Un ano máis Verín participa XIII Limpeza Simultánea de ríos do Proxecto Ríos Imprimir
Venres, 25 Setembro 2020 13:05

Limpeza Rios O vindeiro domingo 27 de setembro é a data na que se realizará a actividade á que o Concello de Verín se suma novamente organizando un grupo de limpeza para a décimo terceira edición das limpezas simultáneas de río, organizadas por ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia).

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. 

A XIII Limpeza SimultáneaMóllate polos ríos” celebrarase este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 58 entidades como asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino. A limpeza será o 27 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas máscaras co lema da limpeza.

Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona polo que os grupos serán de 10 persoas como máximo e respectarase a distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de uso obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.