Verín celebra o acto/coloquio solidario “Apartados… al lado” do artista Fernando Barreira. Imprimir
Venres, 18 Setembro 2020 13:08

Apartados Este xoves, 17 de setembro, tivo lugar no Auditorio Municipal de Verín o acto/coloquio solidario “Apartados... al lado”, unha gala organizada polo artista verinense Fernando Barreira na que se levou a cabo un coloquio e a entrega de cinco óleos, pintados polo propio Barreira, cuxos beneficios foron doados en favor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín e da área de Servizos Socias de Verín.


O acto contou coa colaboración de Edelmiro Mateo e Isabel Risco, e a participación de Enma Veiga, David Rodríguez Rivada, Manuel Alfonso, Javier Cid Domínguez, Eugenio Quintas Alborés e Diego Lourenzo Moura, ademais do propio Barreira.

Baixo o nome de “Apartados... al lado”, o artista verinense Fernando Barreira Mateo traballou durante o Estado de Alarma nunha serie de cinco lenzos (50x50), que foron poxados durante o confinamento. A finalidade deste traballo foi recadar fondos de maneira totalmente altruísta para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín e a área de Servizos Sociais da mesma entidade pública.

Na gala entregábanse ditas obras e culminábase así este proxecto cun coloquio no que os colaboradores puxeron en común, dende as súas perspectivas persoais e profesionais, cales son, ou poden ser, as principais claves que axudan a comprender a configuración da sociedade actual e os seus cambios debido á situación sanitaria nestes tempos.