Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
O Concello de Verín investiu 20 millóns de euros en dez anos en infraestruturas e mellora dos espazos públicos PDF Imprimir Correo-e
Luns, 11 Agosto 2025 19:44

O actual goberno municipal de Verín cumpre este verán dez anos á fronte do consistorio. Por iso o alcalde, Gerardo Seoane, comezou o pleno desta mañá facendo un balance das inversións realizadas durante esta década, que cifrou en máis de 20 millóns de euros, e do que supuxeron para a trama urbana e as infraestruturas e servizos da veciñanza. O plenario aprobou tamén unha serie de medidas conducentes á normalización da actividade económica do Concello que, segundo Seoane, suporá o  comezo dunha nova etapa marcada pola profesionalización e renovación do servizo.



O alcalde comezou o pleno facendo fincapé no seu «marcado cáracter económico», ao dar conta da liquidación do exercicio do 2024 e ao presentación unha serie e medidas económicas, como unha modificación de crédito, para reordenar os procesos administrativos e saldar débedas municipais. Ao dar conta da liquidación, Gerardo Seoane lembrou a efeméride dos dez anos de goberno de coalición PSOE-BNG, que propiciou «unha intensa renovación e modernización de Verín»,  e explicou que o Balance  contable do Concello pasou dos 43 millóns de euros en 2015 aos 66 millóns de euros actuais, «un incremento de actividades e de patrimonio de todos os veciños de Verín en zonas verdes, espazos públicos e infraestruturas».

«Na década que levamos á fronte deste goberno», explicou, «o Concello investiu en Verín 20 millóns de euros, a razón de dous millóns cada ano». Esto permitiu incrementar a superficie de zonas verdes en perto de 25 hectáreas, «destacando as 12 do gran parque de A Preguiza, as 5 de Caldeliñas, e as 7 de Fontenova, que ademais, grazas ás xestións deste goberno, permitirá a reapertura desta histórica factoría, que xa está levantando a súa nova fábrica».

Tamén se humanizaron e renovaron máis de 30 quilómetros de viais, entre outras moitas infraestruturas urbanas, «o que ten levado a que mesmo nos poñan de exemplo porque mesmo estamos a investir máis que a propia capital».

Agradeceu especialmente aos seus socios de goberno, personalizados no tenente de Alcalde, Diego Lourenzo, e aos traballadores do Concello todo este enorme esforzo realizado estes dez anos. Tantas actuacións, dixo, é normal que xeraran un sobreesforzo  de tramitación  e xestión, polo que a área económica foi reforzada con profesionais da máxima habilitación que están procedendo á modernización e a normalización do servizo, do que as modificacións é trámites que hoxe abordou o pleno son o expoñente.

«Esta enorme inversión de 20 millóns de euros», afirmou o alcalde, «logrouse sen incrementar a tasa de endebedamento do Concello de Verín, que permanece no entorno do 50% desde esa data, con 4,3 millóns de débeda en 2015 sobre un orzamento de 8 millóns, e con 7 millóns actualmente, cun orzamento de 15 millóns», e o máis importante, «sen que nestes 10 anos se incrementaran as tasas nin os impuestos dos servizos  municipais».

Este dato serviu ao rexedor para lembrar que esta conxelación de tasas «beneficiou a todas as veciñas e veciños de Verín ao terlles aforrado 7 millóns de euros esta década», malia ter remucipalizado a maioría dos servizos públicos e creado outros novos, pero ademais «coincide xusto cos instrumentos financieiros que, por valor de eses mesmos 7 millóns de euros, utilizou o Concello para afrontar estas múltiples inversións que mudaron a faciana da vila».

«É dicir, se houbésemos subido esas tasas, a conta dos veciños, teríamos débeda cero; pero o Concello non é un banco, non está para presentar beneficios, está para beneficiar e dar servizos aos veciños, e por iso tomamos esa decisión: renovar Verín, pero non a costa dos veciños».





 
?>