ORDENANZA REGULADORA DO TRÁFICO NO NÚCLEO ANTIGO DE VERÍN Imprimir

Trafico Casco Antigo.htm

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O día 1 de xullo de 2012, restrinxiuse o tráfico xeral de vehículos en toda a área do núcleo antigo da vila de Verín.

Sendo o obxectivo primordial do Concello de Verín a protección do denominado núcleo antigo da vila, necesidade que vai corroborada polos estudos de actuacións elaborado polo PEPRI, e tendo en conta as peculiaridades das infraestruturas viarias de todas as rúas que o integran, faise necesario dotalo dun tratamento especial dentro do plan de ordenación do tráfico.

A estreiteza das súas rúas, a singularidade da maior parte dos negocios que no seu interior desenvolven a súa actividade, o intenso tráfico peonil, ou as propias características consubstanciais a todas as zonas monumentais son, entre outras, razóns suficientemente poderosas para que dende a administración municipal se contemple de modo específico e diferenciado unha regulación da circulación en dita zona.

Por todo iso e dentro do contexto que subxace en toda regulamentación que non é outro que garantir a pacífica convivencia e a mellora da calidade de vida dos destinatarios desta, establécese o posterior articulado, cos obxectivos seguintes:

- Facilitar a circulación de peóns e o seu acceso a comercios, oficinas, vivendas, reducindo o risco de accidentes.

- Estimular a economía e desenvolvemento de dita zona.

- Evitar, na medida do posible, a circulación concorrente.

- Conseguir unha maior calidade urbana na zona, mellorando a estética e suprimindo ruído e fumes.

Neste marco, dítase a presente ordenanza, cuxo obxectivo non é outro que proceder á regulación daqueles aspectos que até a data non foran obxecto de ningunha normativa.

CAPÍTULO I: COMPETENCIA, OBXECTIVOS, ÁREA AFECTADA

ART. 1.- COMPETENCIAS: sendo competencia do Concello de Verín a ordenación e control do tráfico nas vías urbanas do seu termo municipal, así como a súa vixilancia por medio da Policía Local, a denuncia das infraccións que se cometan en ditas vías e a súa sanción cando non estea expresamente atribuída a outra administración, e ao abeiro do disposto no art. 25.2.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, así como do disposto na Lei 19/2001, do 19 de decembro, de reforma do texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, aprobado por Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, e o Regulamento xeral de circulación aprobado por Real decreto 1428/2003, do 21 de novembro, acorda aprobar o presente documento de regulación do tráfico rodado no ámbito do núcleo antigo da vila de Verín.

ART. 2.- OBXECTIVOS: a presente ordenanza ten como obxectivo: restrinxir o tráfico naquelas rúas que se expoñen no Art. 3 -Anexo I-, ao obxecto de conseguir unha mellor calidade de vida das persoas que viven naquela área e utilízana con frecuencia con motivo de esparexemento, visitas turísticas, etc., existindo nestas zonas un tráfico de coexistencia, no que en todo caso resulta privilexiado o tráfico peonil.

ART. 3.- ÁREA AFECTADA: a área que se encontra afectada pola regulación especial de tráfico, denominada "Núcleo antigo" e cuxo plano se achega á presente ordenanza como "ANEXO I", está comprendida no perímetro das seguintes rúas:

Rúa Lisa, Praza da Mercé, rúa da Mercé, rúa Amaro Refoxo, rúa Mariano Carrero, rúa Traviesa, rúa Viriato, Praza García Barbón, rúa Maior, rúa da Cruz, rúa do Pozo, rúa Aduana, rúa das Obrigas.

As datas e horas de acceso libre serán as seguintes:

Do 1 de abril ao 30 de setembro, permitirase o libre acceso  de 8.00 a 14.00 horas, excepto os sábados, domingos e festivos.

Do 1 de outubro ao 31 de marzo, permitirase o libre acceso de 8.00 horas a 18.00 horas, excepto os sábados, domingos e festivos.

Fóra destas datas e horas o acceso estará restrinxido aos vehículos que conten coa preceptiva autorización.

CAPÍTULO II: ACCESO (LUGARES E DISTINTIVOS)

ART. 4.- SINALIZACIÓN: en todos os accesos habilitados existirá un sinal de acceso prohibido coa excepción de contar coa preceptiva autorización, que restrinxe a circulación en todo o núcleo antigo, aos vehículos que non conten con distintivo identificativo ou tarxeta-autorización, e que se complementa coas seguintes normas:

- Que a velocidade máxima dos vehículos é de 20 km/h.

- Que os condutores deben conceder prioridade aos peóns.

- Que os vehículos non poden estacionar máis que nos lugares designados por sinais ou marcas.

- Que os peóns poden utilizar toda a zona de circulación.

- Que os xogos están autorizados mentres non perturben a circulación de peóns ou vehículos.

ART. 5.- LUGARES DE ACCESO: o acceso ao núcleo antigo realizarase exclusivamente a través dos accesos situados nas seguintes rúas:

A.- Rúa Lisa.

B.- Rúa Amaro Refoxo.

C.- Traviesa.

D.- Praza García Barbón con Praza Alameda.

De xeito que, dependendo da rúa de destino, o acceso efectuarase polo lugar máis próximo a dito destino. En canto á saída, efectuarase tamén a través da vía que lle facilite o abandono do núcleo antigo con maior prontitude, para tales efectos, no momento de concederse a autorización correspondente, notificaráselle a cada usuario as vías de entrada e saída obrigatorias.

ART. 6.- ACCESO DE VEHÍCULOS AO NÚCLEO ANTIGO: para o acceso de vehículos ao núcleo antigo, é necesario que estes conten cunha autorización, á vez que cun distintivo ou tarxeta na que constará a matrícula do vehículo autorizado, e que individualiza o dereito de acceso nas condicións determinadas na autorización administrativa concedida a cada titular segundo sexa este residente, usuario de cocheira ou praza de garaxe, teña un negocio na zona ou preste un servizo urxente ou imprescindible á comunidade, sendo obrigatorio para o seu titular, a notificación a este concello do cambio do vehículo autorizado, así como a devolución da tarxeta ou distintivo no suposto de modificación das condicións que no seu momento serviron de base para a súa autorización. Ademais deste réxime xeral, créanse as disposicións específicas que máis adiante se desenvolven, e que completan a regulación do sistema, facendo fundamentalmente referencia ás tarefas de carga e descarga, servizos de gardería, servizos de taxis, obras e instalacións e minusválidos.

ART. 7.- DISPOSITIVOS DE CONTROL: coa finalidade de cumprir o obxectivo primordial expresado na exposición de motivos, o concello poderá instalar aqueles dispositivos ou elementos que considere procedentes (bolardos, barreiras, etc.), co propósito de conseguir a efectividade das medidas adoptadas.

ART. 8.- DISTINTIVOS PARA OS PARABRISAS DOS VEHÍCULOS: todos os vehículos que accedan ao núcleo histórico, por calquera das causas previstas nesta ordenanza encontraranse identificados mediante o correspondente distintivo ou tarxeta, dependendo o caso, segundo o modelo que aprobará este concello, e que deberá exhibirse obrigatoriamente no parabrisas dianteiro do vehículo autorizado, de forma visible dende o exterior.

Os distintivos serán concedidos, tras a solicitude á que se acompañarán os documentos que seguidamente se detallan en función do tipo de distintivo, tendo estas as seguintes modalidades:

A.- Residentes: concédense a aquelas persoas físicas empadroadas na área do núcleo antigo, e para todos os vehículos de uso ou servizo particular dos que sexan titulares. O distintivo ten o contrasinal "R", e permite tanto o acceso á área que nos ocupa pola entrada máis próxima á súa residencia sen ningunha limitación de días ou de horario, coma o estacionamento nos lugares habilitados ao efecto.

Documentación que aportarán coa solicitude:

- Fotocopia cotexada do DNI

- Fotocopia cotexada do permiso de circulación dos vehículos para os que se solicite tal autorización.

B.- Usuarios de cocheiras ou garaxes: concédense a aquelas persoas físicas que por calquera título utilizan unha cocheira ou garaxe situado no núcleo antigo, aínda cando non sexan residentes. O distintivo ten o contrasinal "G" e só permite o acceso do vehículo á praza de garaxe, sen limitación de días ou de horario, pola entrada máis próxima.

Documentación que aportarán coa solicitude:

- Fotocopia cotexada do DNI

- Fotocopia cotexada do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita autorización.

- Copia do recibo actualizado do Imposto sobre bens inmobles, da praza de garaxe, ou título de propiedade.

- Documento acreditativo do dereito ao uso da praza de garaxe de que se trate, no suposto de que esta non sexa titularidade do solicitante.

C.- Titulares de establecementos: concédense aos titulares de establecementos abertos ao público na área do núcleo antigo, para os vehículos afectos á actividade, xa sexa entidade mercantil, xa un dos socios partícipes dela. O distintivo ten o contrasinal "A" e permite o acceso a unha zona próxima ao seu establecemento para realizar pequenas operacións de carga e descarga en días laborais e en horario comercial de 8 h a 13 h e de 16 h a 20 h, por un tempo máximo de 15 minutos.

Documentación que aportarán coa solicitude:

- Fotocopia do DNI ou NIF

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita.

- Alta no Padrón do imposto de actividades económicas deste municipio, e a correpondente licenza de apertura de establecementos.

D.- Servizos: concédense a institucións e servizos de carácter urxente ou de rigorosa necesidade. O distintivo ten o contrasinal "S", e permite a prestación dun servizo urxente ou a realización dunha actividade imprescindible para a comunidade (bombeiros, ambulancias, servizos de seguridade, outros, etc.).

CAPÍTULO III: SUPOSTOS ESPECIAIS

ART. 9.- CARGA E DESCARGA: entendida esta como a acción e efecto de trasladar unhas mercadorías dende un vehículo comercial a un establecemento ou outro inmoble e viceversa, nesta zona levarase a cabo mediante vehículos de mercadoría de menos de 9 tm de peso máximo autorizado (PMA), en horario de 9:00 a 10:30 hora da mañá e de 16:00 a 17:30 da tarde, e nos lugares habilitados a tal fin, non podendo realizarse tales tarefas nas rúas e lugares que carezan de espazo destinado ao efecto.

En canto aos vehículos cuxo PMA exceda de 8 tm, haberá de estarse ao regulado no Capítulo IV da presente ordenanza.

Tales operacións efectuaranse con estrita observancia ás seguintes normas:

a) O vehículo estacionarase só nos lugares habilitados como carga e descarga, impedindo en todo momento a produción de perturbacións ao resto de usuarios.

b) As mercadorías cargaranse e descargaranse polo lado do vehículo máis próximo ao establecemento ou inmoble de destino.

c) A carga e descarga efectuarase co máximo coidado, procurando evitar ruídos e calquera outra molestia aos veciños, aos peóns e a outros usuarios da vía pública.

d) As operacións de carga e descarga efectuaranse coa maior celeridade.

e) En ningún caso se almacenarán no chan as mercadorías ou obxectos que se estean cargando ou descargando.

ART. 10.- GARDARÍAS: no caso das gardarías, este establecemento fará entrega á familia do menor dun certificado no que conste que o neno está inscrito no referido centro. A familia do menor solicitará do concello, ao que unirá a certificación anterior, a acreditación ou acreditacións para poder levar e recoller ao neno en cuestión. A licenza outorgada polo concello autorizará ao seu usuario a acceder e abandonar o núcleo antigo pola ruta máis curta. Facilitarase unha tarxeta ou distintivo.

ART. 11.- TAXI: os vehículos destinados ao servizo de auto-taxi poderán acceder ao núcleo antigo para realizar a actividade propia do servizo, estando só autorizada a parada polo tempo estritamente necesario para a subida e baixada dos pasaxeiros e as súas mercadorías. Elixirán sempre os itinerarios máis curtos ao lugar de destino, tanto para a entrada como para a saída.

ART. 12.- TRATAMENTO DOS ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS: por parte do Concello de Verín poderán ser concedidas, de forma discrecional, autorizacións a aqueles establecementos hosteleiros que así o demanden por motivos debidamente xustificados de necesiade nos seus servizos, a fin de que, mediante o correspondente procedemento ,se facilite o acceso de vehículos aos exclusivos fins de carga e descarga de equipaxe, e garda do vehículo no garaxe do establecemento. Con tal motivo, entregaranse as tarxetas ou distintivos necesarios.

ART. 13.- ACCESO DE PERSOAS MAIORES: no suposto de persoas maiores de 65 anos, que residindo na área afectada por esta ordenanza, e que por razóns debidamente xustificadas, precisen acceder á vivenda da súa residencia mediante un vehículo, e non se encontren incluídos en ningún dos supostos anteriormente regulados, tras a petición do interesado no que xustifique debidamente tal necesidade, facilitarase, xunto coa correspondente autorización, unha tarxeta ou distintivo específico.

Tal distintivo ou tarxeta, que será unicamente válido para os lugares sinalados nel, só poderá ser utilizado durante o desenvolvemento da actividade para a que se concede. O seu período de validez será o reflectido nel e á solicitude acompañaranse os seguintes documentos:

- Informe médico, ou no seu caso, informe expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia.

- Dúas fotografías.

- Fotocopia do DNI do solicitante.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicite a autorización.

ART. 14.- ACCESO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE: no suposto de persoas discapacitadas, que ben por razón da súa residencia, ben por razón do seu traballo, precisen acceder xa á vivenda da súa residencia xa ao seu centro de traballo mediante vehículo e non se encontren incluídos en ningún dos supostos anteriormente regulados, tras petición do interesado na que xustifique debidamente tal necesidade, facilitarase, xunto coa correspondente autorización de acceso, unha tarxeta ou distintivo específico. Tal distintivo será unicamente válido para os lugares sinalados nel e polo tempo neste igualmente reflectido, podendo ser só utilizado para os fins para os que se concede.

O seu período de validez será o reflectido nel e á solicitude acompañaranse os seguintes documentos:

- Contrato de traballo, no suposto de que os motivos de solicitude sexan laborais.

- Certificado de mobilidade reducida expedido polo órgano competente.

- Dúas fotografías.

- Fotocopia do DNI do solicitante.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicite a autorización.

ART. 15.- ACCESO Á SEGUNDA VIVENDA: no suposto de persoas cuxo domicilio habitual se ache situado fóra do núcleo antigo, e que sendo propietarios dun inmoble situado dentro da área de aplicación desta ordenanza, teñan necesidade de acceder a ela mediante a utilización de vehículo, facilitarase, tras a solicitude do interesado, para un único vehículo, e polo prazo que se estime oportuno, un distintivo ou tarxeta específica.

O seu período de validez será o reflectido nel e á solicitude na que se xustifique a necesidade da súa obtención achegaranse os seguintes documentos:

- Recibo do Imposto sobre bens inmobles (IBI) da vivenda titularidade do solicitante, ou título de propiedade, ou, no seu caso, documento acreditativo do alugueiro.

- Fotocopia do DNI.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita autorización.

ART. 16.- PERMISOS ESPECIAIS: poderanse conceder outras autorizacións, unha vez estudada a singularidade de cada caso, sempre que exista causa debidamente xustificada. Para estes casos, esixirase a documentación que se estime oportuna, e unha vez concedida a autorización, entregarase unha tarxeta ou distintivo específico.

ART. 17.- PERMISOS OCASIONAIS: o tráfico será permitido con autorización expresa para supostos tales como:

- Acceso para celebracións relixiosas, tales como vodas, bautizos, etc.

- Eventos de tipo lúdico, festivo ou cultural, tales como exposicións, feiras, etc.

Nestes casos e outros non contemplados de forma específica nesta ordenanza, a concesión do permiso correspondente estará supeditada á autorización da Concellaría de Tráfico, tras o informe da Policía Local. Se ben para estes casos, xeralmente, non se fará indispensable a entrega de ningunha tarxeta ou distintivo, simplemente darase coñecemento á Policía Local para o control dos vehículos autorizados. Puidera darse o caso de que se fixera necesaria tal entrega, para o que se lles requirirá aos solicitantes a documentación que se estime oportuna.

CAPÍTULO IV: OBRAS E INSTALACIÓNS

ART. 18.- OBRAS: o acceso ao núcleo antigo para a realización de calquera obra de construción, instalación ou remodelación de edificacións, necesitará da correspondente autorización expedida pola Concellaría de Tráfico, tras o informe da Policía Local, na que se concretarán as circunstancias e limitacións desta, debendo, en todo caso, aportar copia da correspondente licenza de obras.

Igualmente, nestes supostos de realización de calquera obra de construción, instalación ou remodelación de edificacións, o Concello de Verín poderá autorizar reservas de espazo provisionais na vía pública, cando carezan de espazos interiores suficientes para a realización das actividades de carga e descarga ou colocación de contedores para materiais de construción ou retirada de cascallos ou similares.

ART. 19.- VEHÍCULO DE PMA INFERIOR A 8 TONELADAS: vehículos cuxo peso máximo autorización (PMA) non sexa superior a 8 toneladas e teñan dous eixes, poderán acceder libremente á área delimitada nesta ordenanza, co fin de efectuar as operacións de carga e descarga no horario anteriormente sinalado, excepto festivos e domingos.

ART. 20.- VEHÍCULOS DE PMA SUPERIOR A 8 TONELADAS: vehículos cuxo peso máximo autorizado (PMA) sexa superior a 8 toneladas, para acceder á área que nos ocupa deberán solicitar autorización ante a Concellaría de Tráfico, que tras o informe da Policía Local, a concederá ou a denegará. Dito permiso será xestionado pola Policía Local, debéndose facer constar na solicitude o día de acceso, horario, itinerario, tipo de carga e peso máximo autorizado.

Neste suposto, para os efectos de garantir os danos ocasionados nas vías públicas polas que transcorra o percorrido, deberán depositar na Tesouraría municipal a cantidade de 500 € en concepto de fianza.

ART. 21.- CARGA E DESCARGA DE VEHÍCULOS AO SERVIZO DE OBRA AMPARADA POR LICENZA: vehículos cuxo obxecto de carga e descarga estean ao servizo da execución dunha obra amparada por unha licenza de obra maior, cuxo itinerario transcorra polas vías obxecto da presente ordenanza, deberán solicitar previamente autorización ante a Concellaría de Tráfico, quen outorgará ou denegará a licenza tras o informe da Policía Local. Dito permiso será xestionado pola Policía Local, e na solicitude especificarase o otinerario, data de inicio e remate estimado da obra.

Para a obtención deste tipo de autorización, aportarase copia da licenza de obras e xustificante de constitución da fianza establecida polos servizos técnicos municipais, para os efectos de garantir a reparación dos danos que se poidan ocasionar nas vías públicas polas que transcorra o percorrido.

No caso de utilización de vehículos cuxo peso máximo autorizado sexa superior a 8 toneladas, aportarán, por vehículo, xustificante da constitución do depósito dunha fianza na Tesouraría municipal por importe de 500 €, para os efectos de garantir a reparación dos danos que se poidan ocasionar nas vías públicas polas que transcorra o percorrido.

ART. 22.- DETERMINACIÓN DOS DANOS: para os efectos da determinación dos danos que se poidan ocasionar nas vías públicas pola utilización delas por vehículos de acordo ás excepcións obtidas na presente regulación con carácter xeral, levantaranse actas do estado das vías polas que transcorrerá o itinerario autorizado, que deberán ser asinadas por un representante da Policía Local e un técnico municipal designado para os efectos pola Corporación e o titular ou representante do solicitante da autorización. As actas estarán documentadas con material fotográfico, que demostre o estado real das vías. Estas actas realizaranse antes do inicio da carga e descarga e unha vez rematada dita operación, incluso naquelas operacións que teñan carácter de únicas.

ART. 23.- DEVOLUCIÓN DE FIANZAS: á vista da acta de finalización das operacións de carga e descarga, no caso de que non se ocasionaran danos nas vías polas que transcorreu o itinerario autorizado, e a pedimento do interesado, procederase á devolución da fianza constituída.

No caso de que a acta de finalización reflita a existencia de danos non existentes na data de inicio das operacións de carga e descarga, por parte deste concello procederase á reparación dos danos ocasionados con cargo ás fianzas depositadas, procedendo, no seu caso, á devolución do sobrante ao interesado.

Cando coincidindo no tempo de operación e itinerario, varios vehículos aos que se lles exixira depósito de fianza e se ocasionasen danos nas vías públicas, o cargo da reparación de ditos danos aplicarase por partes iguais ás fianzas constituídas polos vehículos coincidentes.

No caso da coincidencia anterior para vehículos cuxa autorización de acceso estea amparada pola fianza establecida polos servizos técnicos municipais, o cargo das reparacións efectuadas aplicarase de forma proporcional ao importe de dito orzamento.

ART. 24.- INSTALACIÓNS NO NÚCLEO HISTÓRICO: prohíbese, sen preceptiva e tras autorización, a colocación de elementos móbiles ou fixo na zona do núcleo antigo, calquera que sexa a súa finalidade e que poidan entorpecer a circulación, xa sexa rodada ou peonil, ou diminuír a visibilidade das vías obxecto da presente regulación.

ART. 25.- INFRACCIÓNS: as accións ou omisións que contraveñan a presente ordenanza, constitúen infraccións administrativas e serán sancionadas con arranxo ao disposto na Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e restante normativa de particular aplicación, sen prexuízo do establecido no presente capítulo.

ART. 26.- CLASIFICACIÓN DAS INFRACCIÓNS: as infraccións ás que se refire o artigo anterior, clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Terán a consideración de moi graves as seguintes:

a) A falsificación dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións regulados na presente ordenanza.

b) A alteración ou manipulación dos documentos requiridos para a concesión dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións regulados na presente ordenanza sen cuxo concurso non se concedería tal autorización.

c) Ter sido sancionado pola comisión de dúas ou máis faltas das cualificadas como graves.

Terán a consideración de graves, as seguintes:

a) Utilización indebida da tarxeta ou distintivo.

b) Alteración ou manipulación dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións concedidos e regulados na presente ordenanza.

c) Utilización indebida de calquera tipo de distintivo, permiso ou autorización concedido e regulado na presente ordenanza.

d) Utilización de distintivo, permiso ou autorización dos regulados na presente ordenanza, por persoa ou vehículo distinto ao autorizado e como tal reflectido nel.

e) Cesión de distintivo, permiso ou autorización dos regulados na presente ordenanza a persoa distinta á autorizada e como tal reflectida nela.

f) A utilización dolosa ou neglixente de distintivo, permiso ou autorización dos regulados na presente ordenanza para fins distintos aos autorizados.

g) Ter sido sancionado pola comisión de dúas ou máis faltas das cualificadas como leves.

Terán a consideración de leves, as seguintes:

a) Acceso á área obxecto da presente ordenanza por lugar distinto ao autorizado.

b) Uso inapropiado da tarxeta ou distintivo.

c) Non devolución da tarxeta ou distintivo no suposto de modificación das condicións nas que foi concedida.

d) Uso inapropiado do distintivo, permiso ou autorización concedido e obxecto de regulación pola presente ordenanza.

e) Acceso á área obxecto de regulación con distintivo, tarxeta, permiso ou autorización caducada.

f) Non exhibir o distintivo, permiso ou autorización concedida ao efecto, de forma visible no vehículo para o que se concede.

g) Realización das tarefas de carga e descarga á marxe das condicións sinaladas a tales efectos pola presente ordenanza.

ART. 27.- SANCIÓNS: as infraccións leves serán sancionadas con multa de até 750 €, as graves con multa de 751 € a 1.500 €, e as moi graves de 1.501€ a 3.000 €.

Con independencia das sancións pecuniarias anteriormente sinaladas, a comisión das condutas cualificadas como de infracción polo artigo anterior, poderá ser sancionada coa retirada do distintivo, permiso ou autorización ao efecto concedido, por un período de até seis meses no suposto de infraccións leves e de até un ano no suposto das cualificadas como graves e moi graves, chegando a ser esta retirada definitiva no caso de falsificación do citado permiso, distintivo ou autorización concedido, ou reiteración nas condutas descritas.

ART. 28.- PERSOAS RESPONSABLES: a responsabilidade das infraccións ao disposto na presente ordenanza, recaerá directamente no autor ou autores da acción ou omisión en que consista a infracción, incluso cando se cometera a título de simple inobservancia.

Así mesmo, será responsable, e en consecuencia obxecto de sanción, o titular do distintivo ou autorización concedida, polo seu uso indebido que un terceiro puidese realizar.

Cando o cumprimento dos deberes e obrigas previstos nesta norma incumba conxuntamente a varias persoas, estas responderán solidariamente das infraccións que se cometan e as sancións que no seu caso se impoñan.

DISPOSICIÓN FINAL: a presente ordenanza entrará en vigor cando sexa publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local.

O alcalde: Gerardo Seoane Fidalgo
A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz



DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no BOP de Ourense número 219 do 23.9.2015.
A secretaria
Pilar del Carmen Saborido Díaz