O alcalde de Verín reivindica en Mondariz o papel de tractor económico das infraestruturas termais Imprimir
Mércores, 14 Xullo 2021 09:47

 O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, expuxo onte en Mondariz o caso de éxito de Verín no impulso da recuperación das infraestruturas termais, asegurando que «hai que repetir o exemplo dos séculos XIX e XX, no que o establecemento dunhas instalacións balnearias supuxo a articulación de núcleos urbanos coma Verín ou Mondariz», ademais de «instaurar elementos tractores da economía local» que potenciaron o desenvolvemento destas vilas.

Gerardo Seoane destacou como en só catro anos Verín experimentou un reimpulso das súas infraestruturas termais de Fontenova e Caldeliñas, antes de 2016 en estado de total  abandono e pechadas ao público, «mediante actuacións de emerxencia e o impulso da complexa maquinaria administrativa para a súa rehabilitación».

Baixo a premisa política de que «o movemento se demostra andando», o rexedor de Verín desganou as actuacións que serviron, en pouco máis de dous anos, para reabrir ao público ambas surxencias históricas, destacando que a «rehabilitación do entorno correu parella á solicitude das declaracións de utilidade pública e demais mecanismos legais de cara a continuar o complexo proceso de recondicionamento».

«Agora», sinalou, gracias a aqueles primeiros esforzos «estamos emprendendo o axardinamento dunha gran lámina verde, un verdadeiro parque medioambiental e termal, que incremente o papel de gran pulmón verde que tiña Fontenova hai cen anos».

Mediante un audiovisual que amosou a evolución de ambas surxencias nos últimos anos, Seoane foi desgranando os pasos a seguir, lembrando como no seu día a creación dos establecementos balnearios permitiu o nacemento de rúas, establecementos comerciais, desenvolvemento mercantil «e outros elementos de artellamento urbano que construíron a realidade do que foi Verín durante 100 anos».

«Hoxe», sinalou o alcalde de Verín, «o desafío e repetir aquela proeza, e mediante a captación de recursos de todo tipo, entre os que agardemos que teñan un papel destacado os novos fondos europeos, pero tamén a iniciativa privada, poder voltar a articular o desenrolo das vilas termais mediante o rexurdimento dos recursos balnearios».

O alcalde de Verín participou na xornada “In Situ”, un ciclo específico dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega e que se realiza no lugar onde se localiza o elemento patrimonial no que se centra a actividade.

Co gallo da elaboración do “Informe sobre a Fonte de Troncoso e a súa situación de emerxencia” por parte do CCG en 2020, a petición da Plataforma SOS Fonte de Troncoso pola situación de abandono que sufría este elemento, obra de Antonio Palacios, a xornada deste ano celebrouse alí.

O seu obxectivo e  analizar a problemática patrimonial e de conservación que teñen moitos destes balnearios en Galicia e cales son algunhas das solucións que se veñen adoptando para a súa recuperación e posta en valor.