O Museo de Verín aumenta a súa oferta pedagóxica de educación ambiental coa exposición “Emerxencia climática: feitos e datos” Imprimir
Luns, 09 Agosto 2021 10:10

O Museo de Verín acolle ao longo do mes de agosto a exposición “Emerxencia climática: feitos e datos”, unha exposición cedida polo CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia  para achegar información científica contrastada que nos permita argumentar, debater e crear conciencia da necesidade de actuar ante a grave crise climática que estamos a vivir.

A exposición xa foi visitada por diferentes grupos de cativos e cativas das ludotecas da comarca. Durante estas visitas, as novas xeracións amosaron a súa conciencia respecto á necesidade dun cambio e debateron sobre as diferentes opcións para conseguilo, dende as pequenas ás grandes accións.

“Emerxencia climática: feitos e datos”, enfocada desde a educación ambiental e baseándose en información científica contrastada, pretende proporcionar os fundamentos básicos que argumentan a crise climática que vivimos. O obxectivo último da mostra é achegar ao público os aspectos básicos relacionados con este problema ambiental global para favorecer a súa comprensión, xerar procesos de reflexión, e conseguir comportamentos dirixidos á acción para a mitigación e adaptación.

O Museo de Verín reforza con esta iniciativa a súa programación en educación ambiental engadindo valor á estratexia pedagóxica que continua dende a súa apertura e coa que pretenden mellorar as relacións das persoas coa súa contorna. Para iso, traballase a prol de dar a coñecer o valor patrimonial e cultural da comarca de Verín, sempre procurando estimular o coñecemento e a conversa e achegando o debate dos obxectivos da axenda 2030 á realidade diaria da súa veciñanza.

O horario de visitas, como ven sendo habitual, é de mércores a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Para calquera consulta, os usuarios poden contactar co museo a través da súa páxina de Facebook, do correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo   ou ben chamando ao teléfono 617963905