Verín recibiu aos autocaravanistas de AGA, que percorren o sur de Galicia nun roteiro enolóxico Imprimir
Xoves, 03 Marzo 2022 13:42

 Esta mañá, máis de medio centenar de autocaravanistas visitaron o Museo de Verín no marco do Roteiro do Viño organizado por AGA (Asociación  Galega de Autocaravanas). Os mesmos, acompañados do seu vicepresidente, Xosé Anxo Cid, foron recibidos nas instalacións municipais polo tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen aproveitou para anunciarlles que a vila do Támega contará unha nova área municipal de autocaravanas antes de que finalice este ano 2022.

Segundo confirmou Lourenzo esta nova zona municipal destinada ao  autocaravanismo estará emprazada na Preguiza. Unha contorna privilexiada situada nunha gran zona verde municipal que comunica o río Támega coa próxima estrada de Vences; e tamén moi céntrica, a poucos metros da Alameda de Verín.

«Esta demostrado que o turismo de autocaravana, que se atopa actualmente en plena expansión, convértese nun beneficio directo para a economía local daqueles lugares que elixen como destinos. É por iso», explicou Lourenzo, «que desde o grupo de goberno apostamos pola creación desta nova área que dará cabida a medio centenar de vehículos e que dispoñerá de todos os servizos necesarios para o uso e goce dos usuarios desta modalidade turística.»

Roteiro enolóxico da Asociación  Galega de Autocaravanas

Neste roteiro, os participantes percorrerán durante 7 días, 350 km do sur da comunidade autónoma realizando visitas culturais e degustacións de viño en 6 adegas de catro das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro e Albariño Rías Baixas das subzonas Condado  do  Tea e  Val  do Salnés.