Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Secretaría Ord. Fiscais: Taxas ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DE SERVICIOS NO CONSERVATORIO ELEMENTAL DE MÚSICA.
ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DE SERVICIOS NO CONSERVATORIO ELEMENTAL DE MÚSICA. PDF Imprimir Correo-e

Ordenanza conservatorio.html


ARTIGO 1: FUNDAMENTO E NATUREZA XURÍDICA

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e os artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa pola prestación de servizos públicos educativos no Conservatorio Elemental de Música de Verín, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido nos artigos 20 e seguintes do citado Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

ARTIGO 2: FEITO IMPOÑIBLE

1. Constitúe o feito impoñible deste tributo, a prestación de servizos públicos educativos no Conservatorio Elemental de Música de Verín.

2. Os servizos públicos educativos contemplados no apartado anterior comprenden:

- Ensinanzas non oficiais: fundamentos musicais.

- Ensinanzas oficiais de clarinete, guitarra, piano, saxofón, trompeta e violín.

- Servizos de xestión administrativa: expedición de certificacións de asistencia, superación e aproveitamento, así como traslado de expedientes a outros centros educativos.

ARTIGO 3: PERÍODO IMPOSITIVO E OBRIGA DE CONTRIBUÍR

1.- O período impositivo coincidirá co curso anual de cada tempada de estudos.

2.- A obriga de contribuír nace co inicio da prestación dos servizos públicos, aínda cando poderá esixirse o depósito previo ou anticipo de todo ou parte do seu importe, no momento de presentarse a correspondente solicitude de inscrición ou matrícula.

ARTIGO 4: DEVINDICACIÓN

1. A taxa devindícase, na súa totalidade, no momento de presentarse a solicitude de inscrición ou matrícula.

2. As cotas mensuais teñen a condición de pagamentos fraccionados, sen ningún xuro, respecto do importe total da matrícula, de modo que a inscrición e pagamento inicial dos dereitos de matrícula implica o compromiso firme de pagamento da totalidade das cotas durante o resto do curso, aínda cando o alumno decida deixar de asistir, declare a súa renuncia ou manifeste a imposibilidade sobrevida para a asistencia, por causa non imputable ao concello.

3. A inasistencia, renuncia posterior ou calquera outra forma de finalización anticipada da prestación, imputable ao suxeito pasivo, implicará, de forma automática, o vencemento da totalidade das cotas mensuais, que, segundo esta ordenanza resten por satisfacer, sen que poida conlevar, en ningún caso, por si soa, a anulación de todo ou parte da débeda tributaria devindicada con motivo da matrícula.

ARTIGO 5: SUXEITOS PASIVOS

1. Serán suxeitos pasivos, obrigados ao pagamento da taxa que regula esta ordenanza fiscal, todas as persoas físicas e xurídicas e demais entidades sen personalidade xurídica propia a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que utilicen, gocen ou se beneficien dos servizos ou actividades que se presten ou realicen no Conservatorio Elemental de Música de Verín.

2. Presumirase, a todos os efectos, que reúne a condición de suxeito pasivo, o solicitante dos servizos educativos, segundo os datos que consten na solicitude de inscrición ou matrícula.

No caso de solicitudes de inscrición ou matrícula para alumnos menores de idade, a solicitude especificará, necesariamente, como solicitante, aos representantes legais, na súa condición de pais, titores ou gardadores que asumirán, a todos os efectos, expresamente, as cargas derivadas da condición de suxeitos pasivos, mediante a sinatura do documento.

ARTIGO 6: BASE IMPOÑIBLE E BASE LIQUIDABLE

1. A base impoñible virá establecida pola tarifa, que, con carácter fixo se establece nesta ordenanza fiscal.

2. A cota tributaria que satisfará o contribuínte consistirá nunha contía fixa, con arranxo ao seguinte detalle:

CADRO DE TARIFAS
CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU DE EMPADROADO
CONCEPTO
POSUIDOR
NON POSUIDOR
1.- Curso de ensinanza non oficial: Fundamentos Musicais
144,00 €
180,00 €
2.- Curso de ensinanza oficial
685,00 €
856,00 €
3.- Disciplina de Educación Auditiva e Vogal
70,00 €
88,00 €
4.- Disciplina de Linguaxe Musical
141,00 €
176,00 €
5.- Disciplina de Instrumento
474,00 €
592,00 €
6.- Expedición de certificacións
4,00 €
5,00 €
7.- Traslado de expediente
12,00 €
15,00 €

3. Todos os conceptos expresados no apartado anterior son acumulables e compatibles entre si, agás a cota establecida no apartado primeiro, que só é compatible co sexto e sétimo do cadro tarifas anterior.

ARTIGO 7: FORMACIÓN EXTRAORDINARIA EN SEGUNDA ESPECIALIDADE INSTRUMENTAL

1. Só se admitirá a matrícula nunha segunda especialidade instrumental aos alumnos con cualificacións, como mínimo, no curso anterior, de sobresaínte nas disciplinas de instrumento e linguaxe musical e de notable na disciplina de educación auditiva e vogal.

2. Só se permitirá continuar coa formacilón nunha segunda especialidade instrumental aos alumnos con cualificacións, como mínimo, no curso anterior, de sobresaínte en linguaxe musical e de notable en educación auditiva e vogal, así como de notable en cada un dos dous instrumentos nos que se matriculara.

ARTIGO 8: MATRÍCULA EXCEPCIONAL

1. Será competencia do Consello Escolar a autorización, con carácter excepcional, da ampliación de matrícula ao curso seguinte do alumnado, que, tras a orientación do profesorado así o solicite, sempre que o informe da totalidade do profesorado do alumno asegure a súa adecuada capacidade de aprendizaxe do curso actual e daquel ao que aspire a acceder.

2. O suxeito pasivo que solicite e obteña a ampliación de matrícula dentro do ano lectivo e supere as disciplinas do curso para o que se lle concedeu a ampliación, non pagará ningún importe en concepto de ampliación.

3. Se o suxeito pasivo solicita e obtén ampliación de matrícula dentro do curso e non supera as disciplinas do curso para o que se lle concedeu a ampliación, satisfará ao final do ano lectivo as cotas correspondentes á matrícula de cada disciplina ampliada e non superada.

Ditas cotas estableceranse mediante o rateo mensual das cotas ordinarias, dende o momento en que se concedeu a ampliación de matrícula.

ARTIGO 9: BONIFICACIÓNS FISCAIS

1. Recoñécense na presente ordenanza fiscal as seguintes bonificacións:

a) Familia numerosa: 20,00%.
b) Segundo membro da familia matriculado: 35,00%
c) Membro da Banda Municipal de Gaitas: 35,00%.
d) Circunstancias socio-económicas adversas: 25,00% - 50,00%.

2. As bonificacións fiscais recoñecidas no apartado anterior deste artigo cesarán a súa aplicación no momento en que se produza a repetición de calquera disciplina ou de segunda matrícula.

O alumnado que presente un expediente académico no que se constate a repetición de disciplinas ou cursos perderá o dereito a calquera tipo de bonificación fiscal nas taxas que se devindiquen no curso seguinte, por prestación de servizos educativos no Conservatorio Elemental de Música de Verín.

Así mesmo, o alumno perde o dereito a calquera tipo de bonificación fiscal cando teña máis dunha falta sen xustificar, en calquera dos tres trimestres lectivos, en calquera das disciplinas que estude, debendo pagar a liquidación complementaria correspondente, por decaemento do seu dereito á bonificación gozada, para poder seguir a formación con normalidade.

3. Será necesaria a presentación de copia do libro de familia ou documento equivalente e certificación de convivencia para gozar das bonificacións sinaladas nas letras a) e b) do primeiro apartado deste artigo.

4. Para acceder á bonificación contemplada na letra d) do primeiro apartado deste artigo, teranse que cumprir conxuntamente as seguintes condicións:

a) Que a renda per cápita familiar non supere os 9.000,00 euros brutos anuais, entendendo como renda per cápita, a renda da unidade familiar de convivencia dividida entre o número de membros da unidade familiar computables.

No caso de familias monoparentais, a bonificación será do 50,00% cando a renda per cápita sexa igual ou inferior a 6.000,00 euros brutos anuais e, noutro caso, a bonificación será do 25,00%, co límite máximo de 9.000,00 euros brutos anuais.

Excepcionalmente, mediante informe favorable dos Servizos Sociais Municipais, poderá procederse a incrementar a porcentaxe de bonificación até o 50,00%, incluso aínda cando non se cumpran os requisitos necesarios de contía de renda per cápita, establecidos anteriormente.

b) Para aplicar esta bonificación, no primeiro ano de pertenza ao centro, será indispensable que o futuro alumno, cando se inscriba para a proba de acceso, presente un documento asinado polo titor do centro educativo no que segue estudos obrigatorios, no que acredite que destaca polas súas aptitudes musicais e pola súa capacidade para poder seguir uns estudos aos que terá que dedicar un tempo complementario ao da xornada escolar regrada.

c) O alumnado que desexe continuar estudos musicais no Conservatorio Elemental de Música de Verín e facer uso desta bonificación fiscal, deber ter superado, con nota mínima de aprobado en todas as disciplinas e con nota media mínima de 6, o curso nos estudos obrigatorios ou nos de bacharelato, formación profesional ou equivalentes.

5. As bonificacións recoñecidas neste precepto non serán acumulables, aplicándose, en todo o caso, a máis favorable para o interesado.

ARTIGO 10: MATRÍCULA DE HONOR

1. Entre o alumnado que cumpra os requisitos especificados no apartado seguinte deste artigo, o profesorado poderá propoñer a concesión de matrícula de honor a un alumno.

2. A concesión de matrícula de honor suporá a gratuidade total da matrícula, no seguinte ano lectivo, para cuxo recoñecemento efectivo será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Non ser repetidor.

b) Obter unha cualificación media do curso igual ou superior a 9 e unha cualificación mínima en cada unha das disciplinas de 8.

c) Presentarse a unha proba específica de selección, ante unha terna de profesores do centro, cos que non se formou durante o ano lectivo, na que se avaliará:

1º) A cultura musical, para o que terá que:

- Resolver exercicios a primeira vista de lectura rítmica, entonación e escritura musical, que suporá o 75,00% da puntuación total deste apartado.

- Responder preguntas específicas sobre teoría musical e historia da música, que suporá o 25,00% da puntuación total deste apartado.

2º) A capacitación como intérprete, que se avaliará mediante a execución de dúas pezas, de entre as incluídas no programa do curso, a proposta do alumno avaliado e, como mínimo, unha de memoria, podendo levar acompañamento gravado, no caso de intérpretes de instrumentos monofónicos.

ARTIGO 11: CURSOS E DISCIPLINAS EN SEGUNDA MATRÍCULA

1. Establécese unha penalización económica, por cada curso, no caso de segunda matrícula de curso completo ou de repetición de disciplinas, debido ao carácter voluntario dos estudos regulados na presente ordenanza fiscal, aos que acceden persoas coas aptitudes e capacidade necesarias para superalos, e a consideracións de racionalidade no gasto público, para evitar un uso irreflexivo dos recursos públicos.

2. Con este motivo, ás demandas de cursos e disciplinas en segunda matrícula aplicaráselles unha penalización económica sobre o importe, para alumnos repetidores de curso completo, que será progresiva, segundo o nivel que se repita, de acordo co seguinte criterio:

Alumnos repetidores de primeiro curso
50,00%
Alumnos repetidores de segundo curso
100,00%
Alumnos repetidores de terceiro curso
150,00%
Alumnos repetidores de cuarto curso
200,00%

3.- No suposto de que a segunda matrícula se efectúe por anulación de convocatoria do curso anterior, para que non se lle aplique penalización económica por segunda matrícula, o alumno deberá axuntar documentación adicional, na que se acredite que, no mesmo ano lectivo no que solicita a anulación de convocatoria nos estudos musicais, foille concedida, tamén, a anulación de matrícula no centro de ensino no que realizaba, simultaneamente, estudos obrigatorios, bacharelato ou de formación profesional.

4.- Con este motivo, ás demandas de disciplinas en segunda matrícula aplicaráselles unha penalización económica sobre o importe, para alumnos repetidores de disciplinas musicais, que será progresiva, segundo o nivel que se repita, de acordo co seguinte criterio:

Disciplinas de Linguaxe Musical e de Educación Auditiva e Vogal
Alumnos repetidores de primeiro curso
100,00%
Alumnos repetidores de segundo curso
125,00%
Alumnos repetidores de terceiro curso
150,00%
Alumnos repetidores de cuarto curso
200,00%
Disciplinas de Instrumento
Alumnos repetidores de primeiro curso
25,00%
Alumnos repetidores de segundo curso
50,00%
Alumnos repetidores de terceiro curso
75,00%
Alumnos repetidores de cuarto curso
200,00%
As porcetaxes establecidas neste cadro aplícanse sobre o valor base da disciplina repetida, de acordo co sinalado no artigo 6.2 desta ordenanza, ademais da contía que corresponda pola matrícula ordinaria do curso ordinario.

ARTIGO 12: COTA TRIBUTARIA

1. A cota tributaria será o resultado de aplicar, sobre a base, as bonificacións, penalizacións e recargas establecidas nos dous artigos anteriores.

2. A cota tributaria terá un carácter único, pola totalidade do curso, podendo adiarse ou fraccionarse en diversos períodos ou prazos, segundo o sinalado no artigo seguinte.

ARTIGO 13: OBRIGA DE PAGAMENTO E FRACCIONAMENTO DE COTAS

1. Os suxeitos pasivos satisfarán unha contía inicial, en concepto de matrícula, e unha contía adicional, con periodicidade mensual, até o remate do curso, con arranxo ao seguinte detalle:

CONCEPTO
INSCRICIÓN
COTA MENSUAL
POSUIDORES DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU EMPADROADOS
1.- Curso de ensinanza non oficial ou non regrada
36,00 €
12,00 €
2.- Curso de ensinanza oficial ou regrada
172,00 €
57,00 €
3.- Disciplina de educación auditiva e vogal
16,00 €
6,00 €
4.- Disciplina de linguaxe musical
33,00 €
12,00 €
5.- Disciplina de instrumento
123,00 €
39,00 €
NON POSUIDORES DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU NON EMPADROADOS
1.- Curso de ensinanza non oficial ou non regrada
45,00 €
15,00 €
2.- Curso de ensinanza oficial ou regrada
217,00 €
71,00 €
3.- Disciplina de educación auditiva e vogal
25,00 €
7,00 €
4.- Disciplina de linguaxe musical
41,00 €
15,00 €
5.- Disciplina de instrumento
151,00 €
49,00 €

2. Sobre as cantidades establecidas no cadro anterior,aplicaranse, directamente, as bonificacións e penalizacións establecidas nesta ordenanza.

3. O importe da matrícula e a contía das recargas por disciplinas repetidas poderán ser fraccionadas, en dous prazos de igual contía, a solicitude do interesado, durante o curso, no momento do seu inicio e mediado o seu desenvolvemento, sen que se devindique ningún xuro.

Excepcionalmente, poderán admitirse outras formas de adiamento ou fraccionamento das taxas contempladas nesta ordenanza, sen ningún tipo de xuro, co límite, no período adiado de pagamento, do tempo de duración de cada curso, debendo terse satisfeitas todas as cotas no momento da finalización.

4. Igualmente, será admisible, a solicitude do interesado, a anticipación do total do importe do curso completo, no momento do pagamento inicial dos dereitos de matrícula, o que suporá a renuncia voluntaria a calquera posibilidade de fraccionamento das cotas.

5. Efectuarase un depósito previo, equivalente ao 30,00% do custo total da matrícula, no caso de alumnos que remataran o curso, en concepto de reserva de praza para o curso seguinte.

Chegado o momento de formalizar a inscrición, no caso de que se optase por efectuar a solicitude de matrícula, completarase o pagamento do importe restante, podendo renunciar á reserva de praza, que conlevará a devolución do importe depositado, sen ningún gasto.

ARTIGO 14: ACREDITACIÓN DA CONDICIÓN DE EUROCIDADÁN OU DE EMPADROADO

1. A condición de eurocidadán acreditarase mediante a exhibición da tarxeta de eurocidadán, expedida ao seu nome.

Durante o curso, o concello poderá requirir, en calquera momento, aos usuarios a presentación da tarxeta de eurocidadán, para comprobar que se manteñen as condicións que se tiveron en conta, no seu día, á hora de liquidar a cota tributaria correspondente.

2. A condición de empadroado acreditarase mediante a exhibición de certificación de empadroamento, debidamente expedida polos servizos municipais correspondentes, ao seu nome.

Durante o curso, o concello poderá requirir, en calquera momento, aos usuarios a exhibición novamente do certificado de empadroamento, para comprobar que se manteñen as condicións que se tiveron en conta, no seu día, á hora de liquidar a cota tributaria correspondente.

3. No suposto de que un alumno deixase de reunir a condición de eurocidadán ou de empadroado, durante o desenvolvemento do curso, aplicarase unha recarga do 25,00%, na súa cota mensual, a partir do mes seguinte a aquel no que se perdera dita condición.

ARTIGO 15: FORMA DE PAGAMENTO

1. Satisfarase en metálico, mediante ingreso na conta bancaria de titularidade municipal que corresponda, o importe do primeiro pagamento, que incluirá, tras a aplicación das bonificacións, penalizacións e recargas a que houbese lugar e dos acordos de adiamento e fraccionamento que se estableceran, as seguintes cantidades:

a) O importe da matrícula, incluído o depósito previo, en concepto de reserva de praza.

b) As recargas por disciplina repetida, no seu caso.

c) A cota da primeira mensualidade.

2. Satisfarase, obrigatoriamente, mediante domiciliación bancaria, os recibos de cada cota mensual.

No caso de que se produza a devolución do recibo domiciliado, o suxeito pasivo satisfará, en metálico, mediante ingreso na conta bancaria de titularidade municipal que corresponda, o seu importe, incluíndo unha recarga adicional por contía de 3,00 euros.

Igualmente, no caso de cidadáns residentes en Portugal, cuxa conta, para a domiciliación do pagamento se encontre en sucursal aberta nese país, incluirase, de forma automática, unha recarga adicional por contía de 3,00 euros, en concepto de comisións e gastos bancarios, agás que se formalicen convenios ou acordos con entidades financeiras para a non repercusión deste tipo de gastos.

ARTIGO 16: RECADACIÓN E XESTIÓN DO COBRAMENTO

1. Serán aplicables, para o cobramento e recadación da taxa, as normas contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o regulamento xeral de recadación, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.

2. No caso de finalizarse o ano lectivo sen realizar o pagamento da totalidade das cotas expresadas nesta ordenanza, conforme aos prazos acordados no acordo correspondente de adiamento ou fraccionamento, no seu caso, non se poderá expedir, en favor do suxeito pasivo debedor, certificación de aproveitamento ou diploma acreditativo do remate do curso.

3. No suposto de que se inicie un novo ano lectivo, tendo débedas tributarias pendentes de ingreso, correspondentes a cursos anteriores, no ámbito regulado na presente ordenanza, non se admitirá a formalización de nova matrícula ao suxeito pasivo debedor, correspondente ao curso que se inicia.

ARTIGO 17: REVISIÓN E RECLAMACIÓNS TRIBUTARIAS

En todo o relativo á resolución de reclamacións tributarias, estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e o Real decreto 520/2005, do 13 de maio, polo que se aproba o regulamento xeral de desenvolvemento da lei xeral tributaria en materia de revisión en vía administrativa, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.

ARTIGO 18: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

En todo o relativo ás infraccións e sancións tributarias, ademais do previsto na presente ordenanza fiscal, estarase ao disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e no Real decreto 2063/2004, do 15 de outubro, polo que se aproba o regulamento xeral do réxime sancionador tributario, así como as normas ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.

ARTIGO 19: OFERTA EDUCATIVA

No caso de especialidades instrumentais nas que, antes de comezar o curso ou durante o primeiro mes de actividade, non exista unha demanda firme de postos de formación, que, a criterio dos organizadores, xustifique a necesidade social de manter a actividade nesa especialidade durante todo o ano lectivo, o concello poderá acordar a suspensión das ensinanzas en dita especialidade, tras a devolución do importe total das cantidades ingresadas polos usuarios, como matrícula no curso correspondente.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA: APLICACIÓN DE NORMATIVA SUBSIDIARIA

1. Para todo o non expresamente regulado na presente ordenanza fiscal, en orde á xestión municipal deste tributo, estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locaos, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, así como pola restante normativa e demais disposicións complementarias e concordantes, ditadas na súa aplicación e desenvolvemento.

2. Toda referencia feita na presente ordenanza fiscal a leis e demais disposicións estatais ou autonómicas, entenderanse efectuadas, igualmente, ás que, no seu caso, as substitúan ou modifiquen.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA: RÉXIME TRANSITORIO DOS DEPÓSITOS PREVIOS EN CONCEPTO DE RESERVA DE PRAZA

As normas relativas á contía para satisfacer, en concepto de depósito por reserva de praza para o curso seguinte, non serán aplicables no primeiro curso que se inicie, tras a entrada en vigor da presente ordenanza fiscal, tendo os solicitantes de reserva de praza, xa existentes, á data de entrada en vigor desta nova ordenanza fiscal, a posibilidade de completar o importe da matrícula, con arranxo ás novas tarifas establecidas, respecto á contía do depósito xa efectuada, no seu caso, ou renunciar á reserva de praza concedida, que conlevará a devolución das cantidades depositadas, sen ningún gasto adicional.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA: CUALIFICACIÓNS OBTIDAS NO CURSO ANTERIOR

De cara ao inicio do primeiro curso que se desenvolva, tras a entrada en vigor desta ordenanza fiscal, teranse en conta para a aplicación do réxime de bonificacións, penalizacións e/ou recargas, así como de segunda matrícula, sexa de curso completo ou de certas disciplinas, e de matrícula de honor, en xeral, as cualificacións obtidas polos alumnos xa inscritos no curso anterior, que serán plenamente válidas á hora de establecer as contías que se satisfarán, en concepto de inscrición, no novo curso.

DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA: REFERENCIA Á NORMATIVA DERROGADA

1. Queda derrogado o texto da anterior Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos públicos educativos no Conservatorio Elemental de Música de Verín, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 55, de data 8 de marzo do 2000.

2. Igualmente, quedan derrogadas cantas outras normas ou disposicións que se encontren vixentes e que se opoñan ou que, de calquera outro modo contradigan o disposto na presente ordenanza fiscal.

DISPOSICIÓNS FINAIS

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA: ENTRADA EN VIGOR

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor no mesmo día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas, e será de aplicación a partir do día seguinte a dita publicación.

O alcalde: Juan Manuel Jiménez Morán
 A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz
                                          

DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 221 de data  25 de setembro de 2012.
A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz


 

?>