Os gañadores dos Certames “Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez” e “Relato Curto Antonio Fernández Pérez” expoñerán as súas obras ante o público nas RRSS do Concello de Verín Imprimir
Mércores, 05 Maio 2021 12:11

 Un ano máis, a situación sanitaria limita as posibilidades dos actos presenciais axendados para o Día das Letras Galegas. Coa finalidade de manter viva a celebración programada para a entrega de premios dos Certames “Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez” e “Relato Curto Antonio Fernández Pérez”, a concellería de Educación Cultura e Festexos presenta “Lectura nas redes”, un novo formato onde a tradicional gala presencial substituirase, ata que poida volver a celebrarse, pola difusión de contidos dixitais nos que o protagonismo será para o propio alumnado gañador dos concursos literarios.

Realizaranse unha serie de pezas audiovisuais nas que os cativos e cativas gañadores das diferentes categorías dos certames lerán os seus relatos e poesías. Ditos vídeos serán publicados ao longo do Día das Letras Galegas nas redes sociais do Concello de Verín (Youtube, Facebook e Twitter), dende as que se fomentará a súa difusión e se facilitará o seu arquivo, e posterior accesibilidade, para a prosperidade.

«A idea desta actividade - explicou Emilia Somoza, concelleira de Educación Cultura e Festexos- é utilizar o potencial das redes sociais para chegar á poboación xeral, facendo fincapé nos axentes educativos, en especial nas familias, co fin de que se fomente o uso do galego na infancia. Mais tamén é importante que sexan os cativos e cativas as protagonistas do evento, de maneira que poidamos empoderalos e fomentemos así a súa curiosidade e respecto pola nosa lingua».