O obradoiro de emprego conclúe a rehabilitación do Parque de Chaves Imprimir
Venres, 11 Xuño 2010 09:45

As obras restauración e rehabilitación do verinense Parque de Chaves -sito nas piscinas descubertas ‘A Granxa’-, realizadas polo Obradoiro de Emprego Baronceli, concluíron esta semana.

As melloras efectuadas nesta zona recreativa constan dun novo empedrado no chan e bordos, instalación de mobiliario urbano -bancos e papeleiras-, unha fonte na zona central e parque infantil, e recuperación de árbores e plantas.

O Obradoiro de Emprego Baronceli, destinado a formación de 26 persoas en paro do municipio, foi concedido en outubro do ano 2009 pola Consellería de Traballo e Benestar. O mesmo, dun ano de duración, ten por obxecto a inserción laboral de traballadores desempregados maiores de 25 anos nas seguintes especialidades: xardinería, restauración de áreas degradadas e axuda a domicilio.  Ademais, este obradoiro conta cunha importante particularidade: o 50% das prazas ofertadas están destinadas a persoas discapacitadas, aínda que perfectamente capacitadas para o desenvolvemento dun traballo e que presentan unha maior dificultade para a súa integración no mundo laboral. Para este fin, asinouse un convenio de colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), sendo o obxectivo final deste obradoiro a posta en marcha dun Centro Especial de Emprego, para proporcionarlle ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características, e facilitándolle desta forma a súa integración no mundo laboral.