Nova páxina web e Oficina Virtual do Cidadán do Servizo Municipal de Auga Imprimir
Xoves, 06 Maio 2010 12:04

A empresa Espina & Delfín, SL., concesionaria do servizo municipal de auga de Verín, presenta unha nova páxina web na que se inclúe unha Oficina Virtual do Cidadán, destinada a facilitar información básica sobre este servizo e impulsar as xestións administrativas do mesmo.

A web, www.espinaydelfin.com, inclúe teléfonos de contacto, enderezo postal, localización sobre mapa e enderezo electrónico da oficina de Espina y Delfín en Verín. Ademais, permite acceder a toda a información referente a taxas e prezos, regulamentos, canon da Xunta de Galicia ou calquera outra lexislación aplicable no concello, consulta de trámites de altas, baixas, cambio de titularidade ou a documentación a aportar en cada caso para poder efectuar o trámite.

Por outra banda, esta web oferta aos/ás verinenses a posibilidade de realizar boa parte das xestións máis habituais nunha oficina desde a súa casa, evitando desprazamentos ou xestión a través do teléfono, a través da Oficina Virtual do Cidadán. Entre as xestións que se atopan na mesma están: lectura de contadores -mediante un breve formulario poderá enviar directamente a lectura do contador cando non se atope en casa no momento da visita dos inspectores-, cambio/notificación/domiciliación do pagamento -cambios nas domiciliacións bancarias para o pago dos seus recibos-, factura online -o servizo permite consultar e imprimir facturas electrónicas emitidas pola empresa, que inclúen unha sinatura dixital para garantir a autenticidade da súa orixe e a integridade do seu contido- e servizo de consulta de consumos -desde a oficina virtual poderá acceder aos consumos tanto medios como totais que se efectuaron no seu domicilio ou empresa, así como ao importe que este consumo supuxo-.

Esta iniciativa supón un paso máis na aposta pola atención personalizada e as novas tecnoloxías na empresa Espina & Delfín, SL, que permite acceder á información en tempo real, lexislación aplicable e ligazóns a organismos públicos onde comprobar a información.