‘As árbores perdidas’ e ‘Persoas coma ti: Tres artes’ na Casa do Escudo de Verín Imprimir
Luns, 02 Novembro 2009 14:22

A Casa do Escudo de Verín acolle ata o próximo 12 de novembro, a exposición ‘As árbores Perdidas’, de Xosé Ramón Reigada.


Unha mostra, enmarcada no Outono Fotográfico, que recolle doce fotografías sobre o paisaxe cambiante da comarca de Monterrei. Árbores, montañas, núcleos de poboación e a auga dos ríos forman o fío condutor dunha viaxe pola natureza efémera desta comarca. Xosé Ramón Reigada (Castrelo de Abaixo -Riós-, 1971), naturalista e fotógrafo autodidacta, participa en diversos programas de conservación de fauna e xa exhibiu as súas fotos en numerosas exposicións colectivas.  

Por outra banda, desde o 3 ao 11 de novembro, a Asociación de Familiares de Enfermos Mentais Morea expón na Casa do Escudo a mostra ‘Persoas coma ti: Tres Artes’, que recolle o traballo artístico en pintura, escultura e fotografía de José Ramón Vázquez González, Juan Manuel Paz Gulías e os usuarios do Centro de Rehabilitación Piscosocial de Ourense.

Ambas exposicións poderanse visitar de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.