O Presidente da Xunta afirma na web do Eixo Atlántico que unha das prioridades da goberno galego é a consolidación da Eurorrexión Imprimir
Xoves, 03 Xuño 2010 09:46

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo escribe en exclusiva para a web do Eixo Atlántico, www.eixoatlantico.com , na sección “Sinatura Convidada” sobre a realidade da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Feijoo afirma que “se de verdade queremos unha Europa unida e cohesionada, debemos ter en conta que a política de cohesión non só ten unha finalidade distributiva, senón que é un instrumento político e económico que permite ensalzar o potencial das rexións, eliminando ineficiencias e atendendo ás súas singularidades”.

O Presidente de Galicia asume que unha das prioridades do seu goberno, no eido exterior é “a consolidación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un territorio de máis de seis millóns e medio de habitantes, que xera un Produto Interior Bruto conxunto de practicamente 100.000 millóns de euros e que conta con estruturas económicas complementarias e interdependentes”.

Neste senso lembra que “só na fronteira entre Tui e Valença do Minho se acumula o 40% de todo o tráfico mercantil do conxunto da fronteira entre Portugal e España”.

No seu artigo, Núñez Feijoo subliña que a Xunta ten o compromiso de “acadar unha Galicia Cidade Única, máis forte e máis estruturada, cara a dentro e cara a fora, de maneira que, xunto co noso principal parceiro, a rexión Norte de Portugal, poidamos contribuír eficazmente ao obxectivo de acadar unha verdadeira “cohesión territorial” neste eixo do atlántico sur do continente”