A conselleira de Traballo e Benestar entrega os diplomas ao alumnado do Obradoiro de Emprego Baronceli Imprimir
Martes, 25 Xaneiro 2011 18:00

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, acudiu esta mañá a Verín para visitar as áreas rehabilitadas polos/as alumnos/as do Obradoiro de Emprego Baronceli, e entregarlles os diplomas de devandito obradoiro, realizado durante o ano 2010.

Tras inaugurar as actuacións efectuadas no parque de Chaves, na zona das piscinas municipais -cun novo empedrado no chan e bordos, instalación de mobiliario urbano, unha fonte na zona central e parque infantil-, a titular de Traballo e Benestar visitou a Residencia de Hermanas de Ancianos Desamparados, onde as alumnas de axuda a domicilio realizaron a súa formación práctica, acompañada por Andrés Hermida, director xeral de Promoción do Emprego, Rogelio Martínez, delegado provincial da Xunta de Galicia, e Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín.

O Obradoiro de Emprego Baronceli, destinado a formación de 26 persoas en paro do municipio, tivo por obxecto a inserción laboral de traballadores desempregados maiores de 25 anos nas seguintes especialidades: axuda a domicilio, xardinería e restauración de áreas degradadas -que permitiron a rehabilitación das zonas verdes de Pazos, Tintores, Piscinas Municipais de A Granxa e Fonte de Madoiras-. “Constitúen catro instalacións recreativas realizadas por unhas persoas que con obradoiros como este, que supuxo unha inversión próxima aos 500.000 euros por parte da Xunta de Galicia, tiveron a oportunidade de formarse e ter máis posibilidades de entrar no mercado laboral”, asegura Beatriz Mato Otero. Ademais engade que “un camiño que queremos seguir, xa que a nosa é unha aposta firme e decidida polas políticas activas do emprego, que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas, a través de cursos de formación, certificables e de calidade, que realmente sirvan para que as persoas melloren a súa cualificación e demostren unha experiencia no mercado laboral”.

Devandito obradoiro, dun ano de duración, contou cunha importante particularidade: o 50% das prazas ofertadas están destinadas a persoas discapacitadas, aínda que perfectamente capacitadas para o desenvolvemento dun traballo e que presentan unha maior dificultade para a súa integración no mundo laboral. Unha actuación promovida a través dun convenio de colaboración asinado coa Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), sendo o obxectivo final deste obradoiro a posta en marcha dun Centro Especial de Emprego, para proporcionarlle “ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características, e facilitándolle desta forma a súa integración no mundo laboral”, subliñou o rexedor municipal.

Con todo, esta actuación de promoción de emprego no municipio de Verín continuará ao longo do 2011, coa concesión por parte da Consellería de Traballo e Benestar da escola-obradoiro San Antón, destinada á formación de 22 persoas desempregadas do municipio -inscritas na Oficina de Emprego como desempregados-, con idades comprendidas entre os 16 e 25 anos. Na mesma, dun ano de duración, e os/as alumnos/as formaranse e adquirirán experiencia nas áreas de carpintería e xardinería, é un centro de traballo e formación na que os participantes reciben formación ocupacional en alternancia coa práctica profesional -traballo en obra real-, co fin de que ao seu término estean capacitados para o desempeño axeitado do oficio aprendido e sexa máis fácil o seu acceso ao mundo do traballo (6 meses de formación e outros seis de traballo). Esta actuación tamén permitirá rehabilitar os espazos verdes e naturais das áreas recreativas de Fonte do Sapo, Paseo do Río Támega, A Rasela e Ábedes. “Desde a nosa chegada á Xunta de Galicia, incrementamos un 158% as axudas destinadas para o emprego, tanto nas escolas-obradoiro como axudas de cooperación, ao Concello de Verín”, conclúe Mato Otero.

Ademais, o alcalde de Verín aproveitou a súa intervención para agradecerlle á titular de Traballo e Benestar “non só a concesión destes dous obradoiros senón tamén a construción da futura escola infantil, cunha oferta de 75 prazas, que suporá un investimento de ao redor de 900.000 euros”. Por outra banda, solicitoulle “cando as necesidades orzamentarias o permitan, contemple para Verín, a localidade con máis poboación despois da capital da provincia, e que supera as 4000 persoas maiores de 60 anos representando o 27,23 % da poboación total do Concello , a posibilidade da creación dun Centro de Día para mellorar a atención deste sector de poboacion, procurando a permanencia no seu medio e evitando ou atrasando un posible ingreso en residencia”.