Actualización da sección Eurocidade nos sites de Verín e Chaves Imprimir
Mércores, 24 Febreiro 2010 12:52

Os municipios de Chaves e Verín actualizan as súas seccións das páxinas webs referentes á Eurocidade Chaves-Verín. Ademais de englobar as noticias deste proxecto de cooperación transfronteiriza de segunda xeración, nas seccións inclúense as dúas newsletters realizadas ata o momento -xaneiro 2009 e febreiro 2010-, enviadas por correo electrónico e de carácter máis institucional, nas que se inclúen información sobre esta iniciativa, histórico de actividades e noticias dos últimos catro meses; así como os boletíns informativos sobre a Eurocidade, dirixidos á eurocidadanía.

Con todo, nas seccións dos sites municipais aparecen publicadas a Axenda Estratéxica, Axenda Cultural -actualizada cada mes-, actividades a desenvolver nos próximos meses; dípticos da Carta de Augas, Patrimonio Termal e Educación Viaria, e contacto co Secretariado e Gabinete Técnico deste proxecto.

Por outra banda, desde a Eurocidade Chaves-Verín recórdase que ata o vindeiro 26 de febreiro continúa aberto o proceso de inscrición para a 2ª edición do ‘Torneo de Fútbol Sala Interparroquial’, que se celebrará entre os meses de marzo e xuño en ambos municipios. Ademais, ata o 26 de marzo os colexios de primaria e secundaria de Chaves e Verín poderán entregar o deseño da mascota ‘Chavín’ -que será utilizada en todas as actividades deportivas, educativas e culturais que se realicen nos dous municipios- e o 16 de abril conclúe o prazo da primeira edición do Concurso Fotográfico “Recursos históricos e naturais da Eurocidade”, destinado aos nenos e mozos de ambos municipios, co obxectivo de incentivar a súa capacidade artística, o interese pola fotografía e a importancia dos recursos naturais, históricos e culturais das dúas localidades.