Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas REGULAMENTO ESPECIAL DE HONORES E DISTINCIÓNS DO CONCELLO DE VERÍN
REGULAMENTO ESPECIAL DE HONORES E DISTINCIÓNS DO CONCELLO DE VERÍN PDF Imprimir Correo-e

Reglamento de Honores.htm


Capítulo I. Do obxecto.


Artigo 1.º- Este regulamento ten por obxecto a regulación de todo o relativo á concesión de honores e distincións co fin de premiar especiais merecementos, beneficios sinalados ou servizos extraordinarios.


Artigo 2.º- Todas as distincións terán carácter exclusivamente honorífico e non outorgarán, en ningún caso, dereitos administrativos ou económicos, nin potestades para intervir no goberno e administración do municipio, pero habilitarán, tras a designación do alcalde, o desenvolvemento de funcións representativas. Para concederllas aos estranxeiros requirirase a autorización expresa do ministerio correspondente, logo do informe do de Asuntos Exteriores.


Artigo 3.º- Coa única excepción das SS MM os reis, príncipes ou infantes de España, non poderán adoptarse acordos que lles outorguen honores ou distincións ás persoas que desenvolvan altos cargos no Estado, administración central ou autonómica.


Tampouco poderá outorgarse a membros da Corporación Municipal ou a dirixentes políticos, mentres se atopen no exercicio do seu cargo.


Capítulo II. Dos distintivos honoríficos.


Artigo 4.º- A concesión dos distintivos honoríficos que o concello poderá outorgar serán os seguintes:


Insignia

Fillo Predilecto

Fillo Adoptivo

Visitante Ilustre


Capítulo III. Da Insignia


Artigo 5.º- A Insignia do Concello de Verín concederase como distinción honorífica en recoñecemento de accións, servizos e méritos extraordinarios realizados por cidadáns, grupos, empresas, entidades ou institucións que, tendo vinculación co Concello de Verín, ou que non a tendo realice accións extraordinarias en beneficio deste, representen ou supoñan o exercicio de virtudes individuais ou colectivas que teñan como referencia a solidariedade e o traballo en beneficio dos demais cidadáns.


Artigo 6.º- Co obxecto de outorgar a correspondente importancia a esta distinción, só se poderán conceder dúas insignias por ano.


Artigo 7.º- A Insignia terá unha soa categoría: Insignia de Ouro


Capítulo IV. Dos nomeamentos de Fillo Predilecto e Fillo Adoptivo.


Artigo 8.º- O nomeamento de Fillo Predilecto outorgaráselle a aquela persoa física que, nacida no municipio, teña demostrado calidades, méritos persoais, circunstancias singulares e servizos prestados en beneficio ou honor do municipio que acaden consideración indiscutible no concepto público.


Artigo 9.º- O nomeamento de Fillo Adoptivo, que recaerá en persoa física, terá a mesma consideración e xerarquía cá de Fillo Predilecto, coa única diferenza de que se lle conferirá a

aquela, tanto española como estranxeira, que non fose nacida no municipio pero que, non obstante, teña un vínculo moi especial con el e reúna as condicións sinaladas no artigo anterior.


Artigo 10.º- Os nomeamentos anteriores poderán concederse a título póstumo nos supostos de concorreren na persoa falecida os requisitos esixidos ao respecto.


Artigo 11.º- Tanto os nomeamentos de Fillo Predilecto coma os de Fillo Adoptivo terán carácter vitalicio e non poderán outorgarse máis de 10 por cada categoría, sen prexuízo de que, en supostos excepcionais, se poida acordar a concesión dun número maior se as circunstancias tivesen a importancia extrema para o municipio.


Artigo 12.º- Aquela persoa que posúa a distinción de Fillo Predilecto ou Adoptivo só poderá ser privada dela, e, en consecuencia, revogado o nomeamento, cando concorran causas excepcionais motivadas por comportamentos indignos que, en todo caso, deberán de quedar acreditados no expediente instruído para o efecto.


O acordo que desposúa dos nomeamentos anteriores deberá ser adoptado seguindo o mesmo procedemento ou coa mesma maioría que para o seu outorgamento.


Capítulo V. Do título de Visitante Ilustre


Artigo13º.- O título de Visitante Ilustre do Concello de Verín poderá concederse a aquelas personalidades de especial relevancia que visiten o Concello de Verín e sexan recibidas oficialmente no concello.


Artigo 14º.- O outorgamento desta distinción realizarase mediante Decreto da Alcaldía, debendo ser oída, con carácter previo, a Comisión de Portavoces ou, no seu caso, os portavoces de todos os grupos políticos do Concello de Verín.


Capítulo VI. Doutras distincións.


Artigo 15.º- O Pleno do concello tamén poderá designar unha vía pública, un complexo urbano ou unha instalación municipal co nome dunha persoa vinculada ao municipio, ou que non estando vinculada a el, realice accións extraordinarias en beneficio deste, recoñecendo con iso especiais merecementos ou servizos extraordinarios.


Capítulo VII. Do procedemento.


Artigo 16.º- O procedemento para o outorgamento dos honores e distincións previstos neste regulamento iniciarase por resolución da Alcaldía, xa por propia iniciativa, xa respondendo á petición razoada dunha terceira parte dos membros que integran a Corporación municipal ou de entidades locais de recoñecida notoriedade.


Nesta resolución de iniciación proporase a persoa á que se desexa distinguir, así como o distintivo honorífico que se lle quere outorgar, nomeando ao mesmo tempo o instrutor e o secretario do procedemento, cargos que poderán ser ostentados tanto por empregados públicos da Corporación coma polos seus membros electos.


Artigo 17.º- O instrutor ordenará a práctica de cantas actuacións sexan precisas para acreditar os méritos do proposto, facendo constar as dilixencias realizadas, tanto se favorecen coma se prexudican a proposta inicial.


Artigo 18.º- Unha vez rematados os trámites anteriores, o instrutor remitiralle á Alcaldía un informe razoado, que poderá ser ou non favorable, e a pertinente proposta de resolución para que aquela, tras a valoración, opte por solicitar máis dilixencias ou por remitirlle esta ao Pleno do concello para a adopción do acordo correspondente.


Artigo 19.º- O Pleno do concello, con carácter discrecional e de conformidade co artigo 50.24 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, adoptará, co voto favorable das dúas terceiras partes do número de feito e,  no caso de non acadar dita maioría, coa maioría absoluta legal de membros da Corporación, o acordo que lle poña fin ao procedemento.


Artigo 20.º- A entrega da distinción ao galardoado levarase a cabo, en acto público solemne, no salón de sesións do concello, coa asistencia do Pleno da Corporación e aquelas autoridades e representacións que se xulguen pertinentes logo de atendidas as circunstancias de cada caso.


Artigo 21.º- Quen ostente unha distinción das sinaladas neste regulamento gozará dun lugar de honor nos actos públicos aos que sexa invitado.


Capítulo VIII. Do Libro de Rexistro.


Artigo 22.º- Os títulos outorgados inscribiranse cronoloxicamente no Libro de Rexistro de Distincións.


DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA


Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango regulen as materias contidas neste regulamento, en canto se opoñan ou contradigan ao seu contido, en particular, o Regulamento especial para a concesión de honores e distincións, aprobado en sesión plenaria de 28 de xullo de 1964, sen prexuízo dos dereitos dos titulares das distincións concedidas ao abeiro de dita regulamentación.


DISPOSICIÓN FINAL


Este regulamento entrará en vigor logo de ser aprobado definitivamente polo concello e, publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.


O alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán.

O secretario en funcións, Antonio Lucas Santos Martínez


DILIXENCIA: para facer constar que o precedente regulamento publicouse integramente no BOP de Ourense número 274 de data 29 de novembro de 2013.

O secretario en funcións, Antonio Lucas Santos Martínez

 
?>