PREÁMBULO
A tarxeta do eurocidadán é unha iniciativa do municipio de Chaves e do Concello de Verín, desenvolvida no ámbito do proxecto de cooperación transfronteiriza "EUROCIDADE CHAVES-VERÍN". A tarxeta do eurocidadán vai proporcionar os mesmos beneficios aos residentes nos dous municipios, nas mesmas condicións que xa dispoñen no seu municipio de residencia, promovendo desta forma o intercambio entre as poboacións destes dous municipios e o aumento da oferta e a diversidade de servizos.
A promoción da eurocidadanía pasa pola comprensión da existencia de igualdade de trato dos eurocidadáns, independentemente da súa nacionalidade. O lanzamento da tarxeta do eurocidadán materializa esa igualdade xa que permite as mesmas condicións de acceso, en Chaves e en Verín, aos servizos de titularidade municipal (piscinas, bibliotecas, etc.), así como igualdade de acceso a eventos, formación, concursos, etc.
Coa implantación da Eurocidade Chaves-Verín, é posible evitar a duplicidade de equipamentos e a consecuente duplicación de custos. A complementariedade territorial e demográfica non só é, en si, xustificadora da instalación de determinados equipamentos (sociais, deportivos, recreativos e culturais) cuxa rendibilidade só é posible a elevados niveis de utilización, senón que, ademais, promove unha xestión equillibrada dos fondos públicos, a través do aproveitamento de economías de escala, na utilización e xestión compartida de recursos xa existentes ou, até, no planeamento conxunto de futuros equipamentos.
A tarxeta do eurocidadán representa así o principal instrumento para a creación dunha zona franca social na eurocidade, constituíndose como unha forma de identificación da eurocidadanía á cal son asociados beneficios sociais e comerciais.
ARTIGO 1.- OBXECTO
O presente regulamento establece os termos, condicións de acceso e utilización da tarxeta do eurocidadán.
ARTIGO 2.- BENEFICIARIOS
A tarxeta do eurocidadán vai destinada aos residentes nos municipios de Chaves e de Verín.
ARTIGO 3.- CONDICIÓNS DE USO
A utilización desta tarxeta é personal e intransferible, non podendo, en ningún caso, ser vendida, prestada ou cedida.
ARTIGO 4.- OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
* Acceso universal e común dos cidadáns a un conxunto de servizos públicos, de carácter colectivo e social dos dous municipios.
* Promover a consolidación do sentimento de pertenza e de euro-identidade dos cidadáns da Eurocidade Chaves-Verín, de aquí en adiante abreviadamente designada eurocidade.
* Visibilidade de beneficios inmediatos a nivel individual no contexto da eurocidade.
* Evitar a duplicidade de equipamentos e a consecuente duplicación de custos no conxunto dos dous municipios.
* Aproveitamento de economías de escala na utilización e xestión compartida de servizos e equipamentos existentes e no planeamento conxunto de futuros equipamentos.
* Fomentar a reflexión sobre as implicacións e necesidades de intervención en cuestións de natureza xurídico-legal que poidan constituír barreiras para as actuacións propostas.
ARTIGO 5.- BENEFICIOS
1. O titular da tarxeta do eurocidadán disporá dos seguintes beneficios:
a) Acceso aos servizos das bibliotecas municipais da eurocidade.
b) Descontos na utilización de instalacións da eurocidade.
c) Entrada gratuíta aos museos municipais da eurocidade.
d) Descontos en eventos culturais que organicen os dous municipios.
e) Descontos nos tratamentos de termalismo terapéutico e de benestar termal nas Termas de Chaves: o SPA do emperador.
f) Acceso a accións de formación promovidas pola eurocidade.
g) Acceso á participación en actividades culturais, deportivas e recreativas promovidas polos dous municipios, no ámbito da eurocidade.
h) Participación en sorteos e concursos organizados pola eurocidade.
i) Descontos no comercio, servizos e restauración, localizados na área dos municipios de Chaves e Verín e que estean asociados ao presente proxecto.
k) Subscrición ao boletín informativo da eurocidade.
2. Os descontos referidos na liña i) do número anterior serán aqueles que o comerciante ou a entidade pública ou privada asociada estableza, no momento da subscrición da declaración de compromiso sinalada no parágrafo 1º do artigo 12 do presente regulamento.
3. Na páxina de Internet da eurocidade constarán, en todo momento, os beneficios e servizos prestados polo carné, así como as entidades asociadas.
4. Os beneficios previstos neste artigo non son acumulables con outros descontos xa existentes.
5. As características da tarxeta e os beneficios antes mencionados, ou outros que puidesen ser considerados, levaranse a cabo de forma gradual.
ARTIGO 6. SUBSCRICIÓN
1. A tarxeta do eurocidadán pódese solicitar nun dos seguintes locais, con dispoñibilidade inmediata:
a) No Gabinete de Apoio Técnico da Eurocidade, de aquí en adiante abreviadamente designado por GAT, localizado en Feces de Abaixo.
b) Nas dependencias do municipio de Chaves.
c) Nas dependencias do Concello de Verín.
2. A tarxeta do eurocidadán tamén pode ser solicitada nalgún destes locais, sendo posteriormente entregada no GAT, despois de entragada e validada toda a documentación solicitada:
a) Na páxina web da eurociade: www.eurocidadechavesverin.eu
b) A través do e-mail:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
ARTIGO 7. EMISIÓN
1. A tarxeta do eurocidadán é emitida ao interesado de forma gratuíta.
2. Para a emisión da tarxeta do eurocidadán aos residentes do municipio de Chaves é necesaria a presentación da seguinte documentación:
a) Cartao do Cidadao ou Bilhete de Identidade, en caso de cidadán nacional.
b) Autorización de residencia en Portugal, emitido pola entidade competente, en caso de cidadán estranxeiro.
c) Cartao do Cidadao, do Bilhete de Identidade ou da Autorización de Residencia en Portugal dos pais ou do representante legal, en caso de menores que non posúen documentación de identificación.
d) Fotografía actual tipo carné, ou unha feita nos locais de entrega inmediata do carné.
e) Cubrir a folla de inscrición ( que entregará o GAT ou que se descargará na páxina web da eurocidade).
3. Para a emisión da tarxeta do eurocidadán aos empadroados no municipio de Verín é necesaria a presentación da seguinte documentación:
a) Documento Nacional de Identidade (DNI), en caso de cidadán nacional.
b) Certificado de residencia, en caso de cidadán estranxeiro.
c) Certificación de empadroamento do Concello de Verín.
d) Fotografía actual tipo carné, ou unha feita nos locais de entrega inmediata do carné.
e) Cubrir a folla de inscrición ( que entregará o GAT ou que se descargará na páxina web).
4. As fotocopias dos documentos solicitados son válidas mediante a mostra do orixinal ou documentos compulsados.
En calquera momento, o GAT resérvase o dereito de solicitar ao usuario a documentación anteriormente mencionada, ou outra que sexa considerada adecuada, para a comprobación da residencia nun dos dous municipios da eurocidade.
ARTIGO 8. VALIDACIÓN
Presentar a tarxeta do eurocidadán á entrada das instalacións asociadas, entidades asociadas ou na inscrición de actividades.
ARTIGO 9. PERDA OU EXTRAVÍO DA TARXETA
No caso de perda ou extravío da tarxeta, o titular deberá acudir ao GAT para que se lle expida outro carné, mediante o pagamento de 3 € (tres euros). Este valor pode ser actualizado polos municipios no momento que estime conveniente, tendo en conta os obxectivos fundamentais da asignación.
ARTIGO 10. OBLIGAS DOS BENEFICIARIOS
1. É obriga dos beneficiarios da tarxeta do eurocidadán:
a) Presentar a tarxeta de eurocidadán sempre que queiran dispor dos beneficios concedidos.
b) Manifestar a vontade de utilizar a tarxeta do eurocidadán antes do acto da adquisición ou pagamento dos bens ou servizos de que se pretendan beneficiar.
c) Informar, previamente ao GAT do cambio de residencia.
d) Devolver a tarxeta do eurocidadán ao GAT sempre que se perda o seu dereito.
ARTIGO 11. FIN DO DEREITO Á UTILIZACIÓN DA TARXETA DO EUROCIDADÁN
1. Constitúe causa de extinción inmediata dos beneficios da tarxeta do eurocidadán, entre outros, a transferencia de residencia ou de empadroamento para outro municipio, diferente do municipio de Chaves ou do municipio de Verín.
2. Constitúe causa de extinción inmediata dos beneficios da tarxeta do eurocidadán, o incumprimento de calquera norma prevista no presente regulamento.
3. Os titulares da tarxeta que constaten calquera incumprimento ao presente regulamento, por parte das entidades asociadas, deben comunicar tal acto ao GAT.
ARTIGO 12. ENTIDADES ASOCIADAS
1. Os comerciantes ou outras entidades, públicas ou privadas, que pretendan a sociarse a este proxecto, no sentido de proporcionar descontos na venda de bens ou na prestación de servizos, deberán cubrir unha declaración de compromiso que inclúa o desconto establecido polo comerciante ou entidade sinalada na liña i) do artigo 5. Dita declaración de compromiso estará a disposición das entidades públicas ou privadas nos locais de subscrición da tarxeta.
2. A declaración referida no número anterior é válida por período dun ano, prorrogable por períodos iguais e sucesivos se non se denuncia, con antecedencia mínima de 30 días, contados dende o seu remate ou da fin da renovación en curso, segundo o caso.
3. A denuncia referida no número anterior terá que ser manifestada por escrito, mediante o envío de carta certificada con acuse de recibo ao GAT.
4. Os comerciantes ou outras entidades asociadas, públicas ou privadas, terán un adhesivo na entrada do establecemento que permita ao titular do carné saber que nese establecemento terá desconto na compra de bens ou na prestación de servizos.
5. Os comerciantes ou outras entidades asociadas, públicas ou privadas, que constaten calquera incumprimento ao presente regulamento, por parte dos usuarios, deberán reter a tarxeta de inmediato e devolvela ao GAT.
ARTIGO 13. ENTRADA EN VIGOR
O presente regulamento entrará en vigor cando sexa publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local.
O alcalde O secretario en funcións Juan Manuel Jiménez Morán Antonio Lucas Santos Martínez
DILIXENCIA: póñoa eu, o secretario en funcións, para facer constar que o precedente regulamento publicouse integramente no BOP de Ourense número 280 de data 13.12.2011.
O secretario en funcións Antonio Lucas Santos Martínez
|