O Festival de Música Via Stellae organiza en Verín dous concertos da súa quinta edición Imprimir
Xoves, 08 Xullo 2010 12:46

Verín acolle dous concertos desta edición 2010 do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños ‘Via Stellae’ que promove a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.


O primeiro deles terá lugar mañá 9 de xullo, ás 21 horas, na Igrexa Parroquial de Santa María A Maior. No mesmo a formación Camerana Quiodi dirixida Plamen Velev interpretarán Serenata para cordas: Tchaikovski e Elgar. Este conxunto instrumental foi creado no ano 2001 por iniciativa do violoncelista Plamen Velev co propósito de ampliar a oferta de música de cámara como complemento da programación das grandes orquestras en Galicia. A súa composición é variable, e segundo as necesidades da programación conta coa colaboración de salientables músicos galegos e de prestixio nacional. Un dos seus obxectivos é fomentar o coñecemento da cultura musical entre a xente máis nova e preparou numerosos concertos didácticos por encarga do Concello e a Universidade de Santiago, iniciativas que tiveron unha gran repercusión e aceptación nos círculos educativos e docentes.

Protagonistas do segundo dos concertos serán Jorge Rentaría, Beatriz López e Javier Gutiérrez, que interpretarán obras de Strauss, Bernstein e Reinecke na súa
Fantasía para clarinete, trompa e piano. O mércores 21 de xullo, ás 20.30 horas, na Igrexa dos Mercedarios.