Cultura en Ruta, xornada lúdico-musical en Verín Imprimir
Martes, 17 Agosto 2010 08:31

Verín acolle o sábado día 21 de agosto Cultura en Ruta, un programa lúdico-musical, que este verán xira por Galicia levando música e entretemento para todos os públicos, e que está patrocinado e organizado por Caixanova e o Concello de Verín.

Os actos da xornada comezarán cun  pasarrúas do cuarteto de música tradicional Musigaiba, a partir das 19 horas polo casco histórico e zonas hostaleiras con terrazas. Á mesma hora, está prevista na praza García Barbón o espectáculo infantil interactivo La Vida Loca de Pajarito, dunha hora de duración. Como colofón de Cultura en Ruta, en horario nocturno, a praza García Barbón acollerá os concertos do grupo de música tradicional Brixel, de Verín, ás 22 horas, e da mítica banda de música galega Brath, que presentará, a partir das 23 horas, os temas que gravará no seu próximo disco de longa duración, Codex, o décimo primeiro da súa carreira artística.

La Vida Loca de Pajarito
O espectáculo infantil interactivo La Vida Loca de Pajarito mestura clown, escapismo, acrobacias, capacidade para cativar a atención do público e espontaneidade converten cada presentación do espectáculo nun acto irrepetíbel. Unha muller-nena anda solta, xogando nunha praza. Momentos inesquecíbeis vanse sucedendo a través da súa interacción co público. As gargalladas, nos transeúntes, que paran para ver que tolerías lles ofrece esta gran pallasa, están aseguradas. Con dous voluntarios, moitos xogos, e un fermoso número de escapismo percorreremos en aproximadamente 50 minutos “La Vida Loca de Pajarito”, que remata librándose da gaiola na que estaba presa e con moitas ganas de coñecer mundo. O final do espectáculo é un colofón cheo de acrobacias, con voda e moita diversión.

Brath

Con case trinta anos de historia e despois de ter gravado varias bandas sonoras para cine e televisión, Brath é un dos grupos de referencia na historia da música galega actual.

Máis de mil concertos realizados, actuacións en lugares tan emblemáticos como o Teatro Real de Madrid, o Auditorio de Montjuic en Barcelona ou o Auditorio do Monte do Gozo en Santiago de Compostela, son algúns dos referentes dun grupo que leva percorrido diversos países de Europa e América actuando en festivais ou en xiras de concertos, e participado en centenares de programas de televisión e radio.

Eloi Caldeiro, compositor, voz e batería de Brath, foi pioneiro na fusión da música galega con outros ritmos e estilos.

Brixel
Brixel é un grupo musical que interpreta temas tradicionais recollidos principalmente nas comarcas de Monterrei, A Limia e As Frieiras. O grupo formouse no ano 2006, con músicos que viñan participando doutros grupos coma Birimbao, Os Remudes da Paneira ou Xastreu, e basea o seu repertorio nun amplo traballo de recolleita realizado pola agrupación Birimbao dende os anos 80 até a actualidade. O grupo ten actuado en festivais, como o Sons e Ruralidade de Vimioso (Portugal), ou en festas populares, como a Romaría Etnográfica de Vilanova dos Infantes. Brixel ten no mercado unha gravación titulada “Polos carreiros da lembranza”.