Concerto recitado pola Paz Imprimir
Xoves, 27 Xaneiro 2011 10:29

Os coros e o conxunto instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín actuarán o sábado día 29 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa da Cultura no Concerto-Recitado pola Paz organizado con motivo do Día Escolar da Paz e da Non Violencia e da Semana de Castelao.

No recitado, con textos alusivos á paz, actuarán membros do Banco do Tempo e alumnos do Conservatorio. No concerto ofreceranse cancións alusivas á paz e música popular galega. O acto prevese que comece con puntualidade e que teña unha duración de 50 minutos.

A formación para a paz é unha das finalidades do sistema educativo. Os centros pretenden que o alumnado desenvolva, entre outras, as capacidades e competencias necesarias para a participación social activa. Tamén é unha función dos centros abrirse á sociedade na que se insiren e colaborar con outros centros ou institucións. Por isto, neste acto o Conservatorio Elemental de Música de Verín comparte escenario con voluntarios do Banco do Tempo, coa finalidade de que as comunidades educativas se convertan en instrumentos para a paz.