Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Secretaría Ord. Fiscais: Taxas ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS CULTURAIS NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA, DANZA TRADICIONAL E GAITA
ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS CULTURAIS NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA, DANZA TRADICIONAL E GAITA PDF Imprimir Correo-e

Musica Danza.htm


ARTIGO 1: FUNDAMENTO E NATUREZA XURÍDICA


En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e os artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este concello establece a Taxa pola prestación de servizos públicos culturais na Escola Municipal de Música, Danza Tradicional e Gaita, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido nos artigos 20 e seguintes do citado Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.


ARTIGO 2: FEITO IMPOÑIBLE


1. Constitúe o feito impoñible deste tributo, a prestación de servizos públicos culturais na Escola Municipal de Música, Danza Tradicional e Gaita.


2. Os servizos públicos culturais contemplados no apartado anterior comprenderán, sen prexuízo de futuras ampliacións, cambios ou variacións futuras, en función da demanda existente:


- Sección de música: gaita, percusión e pandeireta.


- Sección de danza: danza tradicional.


ARTIGO 3: PERÍODO IMPOSITIVO E OBRIGA DE CONTRIBUÍR


1.- O período impositivo coincidirá co curso anual de cada tempada de estudos.


2.- A obriga de contribuír nace coa iniciación da prestación dos servizos públicos, aínda cando poderá esixirse o depósito previo ou anticipo de todo ou parte do seu importe, no momento de presentarse a correspondente solicitude de inscrición ou matrícula.


ARTIGO 4: DEVINDICACIÓN


1. A taxa devindícase, na súa totalidade, no momento de presentarse a solicitude de inscrición ou matrícula.


2. A inscrición implica o compromiso firme de pagamento da totalidade do importe dos dereitos de matrícula previstos nesta ordenanza, aínda cando se acorde o adiamento ou fraccionamento da contía total, en varias cotas, durante o curso.


3. A inasistencia, renuncia posterior, imposibilidade sobrevida de asistencia, por causa non imputable ao concello, ou calquera outra forma de remate anticipada do goce do servizo, imputable ao suxeito pasivo, implicará, de forma automática, o vencemento da totalidade das cotas adiadas, no seu caso, sen que poida conlevar rateo de cotas, en ningún caso, ou anulación de todo ou parte da débeda tributaria devindicada con motivo da matrícula.


ARTIGO 5: SUXEITOS PASIVOS


1. Serán suxeitos pasivos, obrigados ao pagamento da taxa que regula esta ordenanza fiscal, todas as persoas físicas e xurídicas e demais entidades sen personalidade xurídica propia a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que se utilicen, gocen ou se beneficien dos servizos ou actividades que se presten ou realicen na Escola Municipal de Música, Danza Tradicional e Gaita.


2. Presumirase, a todos os efectos, que reúne a condición de suxeito pasivo, o solicitante dos servizos culturais, segundo os datos que consten na solicitude de inscrición ou matrícula.


3. No caso de solicitudes de inscrición ou matrícula para alumnos menores de idade, a solicitude especificará, necesariamente, como solicitante, aos representantes legais, na súa condición de pais, titores ou gardadores, que asumirán, a todos os efectos, a condición de suxeitos pasivos.


ARTIGO 6: BASE IMPOÑIBLE E BASE LIQUIDABLE


1. A base impoñible virá establecida pola tarifa que, con carácter fixo, aparece establecida nesta ordenanza fiscal.


2. A cota tributaria que satisfará o contribuínte consistirá nunha contía fixa, por alumno e curso, con arranxo ao seguinte detalle:


CADRO DE TARIFAS

CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU DE EMPADROADO

CONCEPTO

POSUÍDOR

NON POSUÍDOR

1.- Matrícula ordinaria.

95,00 €

120,00 €



ARTIGO 7: BONIFICACIÓNS FISCAIS


1. Recoñécense na presente ordenanza fiscal as seguintes bonificacións:


a) Familia numerosa: 20,00 %


b) Segundo membro da familia matriculado: 35,00%


c) Membro da Banda Municipal de Gaitas: 50,00%-100,00%


d) Familia con circunstancias socioeconómicas adversas: 25,00%-50,00%


2. Será necesaria a presentación de copia do libro de familia ou documento equivalente e de certificación de convivencia para ter dereito ás bonificacións sinaladas nas letras a) e b) do primeiro apartado deste artigo.


3. En relación ás bonificacións previstas na letra c) do apartado primeiro deste artigo, os membros titulares da Banda Municipal de Gaitas estarán exentos do pagamento de matrícula, se desexan complementar a súa formación con especialidades distintas a aquela na que están integrados, en calidade de membros titulares, na Banda Municipal de Gaitas.


Os membros meritorios da Banda Municipal de Gaitas terán un desconto do 50,00% sobre o cadro de tarifas ordinario na disciplina na que están integrados, en calidade de membros meritorios, na Banda Municipal de Gaitas.


O alumnado de nivel superior, nas especialidades instrumentais, terá dereito preferente, se posúe interese, formación e dispoñibilidade necesaria, para ocupar postos de membros meritorios que se creen anualmente na Banda Municipal de Gaitas, en función das vacantes previstas no cadro de membros titulares dese colectivo musical.


4. Para acceder á bonificación prevista na letra d) do apartado primeiro deste artigo teranse que cumprir, conxuntamente, as seguintes condicións:


a) Que a renda per cápita familiar non supere os 9.000,00 euros brutos anuais, entendendo como renda per cápita, a renda da unidade familiar de convivencia dividida entre o número de membros da unidade familiar computables


No caso de familias monoparentais, a bonificación será do 50,00%, cando a renda per cápita sexa igual ou inferior a 6.000,00 euros brutos anuais e, noutro caso, a bonificación será do 25,00%, co límite máximo de 9.000,00 euros brutos anuais.


No caso de familias non monoparentais, a bonificación será do 50,00%, cando a renda per cápita sexa igual ou inferior a 5.400,00 euros brutos anuais e, noutro caso, a bonificación será do 25,00%, co límite máximo de 9.000,00 euros brutos anuais.


Excepcionalmente, mediante informe favorable dos Servizos Sociais Municipais, poderá procederse a incrementar a porcentaxe de bonificación até o 50,00%, incluso aínda cando non se cumpran os requisitos necesarios de contía de renda per cápita, establecidos anteriormente.


b) Para aplicar esta bonificación no primeiro ano de pertenza ao centro, será indispensable que o futuro alumno, cando se inscriba, presente un documento asinado polo titor do centro educativo no que segue estudos obrigatorios, no que acredite que destaca polas súas aptitudes musicais e/ou psicomotrices e pola súa capacidade para poder seguir uns estudos aos que terá que dedicar un tempo complementario ao da xornada escolar regrada.


c) O alumnado que desexe continuar estudos na Escola Municipal de Danza e Gaita e facer uso desta bonificación fiscal, deberá ter superado, con nota mínima de aprobado en todas as disciplinas e con nota media mínima de 6, o curso nos estudos obrigatorios ou nos de bacharelato, formación profesional ou equivalentes.


5. O alumno perde o dereito a calquera tipo de bonificación fiscal cando teña máis dunha falta sen xustificar, en calquera dos tres trimestres do curso, en calquera das disciplinas que estude, debendo pagar a liquidación complementaria correspondente, por decaemento do seu dereito á bonificación da que se beneficiou, para poder seguir a formación con normalidade.


6. Cada docente, en cada disciplina ou especialidade, redactará, ao finalizar o ano lectivo, un informe personalizado da evolución formativa de cada usuario, que recollerá, entre outras, informacións relativas á súa asistencia ás actividades, actitude, coñecementos, integración no grupo respectivo e participación nas actividades complementarias de formación, en caso de programarse.


Dito informe, en caso de ser positivo, posibilitará o mantemento das bonificacións fiscais establecidas neste artigo, de cara a cursos posteriores, que, emporiso, decaerán en caso de informe negativo.


ARTIGO 8: COTA TRIBUTARIA


1. A cota tributaria será o resultado de aplicar, sobre a base, as bonificacións establecidas no artigo anterior.


2. A cota tributaria terá un carácter único, pola totalidade do curso, podendo adiarse ou fraccionarse en diversos períodos ou prazos, segundo o sinalado no artigo seguinte.


ARTIGO 9: OBRIGA DE PAGAMENTO


Artículo 9: Obriga de pagamento.


1. Os suxeitos pasivos satisfarán unha contía inicial, en concepto de matrícula, e unha contía adicional, con periodicidade mensual, até a finalización do curso, con arranxo ao seguinte detalle:


CONCEPTO

MATRÍCULA

COTA MENSUAL

POSUIDORES DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU EMPADROADOS

Curso

32,00 €

7,00 €

NON POSUIDORES DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU NON EMPADROADOS

Curso

39,00 €

9,00 €


2. Sobre as cantidades establecidas no cadro anterior, aplicaranse, directamente, as bonificacións e penalizacións establecidas nesta ordenanza.


3. O importe da matrícula poderá ser adiado ou fraccionado, á solicitude do interesado, durante o curso, sen que se devindique ningún interese, co límite, no período de pagamento acordado, do tempo de duración de cada curso, debendo terse satisfeitas todas as cotas no momento da finalización da actividade.


4. Igualmente, será admisible, á solicitude do interesado, a anticipación do total do importe do curso completo, no momento do pagamento inicial dos dereitos de matrícula, o que suporá a renuncia voluntaria a cualquera posibilidade de fraccionamento das cotas.


5. Poderá efectuarse un depósito previo, equivalente ao 30,00% do custo total da matrícula, no caso de alumnos que remataran o curso, en concepto de reserva de praza para o curso seguinte.


Chegado o momento de formalizar a inscrición do seguinte curso, no caso de que se optase por efectuar a solicitude de matrícula, completarase o pagamento do importe restante, podendo tamén renunciar á reserva de praza, o que conlevará a devolución do importe depositado, sen ningún gasto.


ARTIGO 10: ACREDITACIÓN DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU DE EMPADROADO


1. A condición de eurocidadán acreditarase mediante a exhibición da tarxeta de eurocidadán, expedida ao seu nome.


Durante o curso, o concello poderá requirir, en calquera momento, aos usuarios a presentación da tarxeta de eurocidadán, para comprobar que se manteñen as condicións que se tiveron en conta, no seu día, á hora de liquidar a cota tributaria correspondente.


2. A condición de empadroado acreditarase mediante a exhibición de certificación de empadroamento, debidamente expedida polos servizos municipais correspondentes, ao seu nome.


Durante o curso, o concello poderá requirir, en calquera momento, aos usuarios a exhibición novamente do certificado de empadroamento, para comprobar que se manteñen as condicións que se tiveron en conta, no seu día, á hora de liquidar a cota tributaria correspondente.


3. No suposto de que un alumno deixase de reunir a condición de eurocidadán ou de empadroado, durante o desenvolvemento do curso, aplicarase unha recarga do 25,00% na súa cota mensual, a partir do mes seguinte a aquel no que se perdera dita condición.


ARTIGO 11: FORMA DE PAGAMENTO


1. Satisfarase en metálico, mediante ingreso na conta bancaria de titularidade municipal que corresponda o importe do primeiro pagamento, logo da aplicación das bonificacións ou penalizacións a que houbese lugar e dos acordos de adiamento e fraccionamento que se estableceran, descontando o depósito previo, en concepto de reserva de praza que se establecera.


2. Satisfarase, obrigatoriamente, mediante domiciliación bancaria, os recibos de cada cota mensual.


No caso de que se produza a devolución do recibo domiciliad,o o suxeito pasivo satisfará, en metálico, mediante ingreso na conta bancaria de titularidade municipal que corresponda, o seu importe, incluíndo unha recarga adicional por contía de 3,00 euros.


Igualmente, no caso de cidadáns residentes en Portugal, cuxa conta para a domiciliación do pagamento se encontre en sucursal aberta nese país, incluirase, de forma automática, unha recarga adicional por contía de 3,00 euros, en concepto de comisións e gastos bancarios, agás que se formalicen convenios ou acordos con entidades financeiras para a non repercusión deste tipo de gastos.


ARTIGO 12: RECADACIÓN E XESTIÓN DO COBRAMENTO


1. Serán aplicables para o cobramento e recadación da taxa, as normas contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o regulamento xeral de recadación, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.


2. No caso de rematarse o ano lectivo sen ter realizado o pagamento da totalidade das cotas expresadas nasta ordenanza, conforme aos prazos acordados no acordo correspondente de adiamento ou fraccionamento, no seu caso, non se poderá expedir en favor do suxeito pasivo debedor, certificación de aproveitamento ou diploma acreditativo da finalización do curso.


3. No suposto de que se inicie un novo ano lectivo tendo débedas tributarias pendentes de ingreso, correspondentes a cursos anteriores, no ámbito regulado na presente ordenanza, non se admitirá a formalización de nova matrícula, ao suxeito pasivo debedor, correspondente ao curso que se inicia.


ARTIGO 13: REVISIÓN E RECLAMACIÓNS TRIBUTARIAS


En todo o relativo á resolución de reclamacións tributarias, estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e o Real decreto 520/2005, do 13 de maio, polo que se aproba o regulamento xeral de desenvolvemento da lei xeral tributaria en materia de revisión en vía administrativa, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.


ARTIGO 14: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS


En todo o relativo ás infraccións e sancións tributarias, ademais do previsto na presente ordenanza fiscal, estarase ao disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e no Real decreto 2063/2004, do 15 de outubro, polo que se aproba o regulamento xeral do réxime sancionador tributario, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.


ARTIGO 15: OFERTA DE SERVIZOS


No caso de especialidades nas que, antes de comezar o curso ou durante o primeiro mes de actividade, non exista unha demanda firme de postos de formación, que, a criterio dos organizadores, xustifique a necesidade social de manter a actividade nesa especialidade durante todo o ano lectivo, o concello poderá acordar a suspensión das ensinanzas en dita especialidade, tras a devolución do importe total das cantidades ingresadas polos usuarios, como matrícula, no curso correspondente.


DISPOSICIÓNS ADICIONAIS


DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA: APLICACIÓN DE NORMATIVA SUBSIDIARIA


1. Para todo o non expresamente regulado na presente ordenanza fiscal, en orde á xestión municipal deste tributo, estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, á Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e ao Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, así como pola restante normativa e demais disposicións complementarias e concordantes, ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.


2. Toda referencia feita na presente ordenanza fiscal a leis e demais disposicións estatais ou autonómicas, entenderanse efectuadas, igualmente, ás que, no seu caso, as substitúan ou modifiquen.


DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS


DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA: RÉXIME TRANSITORIO DOS DEPÓSITOS PREVIOS EN CONCEPTO DE RESERVA DE PRAZA


As normas relativas á contía que se satisfará, en concepto de depósito por reserva de praza para o curso seguinte, non serán aplicables no primeiro curso que se inicie, tras a entrada en vigor da presente ordenanza fiscal, tendo os solicitantes de reserva de praza, xa existentes, á data de entrada en vigor desta nova ordenanza fiscal, a posibilidade de completar o importe da matrícula, con arranxo ás novas tarifas establecidas, respecto á contía do depósito xa efectuado, no seu caso, ou renunciar á reserva de praza concedida, que conlevará a devolución das cantidades depositadas, sen ningún gasto adicional.


DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA: CUALIFICACIÓNS OBTIDAS NO CURSO ANTERIOR


De cara ao inicio do primeiro curso que se desenvolva, tras a entrada en vigor desta ordenanza fiscal, realizaranse, polo pesoal docente, para a aplicación do réxime de bonificacións, os informes necesarios para valorar os extremos sinalados no artigo 7.3 desta ordenanza, referidos ao curso anterior, cuxas circunstancias se terán en conta, en canto aos alumnos que pretenden continuar a súa formación no curso seguinte.


A partir desta ordenanza, os informes mencionados redactaranse de forma personalizada, para a totalidade dos alumnos, ao finalizar cada curso.


DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS


DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA: REFERENCIA Á NORMATIVA DERROGADA


1. Queda derrogado o texto da anterior Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos públicos culturais na Escola Municipal de Música, Danza Tradicional e Gaita, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, número 55, de data 8 de marzo do 2000.


2. Igualmente, quedan derrogadas cantas outras normas ou disposicións que se achen vixentes e que se opoñan ou que, de calquera outro modo contradigan o disposto na presente ordenanza fiscal.


DISPOSICIÓNS FINAIS


DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA: ENTRADA EN VIGOR


A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o mesmo día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas, e será de aplicación a partir do día seguinte a dita publicación.


O alcalde                                                                                       A secretaria

Juan Manuel Jiménez Morán                                                  Pilar del Carmen Saborido Díaz

 

?>