Coanhadeira en concerto Imprimir
Luns, 16 Agosto 2010 11:32

Coanhadeira preséntase en Verín actuando en concerto na praza García Barbón o venres día 20 de agosto, ás 23 horas. O acto está patrocinado pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo e polo Concello de Verín, e organizado pola Asociación Galega do Acordeón.


Coanhadeira é un grupo que mestura a música tradicional e popular coas músicas contemporáneas, e que ten no seu haber triunfos en importantes concursos peninsulares no ámbito do folk. Na primeira quincena deste mes de agosto actuaron no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña-Francia), no Encontro de Buners (Andorra) e no Eurofolk 2010, en Córdoba.

Historial

En 2007, gañaron  na Sección Folc no I Concurso “Nsaio no Camiño; e no 2008, no  XI Concurso Folc “Radio Obradoiro”. Como froito deses premios gravaron o seu primeiro CD “Haique”. No 2008 participaron no Festival Intercéltico de Ortigueira, nas Festas da Ascensión en Santiago de Compostela, nas Festas do Corpus en Ourense, e acadaron o segundo premio no Concurso Folk estatal “Folkez Blai” de Ermua. O ano pasado foron os gañadores do concurso folk internacional “IV Escenario Prau 2009”, en Colindres-Cantabria,fixeron unha xira de presentación do seu primeiro disco por Portugal, e gravaron o seu segundo CD, “Po”. O septeto está integrado por Patricia López, voz e pandeireta; Xerardo Quintela, acordeón; Jesús Pérez “Chechu”, gaitas, whistle e zanfona; Marcos Pérez, batería e percusións; Óscar Freire, gaitas e saxos; Fernando Barroso, guitarrista; e Abel Estévez, baixista.

Discografía
Haique (2008) recolle o principal do repertorio do grupo desde a súa formación, con renovacións de arranxos nalgún caso e  colaboracións de  músicos da talla de Guadi Galego e Fonso “Skarnio”.
Po (2009) mostra a evolución dun grupo que en moi pouco tempo soubo avanzar e definir o seu propio son e estilo, e evolucionar cara un  novo cadro instrumental.