ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO MUNICIPAL SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA. |
ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO MUNICIPAL SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA CAPÍTULO PRIMEIRO: NATUREZA E FUNDAMENTO Artigo 1: fundamento O Imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica é un tributo directo establecido, con carácter obrigatorio, nos artigos 92 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. CAPÍTULO SEGUNDO: FEITO IMPOÑIBLE Artigo 2: feito impoñible 1.- O imposto sobre vehículos de tracción mecánica grava a titularidade dos vehículos desta natureza, aptos para circular polas vías públicas, calquera que sexa a súa clase e a súa categoría. 2.- Considérase vehículo apto para a circulación o que fose matriculado nos rexistros públicos correspondentes e mentres non causaran baixa neles. Para os efectos deste imposto tamén se consideran aptos para a circulación os vehículos provistos de permisos temporais e matrículas turísticas. Artigo 3: supostos de non suxeición Non están suxeitos a este imposto: a) Os vehículos que, logo de seren dados de baixa nos rexistros por antigüidade do seu modelo, poidan ser autorizados para circular, excepcionalmente, con ocasión de exhibicións, certames ou carreiras limitadas aos vehículos desta natureza. b) Os remolques e semirremolques arrastrados por vehículos de tracción mecánica, cuxa carga útil non sexa superior a 750 quilogramos. CAPÍTULO TERCEIRO: SUXEITOS PASIVOS Artigo 4: suxeitos pasivos Son suxeitos pasivos deste imposto as persoas físicas ou xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica propia, a que se refiere o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, a cuxo nome conste o vehículo no permiso de circulación. CAPÍTULO CUARTO: BENEFICIOS FISCAIS Sección primeira: exencións Artigo 5: exencións aplicables de oficio Estarán exentos do imposto: I.- Exencións subxectivas: a) Os vehículos oficiais do Estado, comunidades autónomas e entidades locais adscritos á defensa nacional ou á seguridade cidadá. b) Os vehículos de representacións diplomáticas, oficinas consulares, axentes diplomáticos e funcionarios consulares de carreira acreditados en Espada, que sexan súbditos dos respectivos países, que se identifiquen externamente e a condición de reciprocidade na súa extensión e grao. Así mesmo, estarán exentos os vehículos de organismos internacionais con sede ou oficina en España e dos seus funcionarios ou membros con estatuto diplomático. c) Os vehículos respecto dos que así se derive do disposto nos tratados ou convenios internacionais. II.- Exencións obxectivas: a) As ambulancias e demais vehículos directamente destinados á asistencia sanitaria ou ao traslado de feridos ou enfermos. b) Os autobuses, microbuses e demais vehículos destinados ou adscritos ao servizo de transporte público urbano de viaxeiros, sempre que teñan unha capacidade que exceda de nove prazas, incluída a do condutor, e se ache ou non dito servizo público en réxime de concesión administrativa. Artigo 6: exencións aplicables á solicitude do interesado por razón de minusvalía ou discapacidade 1.- Poderá concederse a exención do imposto aos vehículos para persoas de mobilidade reducida, entendendo por tales aqueles vehículos cuxa tara non sexa superior a 350 quilogramos e que, por construción, non poden acadar en chan unha velocidade superior a 45 km/h, proxectados e construídos especialmente (e non meramente adaptados) para o uso de persoas con algunha disfunción ou incapacidade física, achándose equiparados, en canto ao resto das súas propias características técnicas, aos ciclomotores de tres rodas, conforme ao disposto na letra A) do anexo II, do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. 2.- Poderá concederse a exención do imposto aos vehículos matriculados a nome de minusválidos para o seu uso exclusivo, considerándose persoas con minusvalía as que teñan esta condición legal en grao igual ou superior ao 33 por 100 e entendéndose referida a minusvalía a posibles disfuncións ou discapacidades físicas. Esta exención aplicarase mentres se manteñan as circunstancias que motivan a concesión da exención. 3.- As exencións previstas neste artigo non poderán resultar aplicables aos suxeitos pasivos beneficiarios delas por máis dun vehículo simultaneamente. 4.- Para poder aplicar as exencións a que se refire este artigo, os interesados deberán instar a súa concesión indicando as características do vehículo, a súa matrícula e a causa do beneficio. Así mesmo, deberase axuntar á solicitude a seguinte documentación: a) Permiso de circulación do vehículo matriculado ao seu nome. b) Certificado de minusvalía emitido polo organismo competente en grao igual ou superior ao sinalado. c) Declaración xurada relativa ao destino do vehículo para o seu uso exclusivo. d) Declaración xurada relativa á inexistencia de exención concedida por este motivo sobre outro vehículo matriculado ao seu nome, no Concello de Verín ou noutro concello distinto. e) No caso de persoas con mobilidade reducida, certificado de características técnicas do vehículo para o que se solicita a exención. 5.- Unha vez declarada a exención pola administración municipal, expedirase un documento que acredite dita concesión. 6.- No caso de que o certificado de minusvalía presentado amose unha minusvalía en grao temporal e non definitiva, concederase a exención unicamente polo período de tempo establecido até a próxima revisión de dita minusvalía, debendo o interesado solicitar de novo a concesión, no caso de que, transcorrido dito prazo, o organismo competente declare de novo a existencia de dita condición legal de minusválido. 7.- A concesión das exencións previstas no presente artigo efectuarase, de forma obrigada, sempre e cando se acredite a concorrencia das circunstancias que a motiven, mediante a presentación da documentación requirida. Artigo 7: exencións aplicables á solicitude do interesado por razón do seu destino agrícola 1.- Poderá concederse a exención do imposto aos tractores, semirremolques e maquinaria provistos da cartilla de inspección agrícola. 2.- Non se achan incluídos no presente artigo por non estar suxeitos ao imposto, os seguintes: a) Tractores e maquinaria con masa máxima autorizada (MMA) superior a 750 quilogramos. b) Remolques e semirremolques con carga útil superior a 750 quilogramos. 3.- Para poder aplicar estas exencións, os interesados deberán instar a súa concesión, indicando as características do vehículo, a súa matrícula e a causa do beneficio. Así mesmo, deberase acompañar á solicitude a seguinte documentación: a) Permiso de circulación do vehículo. b) Certificado de características técnicas do vehículo. c) Cartilla de inspección agrícola ou certificado de inscrición no rexistro de maquinaria agrícola. 4.- A concesión das exencións previstas no presente artigo efectuarase, de forma obrigada, sempre e cando se acredite a concorrencia das circunstancias que a motiven, mediante a presentación da documentación respectiva. 5.- Unha vez declarada a exención pola administración municipal, expedirase un documento que acredite o seu outorgamento. Artigo 8: aplicación temporal de exencións aplicables á solicitude do interesado 1.- Toda exención concedida a instancia do interesado aplicarase a partir do exercicio seguinte a aquel en que se concedera pola administración municipal, polo que terá plena vixencia no período tributario posterior a aquel do seu outorgamento. 2.- Non procederá ningunha reclamación por devolución de cantidades satisfeitas polo interesado en concepto de pagamento do imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica correspondentes a exercicios anteriores a aquel do seu outorgamento. Sección segunda: bonificacións Artigo 9: bonificacións por razón da antigüidade do vehículo 1.- Poderá concederse unha bonificación equivalente ao 100% do total da cota tributaria a: a) Vehículos declarados históricos. b) Vehículos que teñan unha antigüidade mínima de corenta anos, contados a partir da data da súa fabricación ou, se esta non se coñecese, tomando como tal a data da súa primeira matriculación, ou, no seu defecto, a data en que o correspondente tipo, variante ou modelo de vehículo se deixou de fabricar. 2.- Considéranse vehículos históricos: a) Os vehículos incluídos no inventario xeral de bens mobles do patrimonio histórico español ou declarados bens de interese cultural ou que revistan un interese especial por ter pertencido a algunha personalidade relevante ou intervido nalgún acontecemento de transcendencia histórica. b) Os chamados "vehículos de colección". 3.- Os vehículos históricos posuirán, en todo o caso, a correspondente declaración legal de vehículo histórico efectuada polos órganos competentes da Xunta de Galicia e haberán de acharse catalogados como tales, de acordo co disposto no RD 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos históricos. 4.- Os vehículos históricos acharanse así catalogados no rexistro de vehículos da Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, que outorgará a matrícula especial regulada para este tipo de vehículos. 5.- A Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense dará traslado ao Concello de Verín, conforme á normativa legal, de todo permiso de circulación que se conceda para este tipo de vehículos, sempre que se achen domiciliados no municipio. 6.- Para poder aplicar estas bonificacións, os interesados instarán a súa concesión, indicando as características do vehículo, a súa matrícula e a causa do beneficio, así como a inclusión no censo municipal de vehículos históricos, antigos e clásicos. Así mesmo, deberase acompañarse á solicitude a seguinte documentación: a) Copia do permiso de circulación do vehículo. b) Copia do certificado de características técnicas do vehículo. c) No caso de vehículos históricos, copia da resolución do órgano autonómico competente sobre a catalogación de dito vehículo como histórico. 7.- O Concello de Verín confeccionará un censo de vehículos históricos, antigos e cláisicos e que se achen, na actualidade, en perfecto estado de conservación e con todos os requisitos legais que correspondan. Dito censo elaborarase a partir das diferentes solicitudes de outorgamento de bonificacións que se vaian presentando, de tal forma que, a concesión do beneficio fiscal previsto neste artigo determinará a inclusión en dito censo. A inclusión na categoría de vehículos históricos, antigos e clásicos deberá ser solicitada polos propios interesados, os seus propietarios ou os seus representantes legais, tras presentar a documentación acreditativa. Este censo será aprobado anualmente, mediante acordo da Xunta de Goberno Local, na mesma sesión en que se aprobe o Padrón do imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica, coa finalidade de coñecer, en todo momento, o custo que ten para o Concello de Verín os beneficios fiscais outorgados a partir de dito censo, así como tamén os datos referentes á antigüidade e necesidade de renovación do parque móbil do municipio de Verín. 8.- A concesión das bonificacións previstas no presente artigo efectuarase, de forma obrigada, sempre e cando se acredite a concorrencia das circunstancias que a motivan, mediante a presentación da correspondente documentación e a partir dos datos contidos no censo de vehículos históricos, antigos e clásicos. 9.- Unha vez que a administración municipal declare a bonificación, expedirase un documento que acredite o seu outorgamento. CAPÍTULO QUINTO: COTA TRIBUTARIA Artigo 10: tarifas 1.- As cotas do Concello de Verín son as seguintes:
2.- Para os efectos deste imposto, o concepto das diversas clases de vehículos relacionados no seu cadro de tarifas será o recollido no RD 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos, e, en especial: a) Enténdese por turismo todo automóbil destinado ao transporte de persoas que teña, cando menos, catro rodas e que teña, ademais do asento do condutor, oito prazas como máximo. b) Enténdese por autobús ou autocar todo automóbil que teña máis de nove prazas, incluída a do condutor, destinado, pola súa construción e acondicionamento, ao transporte de persoas e as súas equipaxes, incluíndo neste termo o trolebús, é dicir, o vehículo conectado a unha liña eléctrica e que non circula por raís. c) Enténdese por camión todo automóbil con catro rodas ou máis, concebido e construído para o transporte de mercadorías, cuxa cabina está integrada no resto da carrocería, e cun máximo de nove prazas, incluída a do condutor. d) Enténdese por tractor, todo vehículo especial autopropulsado, de dous ou máis eixes, concebido e construído para arrastrar, empurrar, levar ou accionar apeiros, maquinaria ou remolques agrícolas (tractor agrícola), para o transporte en campo de produtos agrícolas (tractocarro), para arrastrar ou empurrar útiles, máquinas ou vehículos de obras (tractor de obras) ou para arrastrar ou empurrar vehículos de servizo, vagóns ou outros aparellos (tractor de servizos). e) Enténdese por remolque, todo vehículo non autopropulsado, deseñado e concebido para ser remolcado por un vehículo de motor. f) Enténdese por semirremolque, todo vehículo non autopropulsado, deseñado e concebido para ser axustado a un automóbil, sobre o que repousará parte del, transferíndolle unha parte substancial da súa masa. g) Enténdese por ciclomotor, todo vehículo de dous ou tres rodas, provisto dun motor de cilindrada non superior a 50 centímetros cúbicos, se é de combustión interna, e cunha velocidade máxima por construción en chan non superior a 45 km/h h) Enténdese por motocicleta, todo vehículo de dúas rodas (sen sidecar) ou de tres rodas asimétricas respecto ao seu eixe medio lonxitudinal (con sidecar), provistos dun motor de cilindrada superior a 50 centímetros cúbicos, se é de combustión interna, e/ou cunha velocidade máxima por construción en chan superior a 45 km/h 3.- Así mesmo, e para os efectos deste imposto, teranse en conta as seguintes regras: a) Os furgóns ou furgonetas tributarán polas tarifas correspondentes aos camións. Enténdese por furgón ou furgoneta o automóbil con catro rodas ou máis, concebido e construído para o transporte de mercadorías, cuxa cabina non está integrada no resto da carrozaría e cun máximo de nove prazas, incluída a do condutor. b) Os motocarros terán a consideración, para os efectos deste imposto, de motocicletas e, polo tanto, tributarán de acordo coa súa cilindrada. c) Cando se trate de vehículos articulados, tributarán simultaneamente e por separado, o automóbil, constituído por un vehículo de motor autopropulsado, e o remolque ou semirremolque axustado, constituído por un vehículo non autopropulsado. d) As máquinas autopropulsadas ou automotrices que poidan circular polas vías públicas sen ser transportadas ou arrastradas por outros vehículos de tracción mecánica tributarán polas tarifas correspondentes aos tractores, quedando comprendidos, entre estes, os tractocamións. Enténdese por tractocamión o automóbil concebido e construído para realizar, principalmente, o arrastre dun semirremolque. Artigo 11: criterios de tarifación 1.- A potencia fiscal do vehículo, expresada en cabalos fiscais, establecerase de acordo co disposto no artigo 11.20 e no anexo V do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. 2.- Nos casos de vehículos nos que aparecese, na tarxeta de inspección técnica a distinción, na determinación da carga, entre MMA (masa máxima autorizada) e MTMA (masa máxima tecnicamente admisible), estarase, para os efectos da súa tarifación, aos quilogramos expresados na MMA que corresponde á masa máxima para a utilización dun vehículo con carga en circulación polas vías públicas, peso que será sempre igual ou inferior á MTMA, conforme ao indicado no Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. CAPÍTULO SEXTO: PERÍODO IMPOSITIVO E DEVINDICACIÓN Artigo 12: período impositivo e devindicación 1.- O período impositivo coincide co ano natural, salvo no caso de primeira adquisición dos vehículos. Neste caso, o período impositivo comezará o día en que se produza dita adquisición. 2.- O imposto devindícase o primeiro día do período impositivo. 3.- O importe da cota do imposto repartirase por trimestres naturais nos casos de primeira adquisición ou de baixa definitiva do vehículo. Tamén procederá o reparto da cota, nos mesmos termos, nos supostos de baixa temporal por subtracción ou roubo do vehículo, e iso desde o momento en que se produza dita baixa temporal no rexistro público correspondente. 4.- No suposto de transferencia ou cambio de domicilio con trascendencia tributaria, a cota será irreducible e o obrigado ao pagamento do imposto será quen figura como titular do vehículo no permiso de circulación o día en que se devindica o tributo (1 de xaneiro de cada ano) e nos casos de primeira adquisición, o día en que se produza dita adquisición. CAPÍTULO SÉTIMO: XESTIÓN E COBRAMENTO DO TRIBUTO Artigo 13: competencia 1.- A xestión, liquidación, inspección e recadación do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, así como a revisión dos actos ditados en vía de xestión tributaria, corresponde ao Concello de Verín, sempre e cando o domicilio que consta no permiso de circulación do vehículo pertenza ao seu termo municipal. 2.- O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo das delegacións de competencias efectuadas polo Concello de Verín noutras institucións ou entidades locais. 3.- Todas as reclamacións ou revisións de actos que se diten en vía de xestión tributaria, así como solicitudes de devolución de ingresos indebidos, serán informadas previamente pola Intervención ou a Tesouraría municipal e acordadas por acordo da Xunta de Goberno Local. Artigo 14: autoliquidación 1.- Este imposto xestionarase en réxime de autoliquidación cando se trate de vehículos que sexan alta no tributo, como consecuencia da súa matriculación e autorización para circular, así como cando se produza a súa rehabilitación e novas autorizacións para circular nos casos en que o vehículo causara baixa temporal ou definitiva no rexistro de vehículos da Xefatura Provincial de Tráfico. 2.- Respecto dos expresados vehículos, o suxeito pasivo deberá practicar, no impreso habilitado para os efectos pola administración municipal, a autoliquidación do imposto, con ingreso, no seu caso, do seu importe nos establecementos bancarios ou caixas de aforro autorizados polo Concello de Verín ou, directamente, nas propias dependencias da Tesouraría municipal. 3.- O documento acreditativo do pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica ou da súa exención ou bonificación, deberá presentarse ante a Xefatura Provincial de Tráfico polos que desexen matricular ou rehabilitar un vehículo, ao propio tempo de solicitar estas. 4.- A autoliquidación terá carácter provisional até que a administración municipal comprobe que se efectuou mediante a correcta aplicación das normas reguladoras do imposto contidas na presente ordenanza. Artigo 15: padrón de vehículos e período de pagamento 1.- Cando se trate de vehículos xa matriculados ou xa declarados aptos para a circulación en exercicios anteriores, o prazo para o pagamento das cotas anuais do imposto no período voluntario abranguerá dende o día 1 de abril até o día 31 de maio, ou o inmediato día hábil posterior de cada anualidade. Cando as necesidades do servizo o aconsellen, poderá modificarse dito prazo por acordo da Xunta de Goberno Local, sempre que dito prazo non sexa, en ningún caso, inferior a dous meses naturais. 2.- Neste suposto, a recadación das cotas tributarias correspondentes realizarase mediante a expedición dos recibos, en base a un padrón ou matrícula anual, no que figurarán todos os vehículos suxeitos ao imposto, que coincidirán cos vehículos que se achen inscritos no correspondente rexistro da Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, a nome de persoas ou entidades cuxos vehículos se achen domiciliados, no seu permiso de circulación, no termo municipal de Verín. 3.- O padrón ou matrícula do imposto exporase ao público, polo prazo de quince días, para que os lexítimos interesados poidan examinalo e, no seu caso, formular as reclamacións oportunas. 4.- Dita exposición ao público e a indicación do prazo de pagamento das cotas comunicarase mediante inserción de anuncios no taboleiro de edictos do concello, no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e nun periódico dos de maior tirada da provincia e producirá os efectos de notificación da liquidación a cada un dos suxeitos pasivos, non sendo necesaria a notificación individual. 5.- O transcurso do período de pagamento voluntario sen se efectuar o ingreso determinará o inicio do período executivo, non podendo escusarse o interesado na ausencia do termo municipal ou o descoñecemento ou ignorancia do período de cobramento, de acordo coa normativa establecida na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. 6.- O pagamento dos recibos realizarase nas entidades financeiras autorizadas polo Concello de Verín ou pola entidade recadatoria en quen delegara estas funcións. Artigo 16: altas extemporáneas No caso de que se soliciten altas no Padrón do imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica, pola titularidade dun vehículo domiciliado no termo municipal de Verín xa en anos anteriores, pero que non consta no padrón do imposto, o interesado haberá de satisfacer necesariamente a cantidade correspondente ao período de prescrición legalmente establecido (catro anos, incluíndo o exercicio no que se produza a alta), agás que se acredite fidedignamente a data en que se debeu producir a alta e, polo tanto, que a cantidade non satisfeita será por importe inferior. CAPÍTULO OITAVO: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS Artigo 17: infraccións e sancións En todo o relativo ás infraccións tributarias e ás súas distintas cualificacións, así como ás sancións que lles correspondan en cada caso, aplicaranse as normas da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e o Real decreto 2063/2004, do 15 de outubro, polo que se desenvolverá o réxime sancionador tributario, así como a restante normativa complementaria ditada na súa aplicación e desenvolvemento, en especial, a Ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección que puidese aprobar o concello. Artigo 18: declaración xurada No suposto de que se acredite o incumprimento por parte do solicitante das condicións de outorgamento de exencións ou bonificacións, debido á falta de veracidade dos datos obrantes na declaración xurada, poderá a administración municipal sancionar a infracción tributaria cunha sanción equivalente ao importe total que suporía o pagamento do tributo durante os exercicios en que se disfrutou a exención ou bonificación, dende a data da súa concesión, até un máximo de catro períodos tributarios. Disposición adicional primeira: permisos de circulación As referencias aos permisos de circulación ao longo do articulado da ordenanza entenderanse referidas ás licenzas de circulación no caso de ciclomotores, tras a entrada en vigor do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. Disposición adicional segunda: referencias normativas Toda referencia efectuada na presente ordenanza fiscal, ás normas, leis ou regulamentos, entenderase efectuada, automaticamente, ás novas normas que as substitúan, modifiquen ou derroguen os seus textos. Disposición transitoria única: solicitudes anteriores á data de modificación das condicións da exención por antigüidade dos vehículos 1. As exenciones do Imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica xa concedidas, por razón da antigüidade do vehículo, en día anterior á data de entrada en vigor da presente modificación, pero que, con arranxo ás novas condicións aprobadas, deban tributar, manterán a súa aplicación efectiva no exercicio 2014, debendo decaer a súa vixencia a partir do 1 de xaneiro de 2015. 2. As solicitudes de exención do Imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica por razón da antigüidade do vehículo, presentadas, no rexistro municipal de entrada de documentos, en día anterior á data de entrada en vigor da presente modificación, e non concedidas na devandita data, nas que proceda recoñecer a exención, en virtude da normativa vixente na actualidade, pero que, con arranxo ás novas condicións aprobadas, deban tributar, concederanse exclusivamente con efecto para o exercicio 2014, debendo decaer a súa vixencia a partir do 1 de xaneiro de 2015. 3. As solicitudes de exención do Imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica por razón da antigüidade do vehículo, presentadas, no rexistro municipal de entrada de documentos, na data de entrada en vigor da presente modificación ou con posterioridade, nas que proceda recoñecer a exención en virtude da normativa vixente na actualidade, pero que, con arranxo ás novas condicións aprobadas, deban tributar, serán denegadas. Disposición final primeira: normas supletorias Para todo o non especificamente regulado nesta ordenanza fiscal serán de aplicación as normas contidas no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos, o Real decreto 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos históricos, así como a normativa autonómica complementaria ditada no desenvolvemento das anteriores e demais disposicións que dite o concello no exercicio da súa potestada normativa e tributaria. Disposición final segunda: entrada en vigor e período de vixencia A presente ordenanza fiscal, entrará en vigor o mesmo día da publicación do texto definitivo, integramente, no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas, e será de aplicación dende o día 1 de xaneiro do ano 2014. Disposición final Quedan derrogadas cantas normas aprobara o Pleno desta Corporación e que se opoñan ou contradigan o disposto na presente ordenanza fiscal. O alcalde: Juan Manuel Jiménez Morán A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz
DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no BOP de Ourense número 229 de data 04.10.2013.
A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz |