4ª Edición do Programa de Termalismo Social Eurocidade Chaves - Verín Imprimir
Luns, 10 Maio 2010 13:25

O presidente da Cámara de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, presentaron esta mañá unha nova edición do Programa Termalismo Social. Este programa, que comezará o día 24 de maio, desenvólvese nas Termas de Chaves – SPA do Emperador, cunha duración de 9 días, e vai dirixido a persoas maiores de 50 anos de Chaves e da comarca de Verín-Monterrei.

Esta iniciativa, que da continuidade ao programa de turismo de saúde e benestar sen saír da casa, foi posible grazas á firma dun protocolo entre a empresa municipal que xestiona as Termas de Chaves e o Concello de Verín, unha acción que complementa ao outro protocolo asinado en 2008 polo que os/as veciños/as de Verín xa contan cos mesmos prezos que os de Chaves para o uso das Termas.


Esta cuarta edición permitirá que as persoas maiores de 50 anos acudan durante nove días, facendo o tratamento que, en cada caso, o médico hidroloxista lles prescriba na consulta, que se realizará no primeiro día. O valor do paquete desde 125 euros, segundo a tipoloxía e o número de tratamentos que o participante decida adherir, tras a consulta médica e respectiva prescrición clínica. O participante terá acceso á prácticas termais que constan na táboa dos Programas de Termalismo Terapéutico en vigor, cun desconto do 50% sobre o prezo oficial.

No paquete inclúese: transporte en autobús ata as Termas de Chaves e regreso a Verín, consulta de médico e acompañamento de enfermería, material necesario para acceder aos tratamentos termais (chanclas, gorro e bolsa), así como albornoz e toallas durante os tratamentos.

As inscricións poden realizarse ata o 20 de maio, no Gabinete de Apoio Técnico da Eurocidade, situado no Concello de Verín (de 9 a 14 horas), e nas Termas de Chaves (de 9 a 12 horas e de 16 a 19 horas). Para máis información e reservas: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Co fin de que os/as interesados/as coñezan o programa terán lugar charlas informativas en Verín, os días 12 e 19 de maio, a partir das 17 horas, no Centro Social Terceira Idade.