O Concello de Verín reactiva a súa axenda cultural a partir do 26 decembro Imprimir
Venres, 04 Decembro 2020 14:06

 O Concello de Verín reactiva a súa programación cultural a partir do sábado 26 de decembro. Así pois, a vila do Támega arrinca a súa axenda con cinco interesantes propostas -catro representacións teatrais e un concerto- pensadas para o desfrute de todos os públicos. Hai que recordar que se suspenderan todas as actividades públicas programadas a raíz do aumento da incidencia da Covid-19 en Verín, situación que se estabilizou nas últimas semanas.

A concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, quixo destacar que «é moi importante recuperar a nosa actividade cultural e reabrir os espazos públicos, sempre mantendo un estrito protocolo de seguridade  deseñado para garantir, en todo momento, a saúde das persoas». Para garantir a seguridade e evitar aglomeracións de xente na taqu illa, a reserva de entradas para todos os eventos realizarase en liña a través da plataforma de ataquilla.com. O prezo das mesmas será de 5 euros para as cinco propostas, que terán lugar no Auditorio Municipal de Verín.

O 26 decembro, ás 19:00 horas, chega a Verín  a representación da obra de teatro “Idiota”.  Dirixida por Alex Sampayo sobre un texto do catalán Jordi Casanova e coprotagonizada por Susana Sampedro e polo verinés Machi Salgado (gañador do premio María Casares ao mellor actor protagonista), trátase dunha comedia negra sementada de minas en forma de dilemas morais e acuciantes descargas de presión psicolóxica que se mergulla nos mecanismos da manipulación, nos resortes da codicia, o poder das grandes corporacións, a capacidade da tolerancia ante o abuso de autoridade e as inconmensurables dimensións da estupidez humana, sempre ignorante da letra pequena das cláusulas que impón a vida.

«Un home preséntase a unhas probas psicolóxicas remuneradas. O que pensa que será unha forma sinxela de conseguir o  diñeiro que necesita para resolver os seus problemas económicos converterase nunha auténtica trampa. Unha atractiva psicóloga exporalle preguntas e enigmas que o poñerán nervioso obrigándolle a sacar o mellor de si mesmo para evitar un fatal desenlace.»

O 3 de xaneiro, ás 17:30 horas, a compañía Teatro Avento Producións, representara “Mmm! Unha comedia musical para chupar os dedos”, unha divertida peza infantil e familiar finalista ao mellor espectáculo infantil nos XXIV Premios de Teatro María Casares 2020. Ao ser un  espectáculo infantil, permitirase a asistencia dun adulto e un menor en butacas adxacentes, sempre mantendo o consecuente protocolo de separación co resto de asistentes.

Sumándose á tendencia de amor polo culinario, a acción deste musical dirixido a público a partir de 3 anos de idade, desenvólvese na pastelaría de dona Remedios, onde Ana (a verinesa, Rocío Salgado) e Lito (Martín Maez) terán que chegar a un pacto para defender os seus intereses. Polo camiño, e sempre en clave de comedia, irán transmitindo valores como a igualdade, a importancia do esforzo, a tolerancia ou o traballo en equipo. Ademais, o repertorio de cancións inclúe pezas destinadas a reforzar o léxico dos números ou as cores.

O 6 de xaneiro, ás 19:00 horas, será a quenda da agrupación musical “De Vacas”. Veñen de facer unha xira mundial de máis de 120 concertos nos que encheron prazas e teatros. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en todos os idiomas do mundo, pero aman aos   nosos poetas por encima de todo, como Enrique Iglesias. Rescatan retrousos  esquecidos,  tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da   Laranxeira.  Ansida de Mocidade e fusión internacional.

O 9 de xaneiro,  ás 19:00 horas, representarase “O mozo da última fila”, unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística. Dirixida por Alex Sampayo e cun reparto de luxo, este texto foi escollido en 2018 dentro de plans de fomento á lectura en institutos de secundaria.  Elenco artístico: Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salado y Ruben Puerto.

«Claudio é un estudante de secundaria que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir dese intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector. Ese relato compartido polo discípulo e o mestre converterase nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.»

Por último, o 23 de xaneiro, ás 19:00 horas, o grupo  MDM, poñerá en escena a obra de Carlo  Goldoni “El mentiroso,” unha simpática comedia, para todos os públicos, dividida en tres actos que relata a historia dun mozo que xamais puido dicir a verdade. Bufóns, burgueses e a xente do pobo conviven en “El mentiroso.” Elenco artístico: Daniel Vignolo, Mauricio Albera e Javier Calleja.

«Un Home, sentado a unha mesa, observa un  cubilete de dados. Estamos a metade dunha partida ao mentireiro ou, quizais, a partida non comezase aínda. Non o sabemos. O caso é que o Home espera o próximo movemento do seu adversario, só que fronte a el non hai ninguén. Ou quizais, si. O xogo é unha escusa para falar de calquera cousa, por exemplo, da familia, de traballo, de política ou de Deus. De mentiras.»