O artista local Fernando Barreira deseña o cartel oficial do Entroido 2022 de Verín Imprimir
Xoves, 03 Febreiro 2022 14:20

 O Entroido 2022 de Verín xa ten imaxe oficial.  O cartel ilustrador de esta edición foi presentado esta mañá na vila do Támega polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e por Fernando Barreira, artista local autor do mesmo.

Segundo explicou Fernando Barreira, con esta obra -realizada con tinta directa e utilizando papel fotográfico, cartolina e acuarela- búscase, a través das súas cores, recuperar o espírito festivo a alegre destas tradicionais festas tras un longo período de restricións derivadas da pandemia.

O cartel conta con varias ilustracións onde aparecen reflectidas certas figuras que, no seu conxunto, representan a esencia do Entroido de Verín. No centro atopámonos, como non podía ser doutra maneira, co personaxe máis icónico do Entroido de Verín, o  cigarrón,  reinterpretado baixo a mirada do autor. Tamén teñen especial relevancia o tradicional  capuchón e, a modo de antagonista, a figura dunha moza disfrazada de geisha. Segundo Barreira, «ambas as imaxes son a viva representación do noso Entroido; un máis tradicional e outro máis moderno, convivindo en harmonía». Na parte superior sitúase un touro travestido, que nos lembra o carácter transgresor desta celebración; e un diaño, «que representa o espírito propio de burla e picaresca que se respira durante estes días de festa», destacou Barreira.

O autor anunciou tamén que cede gratuitamente todos os dereitos de reprodución da obra ao Concello de Verín, podendo o mesmo realizar as adaptacións que considere oportunas para promocionar as festas. A obra orixinal pasará a quedar exposta permanentemente nalgún dos espazos públicos da Casa Consistorial.

Pola  súa banda, Gerardo Seoane quixo lembrar que «aínda que sabemos que este ano o Entroido non terá a intensidade que nos gustaría, con este cartel de primeiro nivel queremos demostrar que dende a organización farase un esforzo extra para manter toda a esencia, forza e alegría que o caracteriza».