A Xunta de Galicia orzamenta a construción dun auditorio en Verín Imprimir
Venres, 23 Outubro 2009 12:48

A Consellería de Cultura e Turismo presentou nos orzamentos do ano 2010 a concesión de 1.800.000 euros para a construción dun auditorio en Verín.

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, recoñeceu “que se trata dunha das grandes demandas efectuadas, desde fai máis de dez anos, pola poboación de Verín e dos municipios próximos á localidade”. A dotación orzamentaria por parte da Consellería de Cultura e Turismo, de 300.000 euros no ano 2010 e 1.500.000 para o 2011, “reafirma as xestións realizadas desde este grupo de goberno nestes últimos anos, a pesares de quedar estancadas tras a moción de censura do tripartito, que non fixo ningunha actuación neste ámbito cando na Xunta estaba o goberno amigo”, asegura o rexedor, “e que permitirá que Verín conte unha infraestrutura cultural de primeira magnitude, da que os veciños e visitantes poderán desfrutar nun breve prazo de tempo”.

Ademais, Jiménez Morán recoñece que co fin de avanzar neste proxecto, e en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a finais de ano se iniciarán as xestións para adquirir o terreo no que se localizará o auditorio. “Estamos satisfeitos coa colaboración das diferentes consellerías da Xunta de Galicia con Verín”, indica o rexedor, “xa que nos últimos meses conseguimos que se orzamentasen partidas inexistentes para o anterior goberno bipartito, e que propiciarán no só a construción deste edificios senón a adecuación doutros bens culturais na comarca, como o caso do Camiño Real”.