2ª Edición do Programa de Termalismo Social da Eurocidade Chaves-Verín Imprimir
Mércores, 26 Novembro 2008 13:36

Co fin de cubrir todas as peticións realizadas polas persoas maiores da localidade, que amosaron a súa satisfacción ante os tratamentos, prezos e o trato persoal recibido nas Termas de Chaves, indicando a maioría dos termalistas que xa realizaron estas terapias o seu interese por repetilas, a Eurocidade Chaves-Verín decidiu realizar unha segunda edición do Programa de Termalismo Social, que comezará o vindeiro martes 2 de decembro.

 

Nesta nova edición, de novo un grupo de 30 a 50 persoas maiores de 50 anos, poderán acudir ás Termas de Chaves durante 9 días seguidos, facendo o tratamento que, en cada caso, o médico recomendará de maneira personalizada na consulta que terá lugar no primeiro dia. No tratamento, que conta con valores especiais en relación aos prezos oficiais (descontos superiores ao 50%), inclúese: transporte diario en autobús desde Verín ata as Termas de Chaves e regreso a Verín, consulta médica e acompañamento de enfermería, prácticas termais prescritas polo médico hidroloxista, kit termal para os tratamentos e cea con espectáculo no Casino de Chaves no último día -incluida no prezo-. O custo deste paquete oscilará entre os 180 € e os 240 €, dependendo da tipoloxía dos tratamentos que inclúa despois da consulta médica e a súa prescripción.

Esta iniciativa busca implementar un programa de turismo de saúde e benestar sen saír da casa, e foi posible grazas ao protocolo asinado entre a empresa municipal que xestiona as Termas de Chaves e o Concello de Verín no ámbito do proxecto Eurocidade Chaves-Verin.

A inscrición debe realizarse ata o próximo luns 1 de decembro na oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Verín (1ª planta),de 9 a 14 horas.