Chegan os días grandes para os menores da ludoteca e do campamento urbano do Concello de Verín Imprimir
Xoves, 21 Xullo 2022 12:23

Rematado o día de onte no parque acuático Naturewaterpark de Vila Real, chega un tempo cheo de actividades para os nosos nenos e nenas. Unha serie de xornadas pensadas para os máis novos terá lugar entre os días 21 e 29 de xullo, rematando co gran final: o Desfile da Ludobatucada, que este ano xirará entorno a temática McDonald´s.

Os cativos pasarán xuntos a noite do 21 ao 22 de xullo, xa que as xornadas comezan cunha fantástica acampada nocturna. Despois de cear todos xuntos ás 21:30, os rapaces e rapazas pasarano en grande nunha noite de xogos en grupo: busca do tesouro, nubes queimadas, first dates, escondite nocturno e ata historias de terror ou unha batalla de canto. Ao espertar o día seguinte, colaboraremos todos para recoller e deixar todo ben limpo, e remataremos a festa cun grande almorzo. Que todo o mundo lembre chegar ao colexio ás 20:00!

 O día 26 de xullo estaremos de celebración: festexamos o día de Galicia e o día mundial dos avós e avoas. Os rapaces e rapazas do campamento urbano decorarán unhas cunchas de vieiras e realizarán unha xincana chea de probas centradas na cultura galega. Mentres tanto, os nenos e nenas da Ludoteca dedicaranlle a xornada aos avós e avoas, elaborarán traballos manuais que gustarán moito aos máis maiores. Unha boa idea é deixar que os avós e avoas leven aos cativos ás actividades! Este fermoso día rematará cunha foto de familia dos pequenos cos seus maiores.

As rapazas e rapaces deberán gardar forzas para o 27 de xullo, día da “Bicicletada”. Os e as pequenos ciclistas percorrerán as rúas da vila acompañados do persoal da Ludoteca. Un día para valorar a importancia da seguridade viaria, o exercicio, a saúde e a mobilidade sostible. Mais as actividades deportivas non rematan aquí, porque o día 28 gozaremos dunha mañá de piragüismo no Támega. Será a partir das 10:30 na praia fluvial. Que todo o mundo se prepare para remar e pasalo xenial!

 Para o gran final recuperaremos, despois de dous anos de pandemia, o fantástico Desfile da Ludobatucada. O día 29 de xullo os nenos e nenas da Ludoteca e do Campamento Urbano desfilarán polas rúas de Verín dando a benvida á Batucada 2022. A actividade comezará ás 11:00 horas e este ano terá a temática de McDonald’s. O percorrido será circular, comezando no CEIP Amaro Refojo e seguindo pola Rúa Laureano Peláez, a Praza do Concello, a Praza da Mercé, a Rúa da Cruz e a Praza García Barbón. A xornada rematará con música e baile na xa habitual Festa Infantil da Ludoteca, que terá lugar no CEIP Amaro Refojo.

Todas as actividades veñen organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil, e teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais. Tamén se propoñen para cubrir dun xeito divertido o tempo vacacional dos menores con idades comprendidas entre 3 e 14 anos.