ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LIMPEZA E BO ESTADO DAS VIAS E ESPACIOS PUBLICOS. Imprimir

 

 

CAPITULO I

 

 

A LIMPEZA O BO ESTADO DAS VIAS E ESPACIOS PUBLICOS.

 

Artigo 1.- A limpeza das redes viarias públicas (rúas, prazas, glorietas, etc.), e a recollida dos residuos procedentes da mesma, efectuaraa o servicio municipal competente (o servicio de limpeza) coa frecuencia conveniente para axeitar a prestación do servicio a través da forma de xestión que acorde o concello consonte á lexislación do Réxime Local.

 

Artigo 2.- 1) O concello poderá requirir a limpeza de beirarrúas nun ancho de 2,5 metros e na lonxitude que corresponde ás fachadas dos edificios, tanto públicos como privados; estará a cargo dos empregados das fincas urbanas, ou persoal destinado pola propiedade do inmoble, e á falta de ditas persoas para tal fin:

a) Os veciños do inmoble nos termos establecidos entre eles, na parte non ocupada polos locais do negocio sitos na planta baixa.

b) Os titulares dos locais de negocios, sitos na planta baixa, na parte correspondente dos mesmos.

 

2) Nos terreos, os seus propietarios deberán designar quen executará as prestacións derivadas da devandita obriga.

 

3) Obrigadamente nos edificios de construcción: O contratista ou propietario do edificio a construír.

 

4) A limpeza deberá efectuarse, incluso durante días festivos, se fose preciso, na forma en que determina esta ordenanza.

 

5) O disposto anteriormente non afectará ás relacións contractuais que,no seu caso, existan entre particulares polo cumprimento da prestación de limpeza pública alí establecidas; pero ditas relacións non poderán invocarse fronte á Administración municipal, para excluír ou diminuír as responsabilidades derivadas do seu incumprimento.

Os propietarios de edificios e terreos serán os responsables solidariamente da prestación do servicio de limpeza e poderán ser sancionados pola autoridade municipal, se non se xustifica a adopción de medidas axeitadas para a prestación do servicio con regularidade e continuidade.

 

Artigo 3.- Quen realice na vía pública operacións de carga e descarga, deberá proceder, cantas veces fose preciso á limpeza ou lavado complementario das rúas e beirarrúas para manter a vía pública nas debidas condicións de limpeza e, así mesmo, sempre que o ordenen os axentes da autoridade municipal.

- Os titulares de establecementos de venda polo miúdo de productos con envoltorio, alimenticios ou similares, de consumo ou uso inmediato, os de establecementos ou quioscos de bebidas, así como os concesionarios de tabaco, lotería nacional e ONCE, estarán na obriga de instalar papeleiras e recipientes apropiados en sitios visibles á entrada dos seus locais ou preto das súas instalacións ó obxecto de ter sempre limpa a vía pública.

- Os titulares dos quioscos e de licencias de tómbolas, de colocación e estacionamento na vía pública, de mercadorías e outros obxectos ou elementos e de veladores terán a obriga de mantela limpa e varrer cantas veces fose preciso ó día; a tal obxecto a superficie da vía pública concedida, considérase ampliada, ós sós efectos da dita obriga, a dous metros ó longo do seu perímetro.

 

Artigo 4.- A limpeza dos patios de luces, patios de mazá, ramplas de acceso a garaxes ou calquera outras zonas comúns, de conformidade coas normas estatutarias ou acordos tomados ós efectos das respectivas xuntas ou asembleas, será obriga das comunidades de propietarios ou de quen habite no inmoble ou inmobles colindantes no seu caso.

Artigo 5.- 1) A limpeza de terreos e outros de propiedade particular que se atoparan en solo urbano, e non estiveran incluídos no artigo anterior corresponderalle igualmente á propiedade. De non efectuarse así,o servicio municipal de limpeza procederá a retirar o lixo ou desperdicios a custa daquel, sen prexuízo das sancións que lle procedan.

 

2) O cumprimento da obriga de manter limpos ditos terreos non exime de proceder ó valado dos mesmos.

 

Artigo 6.- Os residuos obtidos das operacións de limpeza serán depositados en recipientes normalizados, quedando totalmente prohibido depositalos na vía pública.

 

 

CAPITULO II

 

 

ACTUACIONS NON PERMITIDAS

 

 

Artigo 7.- 1) Prohíbese botar á vía pública todo tipo de residuos como papeis, envoltorios ou calquera outro desperdicio ou similar, lixar con augas residuais, cortar leña e prender lume nas rúas e prazas.

Quen transite polas rúas, prazas, xardíns e outros espacios libres e públicos e quixese desprenderse de residuos de pequena entidade, como os anteriormente ditos, empregarán papeleiras instaladas a tal fin.

2) Os usuarios deberán absterse de toda manipulación sobre os recipientes normalizados, movelos, volcalos ou arrincalos, así como calquera outro acto que deteriore a súa presentación ou os faga inutilizables ó uso para o que están destinados.

 

Artigo 8.- 1) Queda prohibido realizar calquera operación que poida lixar as vías e espacios libres públicos e canles de auga e, de xeito especial:

a) Lavar ou limpar vehículos así como trocar ós mesmos aceites ou outros líquidos.

b) Manipular ou seleccionar os desfeitos ou residuos urbanos.

c) Sacudir tapices, alfombras, esteiras, sabas e demais roupas de uso doméstico en portas, balcóns e fiestras que miren á vía pública.

d) Tender roupa de cara ás vías públicas.

Só se poderán regar as plantas colocadas en terrazas ou fiestras entre as 23 e 6 horas da noite. O rego das flores en plantas de adorno ou de xardín cultivado, así como as árbores que carezan de gabia, faranse de xeito que non molesten ós peóns.

 

Artigo 9.- 1) Non se permiten realizar actos de propaganda ou calquera outro que supoña lanzar á vía pública carteis, folletos ou follas soltas.

2) Terá consideración de acto independente ós efectos de sanción, cada actuación contraria ó establecido no número anterior, sendo responsables da infracción aquelas persoas públicas ou xurídicas que promovan ou xestionen a publicidade, ou no seu defecto, e salvo proba en contrario, aquel a quen favoreza a mesma.

3) Quedará dispensada a propaganda electoral durante os períodos legais habilitados e aqueloutros de especial significación política ou de xeral participación cidadá nos que sexa pertinente a realización de actos publicitarios de acordo coas disposicións municipais que se adopten a tales efectos.

 

Artigo 10.- Os propietarios dos vehículos que transporten terras, entullos, áridos, formigón, cartóns, papeis ou calquera outra materia similar, adoptarán as medidas precisas para cubrir os materiais durante o transporte e evitar que a causa da súa natureza ou por efecto da velocidade do vehículo ou do vento, caian sobre a vía pública, auga, po, ou parte dos materiais transportados.

Así mesmo, antes de saíren das obras, deberanse lavar as rodas, baixos e chans dos vehículos, co motivo de impedir que lixen as vías públicas.

 

Artigo 11.- 1) Cando se fagan pequenas obras na vía pública como canalizacións, tapadas de buratos, etc., os sobrantes e refugallos retiraranse dentro das 24 horas seguintes á terminación dos traballos, deixándoos debidamente amontoados de xeito que non se entorpeza a circulación de peóns e vehículos.

2) Nas obras onde se produzan cantidades de refugallos superior a 1 metro cúbico, deberá empregarse para a súa almacenaxe na vía pública, colectores axeitados amparados pola correspondente autorización.

 

Artigo 12.- Como medida hixiénica ineludible, as persoas que conduzan polas vías e espacios públicos cans ou outros animais, procurarán, ademais de levalos prendidos e cumprir os requisitos previstos pola vixente lexislación, e sempre que non se poida evitar, que estes depositen as feces nos sumidoiros das rúas, debendo, neste caso, ser recollidas e deixar limpos os espacios públicos.

 

Artigo 13.- Os propietarios das fincas, vivendas e establecementos están na obriga de manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pública, de tal xeito que se consiga unha uniformidade na súa estética, acorde co seu contorno.

 

Artigo 14.- 1) Cando se realize a limpeza de escaparates, portas, marquesiñas, toldos ou cortinas dos establecementos comerciais, adoptaranse as debidas precaucións para non causar molestias ós transeúntes nin lixar a vía públicar.

2) Iguais precaucións deberanse adoptar para limpar os balcóns e terrazas así como o rego das plantas instaladas nos mesmos.

 

Artigo 15.- 1) O obxecto de manter as condicións de limpeza e pulcritude que esixe a estética da cidade, prohíbese:

a) Colocar carteis ou realizar inscricións ou pintadas nas paredes, muros, quioscos, cabinas, fachadas, farois, enreixados, valos, papeleiras, etc.

b) Considéranse excluídos destas prohibicións os bandos da Alcaldía e as comunicacións ou avisos de campañas municipais de interese xeral, debendo ser retirados polo servicio municipal de limpeza, unha vez que xurdan os efectos perseguidos.

 

Artigo 16.- Permitirase colocar carteis durante os períodos electorais nos que sexa pertinente a realización de actos de publicidade, nos lugares que fixe o concello, debendo colaborar os partidos e asociacións á retirada dos carteis ou demais operacións de limpeza.

 

 

RETIRADA DE RESIDUOS SOLIDOS

 

 

CAPITULO I

 

 

Artigo 17.- Considéranse restos e residuos sólidos, conforme ó artigo 2o. da Lei 42/75, do 19 de novembro, os producidos polas actividades e situacións domiciliarias, comerciais e de servicios, sanitarias de limpeza urbana, industriais, obras en edificios, abandono de animais mortos, mobles, trastos e vehículos e en xeral todos aqueles nos que a recollida corresponda ó concello de conformidade coa lexislación vixente.

 

Artigo 18.- A recollida de residuos sólidos establecerase polo servicio municipal competente coa frecuencia e horario que consideren oportunos, dando a publicidade necesaria para o coñecemento dos veciños.

 

Artigo 19.- Da recepción dos residuos sólidos farase cargo o persoal dedicado á mesma, e quen os entregue a calquera outra persoa física ou xurídica que careza da correspondente concesión ou autorización municipal deberá responder solidariamente con esta polos prexuízos que puidesen producirse por mor daqueles, independentemente das sancións a que houbese lugar.

En ningún caso, nin baixo ningún pretexto, deben entregarse os residuos ó persoal encargado do varrido e rego das rúas.

 

Artigo 20.- Ningunha persoa física ou xurídica poderá dedicarse á recollida, transporte e aproveitamento dos residuos sólidos, calquera que sexa a súa natureza sen concesión previa ou autorización municipal.

 

Artigo 21.- 1) Cando os residuos sólidos urbanos pola súa natureza e a xuízo do servicio municipal competente, puidesen presentar as características que os fagan tóxicos ou perigosos, esixirase ó productor ou posuidor dos mesmos, que previamente á súa recollida, realice un tratamento para eliminar estas características ou que os deposite en forma ou lugar axeitados.

2) Así mesmo, os productores ou posuidores de residuo que polas súas características poidan producir trastornos no transporte e tratamento quedan na obriga de proporcionar ó concello información completa sobre a súa orixe, cantidade e características.

 

Artigo 22.- Os propietarios ou responsables das fincas facilitarán o acceso ó local onde estean situados os recipientes normalizados á totalidade dos veciños da finca, co fin de que estes poidan depositar os residuos.

 

 

CAPITULO II

 

 

RESIDUOS DOMICILIARIOS

 

 

Artigo 23.- 1) Enténdese por residuos domiciliarios os procedentes da normal actividade doméstica así como os producidos nos establecementos comerciais que pola súa natureza e volume sexan asimilables ós anteriores.

2) Os residuos introduciranse en bolsas , impermeables e opacas, debidamente pechadas, para a súa posterior introducción nun recipiente normalizado..

3) O concello poderá dispor que en toda a cidade ou en sectores ou zonas determinados se presenten por separado ou se depositen en recipientes especiais aqueles residuos susceptibles de distintos aproveitamentos como papeis, botellas, latas, etc.

4) Prohíbese o vertido ou depósito de todo tipo de residuos, entullos, mobles, ou outros trastos en calquera lugar público ou privado do concello, salvo nas condicións estipuladas nesta ordenanza.

 

Artigo 24.- A presentación dos residuos domiciliarios colectivos farase obrigadamente no tipo e número de recipientes normalizados que en cada caso sinale o concello, de acordo co volume dos residuos, as características do sector ou vía pública e coa planificación realizada para a recollida e transporte polo servicio municipal competente.

 

Artigo 25.- As operacións de conservación e limpeza que, no seu caso esixan os recipientes normalizados, serán por conta dos habitantes da finca, cando se trate de edificios destinados a vivenda, e da propiedade cando sexan edificios públicos ou establecementos comerciais, debendo uns e outros, en cada caso, destinar as persoas que haxan de realizar o cometido.

 

Artigo 26.- 1) A recollida dos residuos efectuarase polos operarios encargados da mesma a partir da porta da finca ou establecemento comercial en lugar máis próximo á calzada.

2) Cando se trate de recipientes normalizados non refugados, o persoal do vehículo colector baleirará o contido dos recipientes no camión e depositará os baleiros onde se atopaban, non correspondéndolle polo tanto, ningunha manipulación dos residuos nin dos recipientes dentro de ningunha finca de propiedade pública ou privada.

 

Artigo 27.- 1) Cando os recipientes contendo os residuos sexan colocados na vía pública, na beirarrúa xunto ó lado da calzada ou lugar sinalado, esta operación non poderá facerse antes dunha hora do paso do vehículo, de ser a recollida en diúrno ou antes das 22 horas de ser nocturna.

Unha vez baleiros os recipientes non refugables procederase á súa retirada, nun prazo máximo dunha hora, no caso de que a recollida se faga durante o día, agás dos correspondentes a establecementos comerciais que poidan ser retirados no momento da apertura, en todo caso, antes das nove da mañá.

O servicio municipal competente poderá propor a modificación dos horarios de recollida de lixo que se comunicará ósveciños mediante bando da Alcaldía-Presidencia.

2) Nas edificacións con amplos patios de mazá nas cales o restal ou entrada do inmoble ábrese a estes patios, é necesario que os vehículos colectores teñan acceso ós mesmos. No caso contrario, os recipientes deberanse colocar ó paso do vehículo colector.

 

Artigo 28.- Nos centros públicos ou privados, vivendas, mercados, galerías de alimentación, centros sanitarios, etc. a retirada dos residuos correrá a cargo do servicio municipal competente, pero non o varrido e a limpeza dos mesmos. Estas últimas operacións teranse que realizar coa frecuencia que sexa necesaria para manter os locais nas debidas condicións de salubridade e hixiene.

 

Artigo 29.- Os supermercados e demais establecementos comerciais que polas súas características xeren entre os seus desperdicios embalaxes e caixas, depositaranos desfeitos en feixes na beirarrúa, a carón dos colectores e no mesmo horario estipulado para os residuos domiciliarios na zona.

 

 

CAPITULO III

 

 

RESIDUOS ESPECIAIS

 

 

SECCION 1a.- TERRAS E ENTULLOS

 

 

Artigo 30.- 1) Queda terminantemente prohibido depositar nos recipientes normalizados destinados a residuos domiciliarios os entullos procedentes de calquera clase de obras, en cantidade maior de 0,30 metros cúbicos.

2) Non obstante, os entullos procedentes de obras tendo un volume comprendido entre 0,3 e 1 metro cúbico,poderán ser retirados polo servicio municipal competente, logo da petición do interesado ó que lle será pasado o cargo correspondente.

3) Os entullos cun volume superior a un metro cúbico, así como as terras procedentes do baleirado ou movemento de terra, deberán eliminarse polos interesados consonte a portes e vertidos de terras e entullos.

 

Artigo 31.- 1) prohíbese depositar nos lugares de dominio público e na rede viaria toda clase de entullos ou lixos procedentes de obras de construcción e remodelación de edificios ou de obras realizadas no interior dos mesmos, sexa na totalidade ou nalgunha das vivendas.

2) Igualmente queda prohibido almacenar na vía pública fóra dos límites do valado protector das obras, material de construcción: area, ladrillos, cemento, etc.

 

Artigo 32.- 1) Os residuos e materiais do artigo anterior só poderán almacenarse na vía pública en lugares de dominio público utilizando para isto colectores axeitados.

2) A colocación de colectores requirirá autorización municipal e o seu número deberá indicarse nun lugar visible dos mesmos, sendo o único elemento de identificación do seu titular.

3) Os colectores deben estar dotados dos dispositivos axeitados que permitan mantelos cubertos cando non sexan empregados, para preservar o ornato urbano e evitar que outras persoas boten naqueles lixos domiciliarios ou trastos inútiles.

4) Cando os colectores se atopen cheos de entullos, procederase nun prazo non superior a vintecatro horas á súa retirada e substitución por outros baleiros. A estes efectos, os materiais depositados non poderán rebordar en ningún caso o plano delimitado polas arestas superiores do colector, estando prohibido o uso de suplementos engadidos para aumentar a capacidade do recipiente.

 

SECCION 2a.

 

 

MOBLES, UTENSILIOS E OBXECTOS INUTILES

 

 

Artigo 33.- 1) Queda prohibido depositar, nos espacios públicos, mobles, utensilios e obxectos inútiles para que sexan retirados polos camións colectores da recollida domiciliaria.

2) As persoas que desexen desprenderse de tales elementos solicitarano do servicio municipal de limpeza.

 

SECCION 3a.

 

 

VEHICULOS ABANDONADOS

 

 

Artigo 34.- Sen prexuízo das causas de retirada e depósito de vehículos previstas no Código da Circulación, os servicios municipais procederán á retirada dos vehículos situados na vía pública ou terreos adxacentes e espacios libres públicos sempre que, polos seus signos exteriores, o tempo que permanecesen na mesma situación ou outras circunstancias, poidan considerarse residuos sólidos urbanos, como consecuencia da súa situación de abandono.

 

Artigo 35.- 1) Os efectos desta ordenanza e no seu ámbito de aplicación, considéranse abandonados aqueles vehículos, ou os seus restos, que polos seus signos exteriores non sexan aptos para circular por carecer dalgún dos seus elementos necesarios ou aínda que contando aparentemente coa totalidade deste elementos, tanto os seus evidentes sinais de deterioro como o tempo de permanencia en idéntica posición de estacionamento, permitan presumir a mesma situación de abandono.

2) Exclúense da consideración de abandonados aqueles vehículos sobre os que recaia a orde de mandato xudicial coñecido polo concello, para que permanezan na mesma situación aínda que a autoridade municipal poderá recabar a adopción das medidas pertinentes en orde ó ornato urbano.

3) Efectuada a retirada e depósito dun vehículo abandonado, conforme ós termos definidos no artigo anterior, o concello notificará a quen figure como titular no rexistro de vehículos ou a quen resultase ser o seu lexítimo propietario na maneira establecida no artigo 80 da Lei de procedemento administrativo.

4) Na mesma notificación requirirase ó titular do vehículo para que manifeste se, de acordo co artigo 3.2 da Lei 42/1975 de recollida e tratamento de refugallos e residuos sólidos urbanos, deixa o vehículo ou os seus restos a disposición do concello que adquirirá a súa propiedade, ou pola contra, opta por facerse cargo dos mesmos para a súa eliminación conforme ás prescripcións da devandita lei, apercibíndolle que no caso de silencio durante o prazo indicado, entenderase que opta pola primeira das posibilidades.

5) Se o propietario do vehículo ou os seus restos fose descoñecido, a notificación indicada efectuarase conforme ás normas xerais.

 

Artigo 36.- En todo o caso, os propietarios dos vehículos ou dos seus restos, deberán soportar os gastos de recollida, transporte e depósito, sendo o seu abono previo nos supostos nos que opte por facerse cargo daqueles segundo o establecido no número 3 do artigo anterior.

 

Artigo 37.- Calquera persoa poderá comunicar ó concello ou ós axentes da autoridade, por escrito ou verbalmente, a existencia dun vehículo ou os seus restos presumiblemente abandonados sen que por tal actuación adquira dereito algún sobre aqueles ou o seu valor.

 

 

SECCION CUARTA

 

 

ANIMAIS MORTOS

 

 

Artigo 38.- Prohíbese o abandono de cadáveres de animais de toda especie sobre calquera clase de terreos e, tamén a súa inhumación en terreos de propiedade pública. A sanción por incumprimento desta norma será independente das responsabilidades que estean na normativa de orde sanitaria.

 

Artigo 39.- 1) As persoas que necesiten desprenderse de animais mortos farano a través do servicio municipal competente que procederá á súa recollida, transporte e eliminación.

2) Este servicio municipal será gratuíto cando se trate de animais domésticos en réxime de convivencia ou catividade, se se refire a un só exemplar e a prestación do servicio se solicita de maneira illada e esporádica.

3) O disposto no parágrafo anterior non será aplicable no caso de explotacións gandeiras ou industriais.

 

 

TRATAMENTO DE RESIDUOS

 

 

Artigo 40.- 1) Os depósitos ou vertedoiros para a eliminación de residuos sólidos urbanos son de exclusiva competencia municipal e en canto á súa situación, instalación, forma de vertido e funcionamento darase cumprimento a canto dispoñan as disposicións vixentes sobre esta materia.

2) Todo vertedoiro que non cumpra co establecido no punto anterior, considerarase clandestino e inmediatamente clausurado e eliminado, sen prexuízo das sancións previstas e das responsabilidades ás que houbese lugar.

 

 

REXIME DISCIPLINARIO

 

 

CAPITULO I

 

 

NORMAS XERAIS

 

 

Artigo 41.- 1) Toda persoa natural ou xurídica poderá denunciar diante do concello as infraccións da presente ordenanza en relación coa materia a que esta se refire.

2) En canto ó contido das denuncias e os seus efectos estarase no establecido no artigo 41.

3) As responsabilidades derivadas do incumprimento das obrigas sinaladas nesta ordenanza, serán esixibles non só polos actos propios, senón tamén polos daquelas persoas de quen se debe responder e polo proceder dos animais dos que se fose propietario.

4) Cando se trate de obrigas colectivas tales como o uso, conservación e limpeza de recipientes normalizados, limpeza de obras comúns, etc., a responsabilidade será atribuída á respectiva comunidade de propietarios ou habitantes do inmoble cando non estea constituída e, ó efecto, as denuncias formularanse a carón da mesma , ou, no seu caso, á persoa que obstente a súa representación.

 

 

CAPITULO II

 

 

 

INFRACCIONS

 

 

 

Artigo 42.- 1) Consideraranse infraccións administrativas en relación coas materias ás que se refire esta ordenanza, os actos ou omisións que contraveñan o establecido nas normas que integran o seu contido.

2) As infraccións clasifícanse de leves, graves e moi graves, conforme se establece nos artigos seguintes:

 

Artigo 43.- 1) Considéranse infraccións leves:

 

a) Botar desperdicios na vía pública, así como realizar as operacións prohibidas nos artigos 8 e 12, salvo cambiar o aceite ou outro líquido ós vehículos, así como lavalos.

b) Non instalar as papeleiras esixidas ou a falta de limpeza na vía pública, no suposto do artigo 3o.

c) Non manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pú-

blica.

d) Deixar na vía pública e na rede viaria residuos procedentes da limpeza de escaparates, portas ou toldos de establecementos comerciais.

e) Esguizar, lixar ou arrincar carteis ou anuncios.

f) En relación cos recipientes herméticos e cubos normalizados, a falta de coidados dos mesmos, colocalos na vía pública ou retiralos fóra do tempo establecido; empregar outros distintos ós autorizados; sacar lixo qaue os desborden e non colocalos ó paso do camión colector.

 

2) Considéranse infraccións graves:

a) A reincidencia nas infraccións leves.

b) Cambiar o aceite e outros líquidos ós vehículos na vía e espacios libres públicos, así como lavalos.

c) Realizar actos de propaganda mediante o lanzamento de carteis, folletos, follas soltas, etc.

d) Omitir as operacións de limpeza despois da carga ou descarga de vehículos ou incumprir as obrigas do artigo 3o.

e) Non retirar no prazo establecido os refugallos procedentes de obras na vía pública, así como almacenar entullos ou materiais de construcción, sen empregar colectores, ou colocar estes con incumprimento do establecido nas ordenanzas municipais.

f) Non proceder á limpeza das defecacións de cans ou outros animais.

g) Colocar carteis en lugares non permitidos e realizar inscricións ou pintadas.

h) Abandonar mobles ou trastos na vía ou espacios públicos.

i) Abandonar cadáveres de animais ou a súa inhumación nos terreos de dominio público.

 

3) Considéranse infraccións moi graves:

a) A reincidencia nas faltas graves.

b) Dedicarse á recollida, transporte ou aproveitamento de residuos sen a debida autorización ou entregalos a quen teña tal dedicación.

c) Non retirar os colectores de cascallos no prazo establecido.

 

 

CAPITULO III

 

 

 

SANCIONS

 

 

 

Artigo 44.- 1) Sen prexuízo de esixir, cando proceda, as responsabilidades de carácter penal ou civil correspondentes, as infraccións ós preceptos da presente ordenanza, en materia de limpeza urbana e residuos sólidos serán sancionados do xeito seguinte:

 

A) INFRACCIONS LEVES: Multa ata 15000 PTA.

B) INFRACCIONS GRAVES: Multa de 15001 PTA.ata 100000 PTA

C) INFRACCIONS MOI GRAVES: Multas de ata 300000 PTA.

 

2) Nos supostos de reincidencia en infraccións moi graves, o órgano competente poderá impor as sancións previstas na Lexislación aplicable sobre refugallos e residuos sólidos urbanos e dar conta a outros organismos competentes para sancionar.

 

Artigo 45.- 1) Para determinar a contía da sanción atenderase ás circunstancias concorrentes nos feitos que a motivaron, tales como a natureza da infracción, grao de intencionalidade e reincidencia, así como aqueles factores que se poidan considerar como atenuantes ou agravantes.

2) Será considerado reincidente quen tivera incorrido en infraccións das mesmas materias nos doce meses anteriores.

 

DISPOSICIONS FINAIS

 

PRIMEIRA.- As resolucións dictadas pola Alcaldía en aplicación das disposicións contidas nesta ordenanza, porán sempre fin á vía administrativa, e, contra elas, caberá interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede na Coruña logo da comunicación ó propio Alcalde a que fai referencia o artigo 110.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

 

SEGUNDA.- A presente ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e cando sexa publicado o seu texto íntegro no BOP e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei de Bases de Réxime Local.

 

Verín de de 1996

O ALCALDE, O SECRETARIO,

 

 

 

 

 

 

DILIXENCIA: Esténdoa eu, o Secretario, para facer constar que o texto íntegro da precedente ordenanza aparece publicado no BOP número ,correspondente ó día

Verín, de de 1996