O Concello de Verín e MicroBank renovan o convenio para o financiamento de microcréditos Imprimir
Venres, 04 Decembro 2009 13:41

O Concello de Verín e MicroBank da entidade bancaria ‘La Caixa’ renovaron o convenio de colaboración para o financiamento de microcréditos, suscrito no pasado ano 2008. Este convenio permitirá incentivar a actividade emprendedora favorecendo a igualdade de oportunidades de homes e mulleres, mozos/as, novos residentes, persoas con discapacidade e colectivos vulnerables en situación de exclusión financeira -liña de microcréditos sociais-. Ademais, financiará o establecemento, consolidación e ampliación de microempresas, negocios de autónomos e proxectos de autoemprego co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo, a creación e consolidación do emprego -liña de microcréditos financeiros-.

O criterio de concesión dos microcréditos sociais por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza e viabilidade dos proxectos a financiar, que non requiren das garantías e avais necesarios para acceder aos créditos do sistema financeiro tradicional. O carácter social dos microcréditos vén avalado polo feito de que unha gran parte dos microemprendedores sexan mulleres e inmigrantes, dous dos sectores de poboación con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.

MicroBank, en funcionamento desde fai dous anos, diríxese a todas as persoas cuns recursos económicos limitados e ás empresas do terceiro sector, co obxectivo de fomentar a actividade produtiva, o desenvolvemento persoal e a creación de ocupación.

Para obter máis información sobre este convenio deben dirixirse ao departamento de Desenvolvemento Local, situado no primeiro piso do Concello de Verín, ou a propia entidade bancaria.