Verín acolle a saída da 11ª etapa da Volta a España Imprimir
Martes, 30 Agosto 2011 13:12

Mañá 31 de agosto, Verín converterase no punto de saída da décimo primeira etapa da 66ª Volta a España, sendo a primeira ocasión que o municipio acolle unha etapa de saída desta proba ciclista.


A mesma, de 167 quilómetros, finalizará na Estación de Montaña Cabeza de Manzaneda. En Verín, os ciclistas efectuarán un percorrido de 8,1 quilómetros polas seguintes rúas: Avenida de Portugal (punto de saída fronte ás piscinas descubertas de A Granxa), As Tuelas, Estrada de Cabreiroá, Constitución, Avenida de Portugal, Avenida Luis Espada, Deputación, Irmáns Moreno, Espido, Canella Cega, San Antón, San Rosendo, Avenida de Sousas e Estrada de Castela.

Por este motivo, sufrirán limitacións de tráfico e aparcamento as seguintes vías de circulación:
-  Rúas Xesús Taboada Chivite e Antonio Fernández Pérez: o tráfico cortarase dende as do 30 de agosto de 2011 até as 15:00 horas do 31 de agosto de 2011.
- Avda. de Portugal, á altura do Instituto e Piscina de A Granxa: non se poderá estacionar vehículos dende as 8:00 até as 12:45 horas. O tráfico cortarase nesta avenida das 11:00 ás 12:45 horas.
- Estrada As Tuelas e Avda. de Cabreiroá: non se poderá estacionar vehículos dende as 8:00 até as 13:00 horas. O tráfico estará cortado das 12:15 ás 13:00 horas.
- Estrada Constitución, Avda. de Portugal (dende a Aduana até o cruzamento con Luis Espada), Luis Espada, Rúas Deputación, Irmáns Moreno, Espido, Canella Cega, San Antón, San Rosendo e Avda. de Sousas: non se poderá estacionar dende as 8:00 até as 13:45 horas. O tráfico estará cortado das 12:30 ás 13:15 horas.

Desde o Concello de Verín rógase a máxima colaboración evitando circular por estas vías o referido día. Os vehículos que incumpran a prohibición de estacionar serán retirados polo servizo municipal de guindastre.

A concentración e control de firmas realizarase de 11.45 a 12.30 horas, na zona do complexo deportivo A Granxa e CEIP Princesa de España, e a saída neutralizada desta etapa terá lugar ás 12.40 horas, no lugar especificado con anterioridade. Na zona de control de firmas estará presente un grupo de cigarróns de Verín, integrantes da Asociación O Cigarrón, que divulgarán entre os asistentes a imaxe do Entroido da vila, e que ademais participará no inicio da etapa. Tamén na zona de control poderase visitar o stand promocional da Asociación de concellos das comarcas Monterrei e Conso Frieiras para o plan de competitividade turística e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Portas de Galicia.

Este stand, visitado por máis de 3.000 persoas nesta última semana, está conformado polos produtos gastronómicos máis significativos dos municipios integrantes neste Plan de Competitividade: augas de Cabreiroá, Sousas e Fontenova, viños da Denominación de Orixe Monterrei, pemento de Oímbra, castaña de Galicia, androlla, tenreira ecolóxica e Torta do Cigarrón, entre outros. Ademais, no mesmo tamén se reparten folletos promocionais de todos os municipios integrados nesta asociación (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), e do propio Plan de Competitividade 'Portas de Galicia' -desenvolvido pola S.X. de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e os concellos anteriores-. O mesmo estará presente en todas as etapas da Volta Ciclista a España, que ten lugar do 20 de agosto (Benidorm) ao 11 de setembro (Madrid).