Videoconferencias: ‘Entroidos Máxicos: Xinzo e Verín’ Imprimir
Xoves, 17 Febreiro 2011 09:56

Os días 21 e 22 de febreiro, ás 20 horas, os departamentos de Cultura dos concellos de Verín e Xinzo de Limia, a Asociación O Cigarrón e a Asociación A Pantalla promoven a realización de dúas conferencias, emitidas para a rede de aulas de Cidades Dixitais, sobre o Entroido no sur da provincia de Ourense, en concreto, o de Xinzo de Limia e Verín.

A primeira delas, que será o 21 de febreiro, leva por título ‘O Entroido de Verín’, e na mesma participarán Xosé Manuel González, presidente da Asociación do Cigarrón, Álvaro Ferreira, profesor do Obradoiro do Cigarrón, Víctor Manuel Baladrón, concelleiro de Festexos de Verín e varios cigarróns. Durante unha hora e media abordaranse os seguintes aspectos: historia e orixe da máscara, sentimento de ser un cigarrón, partes do traxe e os días e significado do Entroido de Verín.

Mentres que a segunda videoconferencia, ‘O Entroido de Xinzo’, terá lugar o 22 de febreiro e nela participarán Suso Fariñas, presidente da Asociación A Pantalla, Alfonso Carlos Lois, do departamento de cultura do Concello de Xinzo de Limia, Daniel Blanco, concelleiro de cultura do municipio e diversas pantallas.