8ª Edición do Programa de Termalismo Social Eurocidade Chaves - Verín Imprimir
Luns, 19 Setembro 2011 13:42

A Eurocidade Chaves-Verín pon en funcionamento a oitava edición do Programa de Termalismo Social, entre os días 3 e 12 de outubro, que permitirá a un mínimo de 25 persoas da comarca de Verín acudir ás Temas de Chaves – Spa do Imperador, beneficiándose dun desconto especial.

Unha iniciativa creada para dar continuidade ao programa de turismo de benestar e saúde sen saír da casa, e que foi posible grazas á firma dun protocolo entre Chaves e Verín polo que os/as veciños/as de Verín xa contan cos mesmos prezos que os de Chaves para o uso das Termas. Uns beneficios, xunto con outros, englobados na Tarxeta do Eurocidadán, que se presentará en breve, e que permitirá que os habitantes de ambos municipios teñan acceso a servizos nas mesmas condicións que na súa localidade, impulsando un incremento na calidade de vida.

Esta oitava edición permitirá que as persoas maiores de 50 anos acudan durante nove días -exceptuando o domingo-, facendo o tratamento que, en cada caso, o médico hidroloxista lles prescriba na consulta, que se realizará no primeiro día. O participante terá acceso á prácticas termais que constan na táboa dos Programas de Termalismo Terapéutico en vigor, cun desconto do 50% sobre o prezo oficial.

No paquete inclúese: transporte en autobús ata as Termas de Chaves e regreso a Verín, consulta de médico e acompañamento de enfermería, material necesario para acceder aos tratamentos termais (chanclas, gorro e bolsa), así como albornoz e toallas durante os tratamentos.

As inscricións poden realizarse ata o 27 de setembro, no Gabinete de Apoio Técnico da Eurocidade, situado no Concello de Verín (de 9 a 14 horas), efectuando unha reserva de 30 euros non reembolsable.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).