Así, cada ano, era o Rei quen asinaba a apertura das chamadas tempadas oficiais. Posteriormente, na Real Orde de 1889 (Gaceta de Madrid de 22.07.1889), recoñécese o disfrute das augas mineromedicinais desde tempo inmemorial; e por non considerarse correcto o uso e mantemento das súas instalacións, decídese nese ano a súa expropiación.

Os turistas de saúde e benestar non galegos que escollen Galicia como destino son maioritariamente procedentes de Castela e León, Madrid e o Norte de Portugal. Verín é neste momento, o lugar máis próximo destes destinos emisores. Para o turista, a distancia xa non é importante, senón o tempo de desprazamento. Verín ten unha situación xeográfica privilexiada, tanto polos dous aeroportos internacionais a menos de 1.30h ou pola distancia en coche aos dous maiores núcleos urbanos da Península Ibérica e que se atopan a menos de 4 horas -Madrid e Lisboa-; así como, no radio de distancias no que conta cunha poboación residencial de máis de 11.000.000 de habitantes. Por este motivo, desde  o Concello de Verín estase traballando, no último ano, na divulgación do destino e a asociación deste ao termalismo, saúde, benestar e natureza -unha actuación xa recoñecida grazas ao premio de mellor xestión municipal de impulso ao turismo, concedido pola revista “Viaxes e Turismo”-.