O campamento transfronteirizo ‘Penedos de Xacinto’ de Entrimo visita a Eurocidade Imprimir
Mércores, 24 Agosto 2011 13:25

Durante a xornada de hoxe, cincuenta nenos/as do campamento transfronteirizo ‘Penedos de Xacinto’ de Entrimo visitaron as localidades de Chaves e Verín, co obxecto de coñecer de primeira man as actuacións que se están a desenvolver no ámbito da Eurocidade.


A xornada iniciouse ás 11.30 horas no municipio de Verín, onde os menores e monitores foron recibidos na casa consistorial polo tenente de alcalde, Enrique Díaz García, e o concelleiro de Mocidade e Deportes, Víctor Baladrón Lamas. A continuación visitaron diferentes recursos turísticos, naturais e termais da zona no ámbito dunha visita guiada, e tras o almorzo desprazáronse ata a localidade lusa. En Chaves, responsables do proxecto amosáronlle as liñas principais do mesmo, visitaron o municipio e para finalizar acudiron ás piscinas da Quinta do Rebentão.

O campamento ‘Penedos de Xacinto’ está conformado por 25 nenos galegos e outros 25 lusos, con idades comprendidas entre os 15 e 17 anos, ao igual que o equipo de monitores que tamén conta con integrantes de ambos lados da fronteira, algúns deles participantes no curso de Monitor de Lecer e Tempo libre organizado o pasado ano pola Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil co apoio da Eurocidade. Devandito campamento, promovido desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Instituto Português de Juventude, ten como obxectivo fomentar a cooperación transfronteiriza a través da creación de vínculos de amizade entre a mocidade galega e portuguesa, amosándolles uns lazos fraternais que se xestaron dende hai séculos; e que as institucións dos dous lados da raia apostan por afianzar con iniciativas como o proxecto da Eurocidade Chaves-Verín.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).