Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación privativa ou aproveitamento especial do dominio público local mediante o estacionamento de vehículos na vía pública en zonas de aparcadoiro limitado
Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación privativa ou aproveitamento especial do dominio público local mediante o estacionamento de vehículos na vía pública en zonas de aparcadoiro limitado PDF Imprimir Correo-e

EDICTO:

Ao non se presentar reclamacións contra o acordo provisional do Pleno de data 02.01.2017, relativo á aprobación inicial da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación privativa ou aproveitamento especial do dominio público local mediante o estacionamento de vehículos na vía pública en zonas de aparcadoiro limitado, o acordo queda aprobado definitivamente, sendo o texto íntegro da ordenanza o que figura como anexo deste edicto.

Contra a súa aprobación definitiva cabe interpor o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con sede en A Coruña, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

Verín, 21 de febreiro de 2017

O alcalde


Gerardo Seoane Fidalgo

ANEXO

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA OCUPACIÓN PRIVATIVA OU O APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL MEDIANTE O APARCADOIRO DE VEHÍCULOS EN ZONAS DE APARCADOIRO LIMITADO

CAPÍTULO PRIMEIRO: FUNDAMENTO

ARTIGO 1: FUNDAMENTO:

En uso das facultades concedidas polos artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei reguladora das facendas locais (texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo), este concello establece a taxa polo aparcadoiro de vehículos en determinadas zonas que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido nos artigos 20 e seguintes de dita Lei reguladora das facendas locais.

CAPÍTULO SEGUNDO: FEITO IMPOÑIBLE

ARTIGO 2: FEITO IMPOÑIBLE:

O feito impoñible está constituído polo aparcadoiro de vehículos nas zonas onde estea limitada a duración do aparcadoiro regulado na Ordenanza do servizo de ordenación e regulación do aparcadoiro de vehículos, coas limitacións temporais que nela se contemplan.

ARTIGO 3: SUPOSTOS DE NON SUXEICIÓN:

Quedan excluídos da limitación da duración do aparcadoiro e non suxeitos á taxa os vehículos seguintes.

a) As motocicletas, ciclos, ciclomotores e bicicletas.

b) Os vehículos estacionados en zonas reservadas para a súa categoría ou actividade.

c) Os vehículos nos que se estean realizando operacións de carga e descarga na zona sinalada a tal fin, e dentro do horario marcado, ou ben, fóra de dita zona, sempre que a operación teña unha duración inferior a cinco minutos.

d) Os vehículos autotaxis cando o condutor estea presente.

e) Os vehículos en servizo oficial, debidamente identificados, propiedade de organismos do Estado, comunidade autónoma, provincia ou municipio que estean destinados directa e exclusivamente á prestación dos servizos públicos da súa competencia, cando estean realizando tales servizos así como os de compañías prestadoras de servizos públicos necesarios polo tempo indispensable para realizar o seu labor.

f) Os vehículos destinados á asistencia sanitaria que pertenzan á Seguridade Social ou á Cruz Vermella española e as ambulancias, mentres estean prestando servizo, ou profesionais debidamente acreditados.

g) Os vehículos automóbiles en cuxo interior permaneza o condutor ou pasaxeiro maior de idade, sempre que o tempo de estacionamento sexa inferior a cinco minutos.

h) Os vehículos de servizos funerarios, cando estean prestando servizos.

i) Os vehículos propiedade de minusválidos, cando estean en posesión da correspondente autorización especial que expide a administración municipal e só cando sexan utilizados por estes e expoñan dita autorización de maneira visible no interior do vehículo e para o aparcadoiro na praza reservada para os efectos nunha rúa de zona ORA.

CAPÍTULO TERCEIRO: SUXEITO PASIVO

ARTIGO 4: SUXEITOS PASIVOS:

1.- Son suxeitos pasivos da taxa, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades sen personalidade xurídica propia que constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición, sempre que disfruten, utilicen ou aproveiten o dominio público local en beneficio particular.

2.- Enténdese que disfrutan, utilizan ou aproveitan o dominio público local en beneficio particular aqueles suxeitos pasivos que estacionen o vehículo nas zonas de estacionamento de duración limitada.

ARTIGO 5: CONTRIBUÍNTES E SUBSTITUTOS:    

1.- Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, os titulares dos vehículos que estacionen en zonas de aparcadoiro de duración limitada, segundo os datos existentes nos rexistros oficiais.

2.- Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de substitutos do contribuínte, os que, aínda non sendo titulares do vehículo, estacionen en zonas de aparcadoiro de duración limitada.

ARTIGO 6: RESPONSABLES:

Serán responsables solidarios e subsidiarios do cumprimento das obrigas tributarias polo suxeito pasivo todas as persoas físicas e xurídicas definidas con tal carácter nos artigos 42 e 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

CAPÍTULO CUARTO: DEIVINDICACIÓN

ARTIGO 7: OBRIGA DE CONTRIBUÍR:

A obriga de contribuír nace dende o momento en que se estacione o vehículo en zona de aparcadoiro limitado.

CAPÍTULO QUINTO: PERÍODO IMPOSITIVO

ARTIGO 8: PERÍODO IMPOSITIVO:

O período impositivo comprenderá o tempo de ocupación efectiva do dominio público.

CAPÍTULO SEXTO: COTA

ARTIGO 9: TARIFA:

1. A tarifa que se aplicará na zona ORA recollida na Ordenanza do servizo de ordenación e regulación do aparcadoiro de vehículos será de 0,50 euros / hora.

2. Pola anulación de sanción por sobrepaso do tempo, aplicarase a tarifa única de 3,00 euro, segundo o indicado no artigo 10.1 da Ordenanza municipal reguladora do servizo de ordenación e regulación do aparcadoiro de vehículos na vía pública en zona de aparcadoiro limitado.

3. Pola anulación de sanción por carecer de ticket, aplicarase a tarifa única de 6,00 euros, segundo o indicado no artigo 10.2 da Ordenanza municipal reguladora do servizo de ordenación e regulación do aparcadoiro de vehículos na vía pública en zona de aparcadoiro limitado.

CAPÍTULO SÉTIMO: BENEFICIOS FISCAIS

ARTIGO 10: EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS:

Non se concederán máis exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis ou as derivadas da aplicación dos tratados internacionais.

CAPÍTULO OITAVO: XESTIÓN TRIBUTARIA

ARTIGO 11: NORMAS DE XESTIÓN:

O pagamento da taxa deberá efectuarse mediante a utilización dos parquímetros nas zonas en que estean instalados no momento en que se produza o estacionamento.

CAPÍTULO NOVENO: XESTIÓN RECADATORIA

ARTIGO 12: RÉXIME XURÍDICO:

A recadación da taxa realizarase de acordo co previsto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas na súa aplicación e desenvolvemento, en especial o Real decreto 1684/1990, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación e nas ordenanzas fiscais xerais que, en materia de recadación, puidesen ser aprobadas por este concello.

ARTIGO 13: RECADACIÓN:

O ingreso das cantidades satisfeitas polos suxeitos pasivos realizarase polo Servizo municipal de Policía Local na Tesouraría municipal, ben en metálico ou ben mediante ingreso en conta bancaria de titularidade municipal.

CAPÍTULO DÉCIMO: INSPECCIÓN TRIBUTARIA

ARTIGO 14: INSPECCIÓN:

O Servizo municipal de Policía Local velará polo cumprimento das normas contidas na presente ordenanza fiscal, vixiando diariamente o estacionamento dos vehículos e o tempo máximo autorizado.

CAPÍTULO DÉCIMO PRIMEIRO: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

ARTIGO 22: RÉXIME SANCIONADOR:

1.- En todo o relativo a infraccións tributarias e as súas distintas cualificacións, así como as sancións que lles correspondan, aplicarase o disposto na vixente Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas na súa aplicación e desenvolvemento, en especial o Real decreto 1930/1998, do 11 de setembro, polo que se desenvolve o réxime sancionador tributario, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, así como nas ordenanzas fiscais xerais, que, en materia de infraccións e sancións puidesen ser aprobadas por este concello.

2.- En materia de incumprimento das normas sobre estacionamento limitado ou dos seus períodos máximos autorizados, estarase ao réxime sancionador previsto no artigo 12 da ordenanza municipal pola que se aproba o regulamento do servizo.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA:

1.- Para todo o non expresamente regulado na presente ordenanza fiscal en orde á xestión municipal deste tributo, estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, así como na restante normativa e demais disposicións complementarias e concordantes, ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.

2.- Toda referencia realizada nesta ordenanza fiscal a leis e demais disposicións estatais ou autonómicas entenderanse efectuadas, igualmente, ás que, no seu caso, as substitúan ou modifiquen.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA:

As disposicións desta ordenanza fiscal só serán aplicables aos supostos de ocupación efectiva do dominio público local regulado como zonas de aparcadoiro limitado a partir do momento no que se achen instaladas e en funcionamento as máquinas expendedoras de tíckets e sinaladas as zonas delimitadas como de aparcadoiro limitado.

DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA:

Quedan derrogadas cantas normas ou disposicións se achen vixentes e que se opoñan ou que, de calquera outro xeito, contradigan o disposto na presente ordenanza fiscal.

DISPOSICIÓNS FINAIS

ENTRADA EN VIGOR:

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o mesmo día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresa.

A secretaria                                                                                   O alcalde



Pilar del Carmen Saborido Díaz                                                       Gerardo Seoane Fidalgo

 
?>