Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA VENDA AMBULANTE
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA VENDA AMBULANTE PDF Imprimir Correo-e


PREÁMBULO
A Lei de bases de réxime local do 2 de abril de 1985 no seu artigo 25.2 g) atribúe aos concellos competencias en materia de abastos, matadoiros, mercados, defensa dos consumidores e usuarios.
Por outra parte, o artigo 4 da devandita lei, outorga ás entidades locais potestade regulamentaria dentro da esfera das súas competencias.
Por iso, este concello considera que, en exercicio das competencias que ten recoñecidas polo ordenamento xurídico e de acordo co regulado pola Lei de Galicia 10/1988, do 20 de xullo de ordenación do comercio interior de Galicia e o Real decreto 1010/1985, do 5 de xuño, ten que regular a venda ambulante exercida no termo municipal de Verín, por medio da presente ordenanza.
TÍTULO I
CAPÍTULO 1.- DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1.- A presente ordenanza ten por obxecto a regulación das condicións e requisitos que deben cumprirse para o exercicio da venda fóra de establecementos comerciais, na vía pública, en terreos ou en espazos abertos, co emprego de instalacións desmontables e transportables en todo o termo municipal.
ARTIGO 2.- Con carácter xeral, a venda ambulante desenvolverase na Praza García Barbón, Praza da Estrela, variantes da Alameda cara á Praza, Travesía da Veiga e Rúa Viriato, e nos outros lugares que se indiquen, e terá lugar os días 3, 11 e 23 de cada mes ou no día ao que, no seu caso, se traslade a feira.
A feira durará dende as 9:00 da mañá ata as 15:00 horas.
Fóra destas zonas só se autorizarán emprazamentos de carácter excepcional por festexos ou acontecementos singulares, precisándose autorización expedida pola Alcaldía.
ARTIGO 3.- Queda prohibida en todo o Concello de Verín o exercicio da venda ambulante, calquera que sexa a súa modalidade, sempre que non se axuste ao disposto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, e ás prescricións establecidas na presente ordenanza.
ARTIGO 4.- En ningún caso se permitirá a colocación de postos nas beirarrúas que estorben o paso a locais comerciais, nin diante dos seus escaparates nos que non haxa beirarrúas e nos accesos a edificios públicos ou privados, e nos lugares que dificulten a circulación peonil ou de vehículos.
CAPÍTULO II.- DEFINICIÓN DA VENDA AMBULANTE E CLASES DE LICENZAS
ARTIGO 5.- Para os efectos da presente ordenanza, considérase venda ambulante:
- A realizada en feiras e mercados que se realicen en lugares establecidos cunha periodicidade determinada.
- A realizada en nomeadas ocasións debidas á celebración de festas ou acontecementos populares.
- O comercio na rúa, entendido este como o feito na vía ou espazo público cun número de postos, situación e períodos determinados.
- Postos de xelados, de castañas e outros de tempada.
ARTIGO 6.- Non terán a consideración de venda ambulante as vendas feitas dentro de locais ou recintos ocupados por un certame feiral.
ARTIGO 7.- A presente ordenanza seralles de aplicación subsidiaria a falta de normativa expresa debidamente aprobada pola Corporación, ás seguintes formalidades de venda:
A) Os mercados e outras manifestacións de venda ou postos non fixos que se realicen con ocasión de festas locais ou acontecementos populares de carácter anual.
B) A venda con ocasión de acontecementos deportivos, musicais ou semellantes de produtos directamente relacionados co acontecemento do que se trate e que se desenvolva exclusivamente durante o seu transcurso.
C) A venda realizada por organismos ou entidades legalmente recoñecidas que non teñan ánimo de lucro e con obxectivos políticos, sindicais, relixiosos ou cívicos e encamiñados á consecución das súas finalidades específicas.
D) As realizadas en exposicións ou promocións de actividades culturais, tales como feiras do libro ou análogas.
E) A venda ambulante realizada mediante camións ou vehículos-tenda, estando permitida a súa realización nos termos establecidos na presente ordenanza e na Lei de ordenación do comercio interior de Galicia, nos distintos núcleos de poboación deste municipio, excepto no da súa capitalidade, Verín.
ARTIGO 8.- Para poder desenvolver legalmente a venda ambulante no Concello de Verín, requírese autorización expresa na forma de licenza municipal.
ARTIGO 9.- Clases de licenza:
a) Licenza para a venda de artigos de tempada, con localización en zonas ou lugares concretos e por tempo determinado (venda de xelados, castañas, etc.).
b) Licenza para a venda na vía pública por un prazo determinado ou en puntos ou zonas sinaladas previamente (barquillos, cacauetes, etc.)
c) Licenza para o exercicio de servizos ou actividades como afiadores, fotógrafos, limpabotas, pianos de manubrio, etc.
d) Licenza para a venda doutros productos non previstos nos apartados anteriores, exceptúase a venda de toda clase de produtos alimenticios que queda prohibida conforme ás normas contidas nas disposicións vixentes.
TÍTULO II
CAPÍTULO III: PROCEDEMENTO
ARTIGO 10.- O alcalde será competente para autorizar a venda en calquera das modalidades previstas nesta ordenanza.
ARTIGO 11.- Poderán optar á concesión das licenzas que se regulan nesta ordenanza, todas as persoas, maiores de idade, que teñan plena capacidade xurídica e de obrar conforme coa lexislación mercantil e co establecido na Lei 10/1988, do 20 de xullo de ordenación do comercio interior de Galicia.
ARTIGO 12.-
1.- A solicitude para o exercicio da actividade deberá ser presentada pola persoa interesada ou o seu representante legal, mediante instancia dirixida ao Ilmo. Sr. alcalde, no rexistro do Concello de Verín, na que se fará constar os seguintes datos:
- Nome e apelido, enderezo e DNI ou pasaporte da persoa interesada e do/a representante/a.
- Localización, entre os lugares autorizados, no que se pretende desenvolver a actividade.
- Mercadorías que se vaian expender.
- Tempo polo que se solicita a autorización.
- Metros cadrados de ocupación que se solicitan.
2.- Achegarase xunto coa solicitude:
- Fotocopia do DNI ou pasaporte.
- Fotografía tamaño carné.
- Xustificante de estar inscrito/a como traballador/a na Seguridade Social e estar ao corrente do pagamento das cotizacións correspondentes.
- Xustificante de estar inscrito/a no imposto de actividades económicas e estar ao día no pagamento.
- Xustificante de ter aboado os prezos públicos establecidos para este tipo de venda segundo a ordenanza fiscal axeitada.
- Declaración xurada de reunir todos os requisitos exixidos pola normativa reguladora dos produtos obxecto da venda e non realizar actividades con produtos prohibidos.
- Declaración expresa na que o/a solicitante manifesta coñecer as normas ás que debe axustarse a súa actividade e o seu compromiso de observalas.
- Declaración xurada de non estar incurso/a en ningún dos casos de incapacidade ou incompatibilidade establecida pola lei para o exercicio do comercio, así como de carecer de calquera outra actividade lucrativa.
ARTIGO 13.- Os cidadáns que non pertencen á Unión Europea deberán acreditar, antes de serlles entregada a autorización para o exercicio da actividade, posuír os correspondentes permisos de traballo por conta propia e residencia expedidos polos organismos competentes.
ARTIGO 14.- As licenzas outorgadas aos cidadáns orixinarios de estados non pertencentes á Unión Europea, devirán inefectivas ao remate da vixencia, pola causa que fose, dos permisos de traballo ou residencia expedidos polos organismos competentes.
ARTIGO 15.-
Será requisito imprescindible para o exercicio da venda ambulante ter autorización municipal expresa, que terá carácter persoal e intransferible.

Non obstante, permítese exercer a actividade xunto ao titular, aos seus pais, ao cónxuxe ou parella de feito, aos fillos nos termos previstos na lexislación vixente e aos empregados que estean dados de alta na Seguridade Social ou réxime equivalente, por conta do titular. Estas circunstancias deberán poñerse en coñecemento coa petición da autorización.

As licenzas terán unha vixencia máxima de dous anos con carácter improrrogable, período que se considera suficiente para a amortización dos investimentos e unha remuneración equitativa dos capitais investidos. Transcorrido dito prazo de vixencia, procederase a unha nova adxudicación, sen que se poida producir ningún tipo de vantaxe para o prestador cesante ou persoas que estean especialmente vinculadas con el.

Non será concedida máis dunha licenza a nome da mesma persoa.

ARTIGO 16.- No carné ou autorización expresarase:
- Nome e apelido do vendedor ou vendedora.
- Núm. do DNI ou pasaporte.
- Enderezo.
- Fotografía.
- Mercadoría que expende.
- Núm. de metros cadrados do posto.
- Prazo de vixencia.
ARTIGO 17.- As licenzas entregaranse despois de xustificar o ingreso nas arcas municipais correspondente ao seu espazo, segundo a ordenanza fiscal.
ARTIGO 18.- Para realizar o comercio ambulante cumprirá o uso de instalacións desmontables. Queda prohibida a exposición de mercadorías no chan. (Os postos non impedirán o acceso a edificios tanto públicos como privados, establecementos comerciais, nin diante dos escaparates. Tampouco impedirán a circulación peonil).
ARTIGO 19.- O carné e o xustificante de aboamento do imposto de actividades económicas exhibiranse obrigatoriamente no respectivo posto de venda.
ARTIGO 20.- Non se poderán vender aqueles produtos que prohibe a normativa reguladora conforme ao indicado no artigo 8 do Real decreto 1010/1985.
Queda prohibida a venda de carne, aves e caza fresca, refrixerada e/ou conxelada; de peixes e mariscos frescos, refrixerados ou conxelados. Leite, queixo e demais produtos lácteos; pastelaría e bolaría; semiconservas e en xeral todo produto de alimentación e de calquera outro produto incluído no nomenclátor anexo ao Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. Emporiso, poderase permitir a venda dos produtos anteriormente citados cando se dispoña de instalacións frigoríficas e estean debidamente baseados, requiríndose en todo o caso un informe previo dos servizos veterinarios da saúde pública.
ARTIGO 21.- Unha vez pechado o cupo de licenzas, correspondentes aos lugares sinalados, non se concederán outras novas até que se dea algún vendedor de baixa, ocupándose a vacante segundo a orde de solicitudes derivada do número de rexistro de entrada no concello.
CAPÍTULO IV.- OBRIGAS PARA O EXERCICIO DA VENDA AMBULANTE
ARTIGO 22.- REQUISITOS DOS TITULARES DAS LICENZAS:
- Xustificante de estar de alta no imposto de actividades económicas e de estar ao corrente no pagamento.
- Estar ao corrente no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, no réxime que proceda.
- Estar ao corrente do pagamento nas taxas municipais.
- Vender só os produtos para os que solicite a licenza.
- As pesas e medidas deberán estar debidamente contrastadas polo servizo correspondente da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio.
- Observar as normas sanitarias que establecen as disposicións vixentes.
- Manter as instalacións, postos e demais elementos de venda nas debidas condicións de seguridade e hixiene, conservación e limpeza. Deberán, ao remate da xornada comercial, deixar libres de residuos os espazos ocupados.
- Exhibir o documento no que se outorga a licenza e os xustificantes do pagamento do prezo público por aproveitamento da vía pública e aqueloutros que sexan requiridos polos axentes da autoridade.
- O vendedor terá a obriga de mostrar a factura de compra dos produtos a requirimento das autoridades municipais.
- Colocar e utilizar recipientes de lixo para uso propio e clientes.
Cada vez que se renove a licenza, acreditarase a documentación necesaria.
ARTIGO 23.- INSPECCIÓN
O Concello vixiará o debido cumprimento das autorizacións, do preceptuado nelas e especialmente das esixencias e condicións hixiénico-sanitarias.
ARTIGO 24.- PROHIBICIÓNS
Queda prohibido terminantemente durante o exercicio da venda ambulante:
- Producir ruídos, gritos ou música que incumpran a normativa que se regulará no seu momento.
- Traspasar ou ceder a licenza, así como cambiar a localización das instalacións ou amplialas sen autorización municipal e estender as mercadorías fóra dos límites do posto.
- O exercicio de calquera actividade ou comercio que contraviñese o establecido nesta ordenanza.
- Deixar os coches detrás do posto.
ARTIGO 25.- RÉXIME DE INFRACCIÓNS
No exercicio e desenvolvemento da venda ambulante, os titulares das licenzas municipais outorgadas poden cometer infraccións que se clasifican en leves, graves e moi graves:
1.- SERÁN INFRACCIÓNS LEVES:
- Producir ruídos, gritos ou música de modo que se incumpra a normativa vixente de ruídos e vibracións.
- Falta de limpeza das instalacións e da súa zona circundante durante e ao rematar a actividade.
2.- SERÁN INFRACCIÓNS GRAVES:
- A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves.
- Non cumprir as normas de seguridade das instalacións ou dos seus elementos.
- A venda de produtos distintos dos autorizados.
- A instalación do posto nun lugar distinto do autorizado.
- Ocupar superficie superior á autorizada de modo repetido, cando menos, dúas veces.
- Non acreditar mediante a factura ou autorización correspondente, a procedencia das mercancías.
- A desobediencia ás ordes e indicacións da Policía Local ou funcionarios facultados.
- A venda de produtos deteriorados, defectuosos ou trucados para obter exceso de beneficio.
- A transmisión da licenza sen a debida autorización.
- A non ocupación do posto asignado durante un período de dous meses, sen causa que o xustifique.
- A falta de pagamento das cotas correspondentes ao concello.
3.- SERÁN FALTAS MOI GRAVES:
- A ofensa con palabras ou de obra ao concelleiro delegado, aos axentes da autoridade ou funcionarios facultados.
- Orixinar discusións, altercados ou pelexas cos demais vendedores ou co público alterando a orde pública.
- A venda de produtos alimenticios en mal estado con evidente risco de prexuízo para a saúde.
- O exercicio da venda ambulante sen os debidos permisos de traballo ou de residencia en territorio do estado español.
- O desenvolvemento de actividades durante o exercicio da venda ambulante que teñan a consideración de delito no Código Penal.
- Ter sido sancionado pola comisión de tres faltas leves.
- Ter sido sancionado pola comisión de dúas faltas graves de modo consecutivo.
ARTIGO 26.- IMPOSICIÓN DE SANCIÓNS
Logo da tramitación do oportuno expediente, coas debidas garantías, a Alcaldía, no suposto de que os vendedores ambulantes cometan as infraccións descritas no artigo anterior, poderá impor as seguintes sancións:
- INFRACCIÓNS LEVES:
Multa cun mínimo de 30,05 euros e un máximo de 90,15 euros.
- INFRACCIÓNS GRAVES:
Multa cun mínimo de 90,15 euros e un máximo de 150,25 euros, podendo ser acordada tamén a suspensión temporal ou definitiva da licenza municipal outorgada.
- INFRACCIÓNS MOI GRAVES:
Suspensión definitiva da licenza municipal outorgada.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
1ª.- Os vendedores ambulantes estarán presentes unha hora antes no posto que teñan asignado para colocar a súa tenda podendo dispor do seu espazo até as 9:00 horas.
2ª.- Os produtos de tempada serán expedidos na Praza de Abastos. Mentres non exista espazo asignado na Praza de Abastos, poden expenderse na rúa pero respectando esta ordenanza; ademais, pódense expender os días da semana que soliciten no concello.
3ª.- Cada vendedor poderá solicitar a ocupación dun espazo de vía pública como máximo de 8 m de lonxitude e 3 de ancho sen que se poida pór ningún anexo máis por diante e, en ningún caso, serán móbiles.
4ª.- A venda desde os vehículos só se poderá realizar cando sexa necesaria a refrixeración dos produtos ou a forma de vender dependa da mecanización do vehículo.
5ª.- Os postos de venda de polbo poderanse instalar exclusivamente nos lugares que se indique, cumprindo as condicións particulares que para os efectos se establezan na licenza.
6ª.- O concello adoptará as medidas oportunas e porá á disposición dos vendedores ambulantes, en particular na zona onde se desenvolvan as vendas os días de feira e sempre que sexa posible, os recipientes e medios materiais para facer efectivo o cumprimento da obriga que aqueles teñen de ter e deixar en perfecto estado de limpeza o posto de venda que ocupen na vía pública.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

PRIMEIRA.- Para a ocupación dos postos, teñen preferencia os vendedores que na actualidade e dende hai anos veñen exercendo as súas actividades na zona na que se desenvolve o mercado os días de feira en Verín.
SEGUNDA.- Os procedementos de concesión de autorización iniciados con anterioridade á entrada en vigor da presente ordenanza, tramitaranse e resolveranse conforme á normativa vixente no momento da solicitude.

TERCEIRA.- As autorizacións actualmente existentes, terán unha duración máxima establecida de dous anos, contada a partir da entrada en vigor da presente ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL

PRIMEIRA.- Para o non previsto na presente ordenanza, estarase ao disposto en cada momento pola lexislación vixente sobre a materia.

Na aplicación e interpretación dos preceptos contidos nesta ordenanza, atenderase á Directiva 2006/123/CE relativa aos servizos no mercado interior; á Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista, modificada polo Real decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria; e pola demais normativa nacional ou autonómica de desenvolvemento.

SEGUNDA.- As resolucións dicadas pola Alcaldía en aplicación desta ordenanza, porán sempre fin á vía administrativa e, contra elas só caberá interpor Recurso contencioso administrativo ante a sala competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
TERCEIRA.- A presente ordenanza, entrará en vigor unha vez aprobada polo concello, cando se publique integramente o seu texto no BOP e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei de bases de réxime local, a partir de dita publicación.

O alcalde                                                                                                              A secretaria
Juan Manuel Jiménez Morán                                                  Pilar del Carmen Saborido Díaz
DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 167, de data 23 de xullo de 2010.


 
?>